Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ponte do Capitán Nemo

Vista da actualmente chamada Ponte de Rande, esta semana. // Gonzalo Núñez

En 1870, e na Imprenta Imperial e Real de Viena, Francisco Adolpho de Varnhagen facía estampar por primeira vez en letra de molde unha das cántigas de Martín Codax e maila única conservada de Meendiño. Nese mesmo ano 1870 e no 18 da Rue Jacob de París, Pierre-Jules Hetzel culminaba a edición por entregas, nunha súa revista educativa, de Vingt mille Lieue sous les Mers ("Vinte mil leguas de baixo os mares" (traducción galega de Mercedes Pacheco, Ir Indo, Vigo). A Illa de San Simón, a nena das ondas do Mar de Vigo e o Nautilus do Capitán Nemo entraban ao mesmo tempo no universo da letra impresa.

Festexouse en Vigo estes pasados meses a memoria de Martín Codax con motivo da exposición do Manuscrito Vindel no Museo do Mar. Ábrense xa as solemnidades conmemorativas da relación de Verne con Vigo. No Fondo dos Espellos sumámonos aos fastos. E aparécensenos as páxinas de 20.000 leguas, estremecentes, nas que o naturalista Aronnax entra, subrepticio, na cámara do Capitán Nemo. Repara Pierre Aronnax nunha galería de retratos que penden das paredes. Todos son vultos relevantes da Revolución.

Alí o está Tadeusz Kaciusko, heroi polonés contra rusos e prusiáns, morto no exilio. Acolá, Markos Botzaris, dirixente do alzamento grego contra o Imperio Turco en 1820. A carón loce Daniel O´Connell e, con el, entra no Nautilus toda a Irlanda insurxente que ama o nacionalismo galego. A alta figura de Washington faísca na compaña de Abraham Lincoln, "mártir da liberación da raza preta", a quen Neruda rendiría homenaxe. Pasa Manin, republicano que incendiou Venecia contra o odiado Austríaco. E John Brown, si, o do himno John Brown´s Body, que inventou o Black Power norteamericano e morreu enforcado non sen que Victor Hugo lle fixese digno pranto. Mirando todo isto, aínda que non o que viría no futuro, o profesor Aronnax preguntábase se Nemo non sería un "campeón dos pobos oprimidos e un liberador das razas escravas". Verne, no seu relato, dispuxo que así fose.

Nun xogo folletinesco de intriga, epocal, o narrador determina que o intruso Aronnax perciba dúas cousas: a Illa de Creta e un inmenso tesouro, situado en Rande, que os tripulantes do Nautilus saquean. Creta acababa de sublevarse contra o "despotismo turco" e Aronnax descobre todo o que estaba oculto. Co ouro de Rande, administrado polo enigmático Capitán Nemo, son subvencionados movementos revolucionarios e, moi precisamente, os de liberación nacional, de todo o mundo. Incluído, naturalmente, aquel alzamento independentista de Creta. Diante dos ollos de Aronnax xorde a verdade. O ouro submariño resultante da batalla de Rande, na Ría de Vigo, é empregado en soster "todos os seres sofrentes, as razas oprimidas da Terra, os miserabeis que é preciso consolar e as víctimas que é preciso vingar". Nas palabras escritas por Jules Verne transparecen as de Pottier Internacional, escritas na fogueira da Comuna de París.

Verne e Hetzel procedían da Revolución de 1848. Confiaban no progreso científico, no poder emancipador da instrucción e da educación. As Viaxes Extraordinarias de Jules Verne teñen algo de enciclopedia e moito do método de "leçons de choses", hoxe diluído no esquenzo. A lectura dos contratos asinados por Verne e Hetzel, que se gardan no museo de Nantes, asegúrannos que nun e outro parceiro se perceben as mesmas lealtades e valores, así coma a esperanza indomábel no futuro dunha Humanidade ceibe e dona de si mesma e das materias e enerxías cósmicas. Na obra de Verne hai técnica e ciencia, pero non relixión nin submisión ao mito. O laicismo é inseparábel da obra verneana, polo cal ela nunca foi ben vista nos dominios educativos do catolicismo e outras fes.

Hetzel e Verne pretenderon educar os nenos de Francia. Non sabían que terminarían tamén por nos educar a innumerabeis rapaces de Galicia e do Mundo enteiro. Beizón.

A final de L´Ille Mystérieuse ("A Illa Misteriosa"), traducida ao galego por Anxela Gracián, Xerais), a novela perfecta do xénero de intriga, revélase o Capitán Nemo coma un príncipe da India que renunciou ao seu rango para apoiar, desde a profundidade dos Océanos, a causa universal da Libertade dos pobos e dos individuos. Xa sabiamos que os recursos económicos que puña Nemo ao dispor dos movementos transformadores da sociedade procedían da apropiación que el facía dos tesouros que a monarquía española lle arrebataría aos pobos de América e que foran parar aos fondos mariños de Rande.

Estas e outras son as razóns polas que levamos un mundo de anos a pedir que a actual Ponte de Rande pase a se chamar Ponte do Capitán Nemo, oficial e regularmente. Non parece que haxa moitos cidadáns dispostos e apoiaren a proposta. Se cadra, para lle chamar, á que cruza o Estreito de Rande, Ponte do Capitán Nemo, haxe que expropiar e nacionalizar previamente a empresa monopolista que hoxe explota o pontádego.

Á memoria de Urbano Lugrís

CAIXA POSTAL

Jules Verne e o circo

  • Escríbenme, desde Ourense, África Valencia e o seu fillo Miguel, que son devotos de Jules Verne (eles chámanlle sempre Xulio) para preguntarme se o escritor estivo realmente implicado no mundo circense. Parece que esto se desprende dun artigo publicado en Inglaterra e que no Fondo dos Espellos descoñecemos.Só sei decerlles que, hai anos, fun informado no Museo Jules Verne, situado nunha altura moi poderosa desde a cal coido que se divisa a foz do Loira, de que o escritor, nun intre determinado da súa vida, foi elixido conselleiro municipal de Nantes, unha das capitais históricas de Bretaña. Dicíase que o logro máis importante de Verne no concello foi que a súa cidade tivese un circo estabel, coma o Médrano de París.Dado que Vigo gozou do privilexio de ser a única cidade galega con circo estábel, o Tamberlick, podíamos preguntarnos se Verne ao ver o noso circo non se lle ocorrería, nunha das súas viaxes a Vigo, a idea de levantar en Nantes algo semellante.Se así foi, non deixaría de ter graza. Orabén, haberá que mirar se o Teatro Circo Tamberlick estaba xa en pé e funcionando nas datas das dúas visitas de Verne ao porto e Cidade de Vigo, onde hoxe se celebra a presenza real do escritor e a literaria de Nemo, Aronnax, Ned Land, Conseil e tripulantes anónimos e misteriosos do Nautilus no fondo da ría. Non podemos, polo tanto, axudar a África Valencia e ao seu fillo Miguel.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats