Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A Quimera e o Pazo

Franco, de civil, cos daquela príncipes Juan Carlos e Sofía, ás portas do pazo de Meirás. //Arquivo FARO

Hai coincidencia en que se ergueu un castelo tardomedieval en Meirás, Sada, que as tropas napoleónicas maltrataron gravemente en 1809. Alí nacera un seu dono (1748), Xohán Xosé Pardo e Pardo de Cela, coronel, que casou con Luísa Bazán, filla de Pedro Bazán de Mendoza. Desta unión veu ao mundo nun belo pazo de Cambados, en 1784, Miguel Pardo Bazán, quen sería militar de tendencia liberal que matrimoniou con Xoaquina Mosquera Ribera. De ambos foi fillo Xosé Pardo Bazán Mosquera, gaveador social, político volúbel e xurisconsulto influínte. Do casamento deste Xosé con Amalia Rúa Figueroa e Somoza naceu, como filla única, Emilia Pardo Bazán e Rúa Figueroa, a ilustre escritora, no ano 1851. Polo tanto, entre as propiedades herdadas por Emilia encontrábase o que aínda Otero Pedrayo chamou "Castelo de Meirás".

Un día, Xosé Pardo Bazán aspirou a un título nobiliario e, coma otros suxeitos ambiciosos de toda Europa, foino encontrar no Vaticano. Dado que a Resorgimento despusuíra o Papa dos Estados dos que era soberán e da maior parte das súas riquezas, o pontífice entrou no negocio de expender, en troco dun óbolo, títulos de nobreza a diversos tipos de emerxentes. Pío IX, pois, converteu Xosé en conde de Pardo Bazán. E eiquí comeza unha complexa operación de enxeñaría nobiliaria que, primeiro, transformou o tal condado en título de Castilla e, despois, sometería este a escisión adoptando unha das partes a denominación de Torre de Cela. De xeito que, á morte do pai, en 1890, Emilia Pardo Bazán converteuse en heredeira da casa da rúa das Tabernas, do enxoval do piso arrendado da Calle Ancha de Madrid, e das torres demoucadas de Meirás. E foi condesa. Por entón, Emilia estaba moi unida á súa nai Amalia e distanciada do seu marido Xosé Quiroga e Pérez de Deza. Sobre todo, Emilia triunfaba e triunfaba como escritora.

Segundo Ángel del Castillo, Amalia e Emilia decidiron facer dos restos das Torres de Meirás un soño de pedra. A imaxinación literaria da filla aliaríase cun certo gusto artístico da nai, e ambas consagráronse á fabricación do novo Meirás poñendo, di Ángel del Castillo, "a primeira pedra" no ano 1893. O que fixeron foi levantar en Meirás unha sorte de Castelo ou quinta de inspiración medievalizante que podería ben compararse coa igrexa neorrománica de Vidago (Chaves) e cuxo "e´lan" criativo tiña moito que ver coas fantasías arquitectónicas de Luís II de Baviera, "o Rei Tolo". Carlos Martínez-Barbeito asocia o neorrománico do novo Meirás coas ousadas restauracións góticas de Viollet-le-Duc. Axudarían na obra de Meirás Vicente de Lampérez, ilustre arqueólogo e historiador, e maila súa dona, tamén erudita, Blanca de los Ríos. Pero o citado Barbeito pensaba que o máis influínte conselleiro de Amalia e Emilia fora un dandy coruñés, ceibo e millonario, de orixe camerana: Álvaro Torres Taboada. A torre de Meirás na que estaba o estudo de Emilia chamouse "La Quimera". Este Torres deseñou el mesmo e fíxose construír un fantasmático Castelo medieval en Vilaboa (Rutis, Culleredo) que foi a admiración das clases mercantís da Coruña. Morto Torres Taboada, o chateau de Vilaboa pasou aos seus herdeiros, que se desprenderon del. Chegou até o Fondo dos nosos Espellos un rumor segundo o cal os novos propietarios do castelo de Vilaboa negáronse a llo vender á comisión formada na Coruña para comprar un pazo e regalarllo ao Caudillo en 1938. Disque foi por isto polo que Barrié de la Maza, Álvarez de Sotomayor, Bugallal Marchesi, Molina Brandao e demais compoñentes da comisión franquista puxeron a vista na Granxa ou Torres de Meirás da que era ao tempo única propietaria a filla de Emilia, María das Neves (ou Blanca Nieves) Quiroga Pardo Bazán, marquesa viuva de Cavalcanti. Esta vendeu.

Franco amosouse moi feliz de recibir Meirás, un soborno ou "cohecho" ("máxime vindo dos meus paisanos" - recorda Ramón Villares). E a ignominia consumouse. Unha Pardo Bazán, da familia dos que se consideraban do sangue do Mariscal Pedro Pardo de Cela, vendeulle as Torres de Meirás a unha asociación de burgueses franquistas que habería de entregarlle o predio á figura histórica que máis dano lle fixo a Galicia e a España. Nin Castelo, nin Torres, nin Granxa. Franco, actuando como o esnobista que era, pasou a chamarlle a finca "Pazo" de Meirás, o cal se converteu nun dos centros de poder da Longa noite de Pedra. De pedra, coma as tallas do Mestre Mateo que, para vergoña nacional, acaban de regresar á capela de Meirás como testemuña muda dunha colosal apropiación indebida.

Disto e doutras cousas concomitantes seguiremos a tratar no Fondo dos Espellos.

CAIXA POSTAL

  • Chégannos varias cartas ao Fondo dos Espellos nas que se menciona o asunto da "devolución" ao pobo do Pazo de Meirás. Tratarei de responder.Na miña opinión, non se debe falar de "devolución" xa que aquela propiedade nunca foi do pobo. A anterior propietaria vendeulla á comisión que lla regalou a Franco. Trátase de que os poderes públicos, o Concello de Sada, a Deputación Provincial, a Xunta, o goberno español ou quen sexa se incaute das Torres de Meirás e, xa a propiedade no dominio público, se lle dea un uso en beneficio do pobo.Parece evidente que a Deputación da Coruña e outras institucións están verdadeiramente interesadas en expulsar de Meirás á familia de Franco. Pola miña parte ignoro cales son os plans para conseguilo, pero doulles todo o meu humilde apoio, sentimental e privado.Mais non se trata só de Meirás. A familia Franco fíxose tamén co pazo de Cornide, situado fronte á Colexiata de Santa María, no corazón mesmo da cidade da Coruña mediante o que parece ser que foi unha subasta fraudulenta. O pazo de Cornide é, simbólica e artísticamente, de interés máis alto ca o falso "pazo" de Meirás. Ademáis non se acha tan marcado coma este pola miseria do franquismo. En todo caso, os predios de Cornide e de Meirás deben pasar ao dominio público tras de seren incautados.Finalmente hai que pensar nas esculturas do Mestre Mateo que tamén detenta a familia Franco. Por fraude e dentro dunha operación, coma as anteriores de Meirás e a Coruña, que sería calificada pola tradición penalista española como "cohecho" ou soborno, o concello de Sango comproullas a un particular, que non sabemos de onde as sacou, e regaloullas a Franco, quen aceptou encantado o cambalache. Sábese de outras pezas artísticas de valor que a Familia Franco foi acumulando. Imponse, pois, unha investigación ou auditoría das propiedades da familia Franco e a incautación dos bens que ela foi receptando.A torre máis alta de Meirás levaba o nome de "La Quimera".Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats