Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Verne en Galiza

Revista Atlántida, Coruña, 1955.

En 1955 Francia redescubriu Jules Verne. Cumpríanse cincuenta anos da morte daquel autor e novas sensibilidades críticas, coma a de Roland Barthes, lanzaron olladas sobre el desde ángulos inéditos. Multiplicáronse as versións cinematográficas baseadas nas grandes obras de Verne, e, con elas, apareceron algunhas das "Viaxes Extraordinarias" en forma de banda deseñada e coleccións de cromos. Nese mesmo ano 1955 o mundo marabillouse cos fondos submariños que apresentaba o film de Jaques Cousteau, de título Le Monde du Silence. Moitos e moitas da miña xeración fixéronse con gafas, tubo e aletas, e descobriron lameiros de verdello, fragas de carromeiro, vergallos de coiro nos fondos submariños das rías galegas. Os vellos polbeiros puñan cristais no fondo de caixotes e examinaban os laños como nunca o fixeran. Todo propiciaba que voltásemos á leitura de 20.000 leguas baixo os mares e doutras obras de Jules Verne.

Daquela, o réxime non alentaba a lectura de Verne, por ser considerado autor laicista e progresista. Sobre 1955 algún escritor da Falange (Alfaro, Eugenio Montes, Sánchez Mazas ou Mourlane Michelena) publicou un artigo contra Verne no que se recordaba que os separatistas vascos lles facían ler aos das mocedades do PNV as páxinas de 20.000 leguas nas que se describe a galería de retratos de herois independentistas do mundo. Galería, engado eu, en todo semellante a acumulación de nomes de patriotas europeos que figura no Pondal máis nacionalista.

Galicia sumouse a aquel rexurdimento verneano. Na primavera de 1955 saíu á rúa, na Coruña, o número 8 da revista Atlántida. Nel, alén do logotipo de tema surrealista e submariño, apareceron uns versículos pre-beat de Urbano Lugrís, por el mesmo ilustrados, nos cales se amosa a alma verneana do xenial artista. O texto titúlase "Homenaje a Julio Verne" e á súa fronte campa esta dedicatoria: "A Julio Verne, que me inventó alas allá por mis verdes quince años y continúa inventándomelas". En realidade, a maior e a mellor parte da obra de Urbano Lugrís constitúe unha homenaxe a Jules Verne e, moi especialmente, ás 20.000 leguas baixo os mares. Se ignorásemos que a derradeira morada do Capitán Nemo se encontra n´A Illa Misteriosa, diriamos que o cadro "Habitación do Capitán Retirado" a representa.

Sobre 1966, do Instituto Santa Irene das Travesas xurdiu unha proposta dirixida á autoridade municipal. Consistía en que o nomenclátor da cidade recollese nomes de personalidades ilustres da Cultura. José G. Posada-Curros, profesor do centro canda min, participou, con outros colegas de claustro e cun grupo de alumnos, na experiencia. Posada incluíu na lista de personalidades que debían dar nome a novas rúas de Vigo a Jules Verne. A proposta do Santa Irene non tivo eco, a pesares de Posada-Curros desempeñar o cargo de arquiveiro municipal. Se cadra o derradeiro arquiveiro municipal da historia de Vigo.

Nas primeiras eleccións locais do actual réxime en Vigo, a candidatura independentista Galicia Ceibe incluíu no seu programa diversos recoñecementos públicos a Jules Verne, pero non obtivo votos. Logo, o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados de Pontevedra, cuxo decano era Leónides de Carlos, propuxo que a ponte de Rande adoptase o nome de Capitán Nemo, sen ningún éxito. Dosinda Areses insistíu, tamén sen efectos, na idea de Ponte do Capitán Nemo (A Nosa Terra, 1.X.1982). Ollo no Fondo dos Espellos e vexo que son eu o derradeiro dos partidarios de darlle o nome de Nemo a Ponte de Rande.

Pero, iso si: a Sociedade Verneana de Vigo vive e florece. Eduardo Rolland é un procurador incansábel na historia de Verne relacionada con Vigo. Existen dous monumentos en honra de Verne en Redondela e en Vigo.

Fálase de lle facer un museo galego ao autor de 20.000 leguas baixo os mares. Trabállase sobre el e a súa literatura en institutos e colexios públicos. Felizmente Vingt Mille Lieues sous les Mers e L´Ille Mystérieuse viron a luz en senllas traducións ao galego. Incluso ouvín decer que lle van dedicar a Jules Verne unha doca no porto, sempre de Vigo. Concédese en San Simón cada ano o premio Jules Verne.

En canto a nós, en minoría, en contumacia e en memoria de Leónidas de Arlos Ardanaz seguiremos pedindo que a de Rande pase a chamarse Ponte do Capitán Nemo. E por que non irmandar Vigo con Nantes, a cidade que acollía os Estados Xerais de Bretaña no Antigo Réxime?

CAIXA POSTAL

Galicia e a Causa Kuerda

  • "Aprezado señor, leo con frecuencia os seus escritos en prensa. Non estou moitas veces de acordo co que vostede di, e politicamente moi separado. As veces irrítame e me obriga a discutir con outras persoas sobre temas ideolóxicos. Vostede non acostuma a escribir sobre Kurdistan, aínda que si que o ten feito sobre Siria e sobre o nacionalismo árabe que representa o ditador El Assad. Vexo con moita pena que un rapaz de Ourense foi morrer a Siria, e quixera a súa opinión ao respecto. Grazas". Mateo Martínez Nogueiras. Barcelona. En poucas liñas non podo expresar toda a pena que tamén me produciu a morte do voluntario ourensán ao servizo do pobo kurdo e dos pobos oprimidos do mundo Samuel Prada León. Desde o Fondo dos Espellos quixera expresarlle á nai de Samuel Prada e aos seus amigos e camaradas as miñas condolencias. O Kurdistan non existe como estado. A nación kurda si, e tamén o territorio ou chan patrio ao que ten dereito. Os kurdos encóntranse en Irán, en Siria, en Irak, na mesma Armenia. Son pobo que fala unha lingua indoeuropea, que foi islamizado. O nacionalismo kurdo non é musulmán e áchase tan dividido coma está dividido o seu pobo entre diversos estados. Non existe unha única política kurda. Por exemplo, algúns kurdos de Irak apoiaron a invasión norteamericana e a aniquilación de Sadam Hussein, pero non por iso acadaron un estado propio. Desde o meu punto de vista, Samuel Prada León estaba, como declarou valentemente a súa pobre nai, "no lado bo". Era un voluntario internacionalista da YPG que se encontra no espazo pankurdo PKK. Foi morto polos turcos, que son, os piores inimigos da nación kurda. Tanto, que lle negan a existencia. Non sei hoxe, pero, nos meus tempos, en Turquía estaba prohibido falar de kurdos. Hai que lles chamar "turcos das montañas". O xove Prada (24 anos) caeu combatendo contra Turquía e o Estado Islámico, movemento no que se concentra a ausencia de razón e todo o odio de que é capaz o corazón humano. Por parte, caiu levando o nome de Galicia no corazón. Emociona pensar que este combatente internacionalista era coñecido cun nome de guerra cargado de poesía e de saudade: "Baran Galicia", "Choiva Galicia". E para min El Assad non é ningún dictador senón o presidente árabe laico que freou os EEUU e o Estado Islámico. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a: X. L. Méndez Ferrín Faro de Vigo Policarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats