Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A Conspiración celanovesa da Pólvora

Mosteiro de Celanova, onde nace o mito da Conspiración da Pólvora. // J. Regal

Durante un tempo, a orde da Madre de Deus das Escolas Pías recibiu dos poderes públicos o uso da maior parte do convento de Celanova para alí instalar un dos seus famosos colexios neocatólicos con alumnos externos, internos e mediopensionistas, gratuítos e de pago, os cales tiñan que render exame dos seus coñecementos de bacharelato no Instituto de Ourense. Falamos do colexio dos Escolapios de Celanova, moi aprezado pola burguesía galega, que, en data que descoñezo, se mudou ao antigo edificio da Compañía de Monforte.

Continuamos hoxe co tema dos neomitos ou mitos urbanos, agora no escenario dun centro escolapio poboado de renovos da clase acomodado que chegaban a Celanova desde diversos puntos de Galicia. Sobre 1908, meu pai, a quen chamaremos, polo seu verdadeiro nome, ou sexa Venancio, facía o primeiro de bacharel nos Escolapios de Celanova como mediopensionista, xa que a familia residía a carón, en Vilanova dos Infantes.

Impartía en Celanova clases de francés e outras materias un escolapio "dúas veces severo", segundo o relato de Venancio. "Chamábase Padre Severo e era severo até a crueldade cos seus alumnos", explicaba Venancio. Un día, os alumnos maiores decidiron inflixirlle ao Padre Severo un castigo exemplar. Reuniron, unha cantidade de pólvora procedente de cartucho de caza que un bo número de alumnos, incluídos os máis cativos como era o caso de Venancio, lles colleron aos seus pais na casa. Con toda esta pólvora fixeron un paquete de papel de estraza e atáronno con baraza grosa. Metéronlle unha mecha proporcionada polo fillo dun mestre de obras de Pontevedra. Colocaron a bomba na cela do Padre Severo e plantáronlle lume á mecha. Os que conseguiron percibir o resultado máis ou menos de perto, desde a Horta do Noviciado, non ocultaban a súa decepción. O artefacto non estoupou senón que a penas deflagrou nunha labarada insonora que, iso si, encheu de fume a cela do Padre Severo e de cheiro boa parte do corredor alto onde se encontraba. Ao parecer houbo interrogatorios pero ningún dos conxurados revelou nada. O que si, ao principal dirixente da conspiración da Pólvora de Celanova, fillo dun conserveiro de Vigo moi coñecido, quedoulle mentres permaneceu no internado, o alcuño de Ravachol.

Vintetantos anos despois, o Padre Severo seguía sendo severo en Celanova, e un dos seus alumnos era un neno que había de chegar a poeta co nome de Celso Emilio Ferreiro. Segundo me contou Celso Emilio Ferreiro, había un escolapio, profesor de francés, que se chamaba Severo e érao até a crueldade. Un día xuntáronse os maiores e acordaron darlle un susto ao frade. Fixeron conspiración e os externos e mediopensionistas, coma o propio Celso Emilio, sustraeron cartuchos de caza dos pais respectivamente. Un dirixente da conspiración, de maior idade e cuxa familia estaba lonxe, xunto con outros, apretaron a pólvora nun paquete de papel de estraza, que ataron fortemente. Puxéronlle unha mecha, que proporcionara o fillo dun contratista de obras de Pontevedra, e meteron a bomba na cela do Padre Severo. Como vostede ben supoñen, a bomba fixo menos ruido ca a do poema nuclear que Celso Emilio escribiría moitos anos máis tarde. Deflagrou en silencio e encheu de fume a cela do escolapio e todo o corredor alto do claustro barroco cheirou durante un tempo a pólvora.

Teño entendido que, cando os escolapios, se mudaron a Monforte, o Padre Severo aínda estaba en activo. Non sei se os seus alumnos alí tamén conspiraron contra el e lle puxeron unha bomba imaxinaria que non chegou a explidir. Teño que lle preguntar a Luis Ferreiro Loredo, fillo do noso inesquencíbel Celso Emilio, que cursou algo do seu bacharelato nos Escolapios da cidade ferroviaria e feudal do Cabe. Sería curíoso que o neomito da bomba continuase en Monforte, abofé.

En cualquer caso, estamos diante dun mito urbano, do subxénero do que en EEUU se coñecen como mito de claustro ou mito de campus. Sen dúbida hai na estoria unha base certa: os alumnos do colexio odiaban ao Padre Severo e soñaron con poñerlle unha bomba de advertencia. O resto, seguramente, e unha construcción literaria, anónima, colectiva e fantasiosa. Os alumnos dos Escolapios, en promocións e cursos sucesivos, entran no mito da bomba ao Padre Severo e minten. E así se foi fraguando o relato que nestas notas chamaremos, en homenaxe a un episodio famoso da Historia de Inglaterra, Conspiración celanovense da Pólvora. Atención: Anonymous anda ceibe.

CAIXA POSTAL

  • Chegan ao Fondo dos Espellos as Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se celebraron a Lugo do 21 de outubro a 2017. A obra, insistindo sobre o obxecto de estudo, ten un carácter predominantemente oral. Isto é, percíbese o pálpito da oralidade nas comunicacións, o que favorece a liquidez ondeante dos contidos e desfavorece a concreción positiva dos fenómenos. Durante X anos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Deputación de Lugo, estiveron a organizar con éxito estas Xornadas. Nesta última entrega recibimos información preciosa de Xulia Marqués Vales, Isidro Novo, Antonio Reigosa, Gonzalo Navaza, Rosario Soto Arias e Marcos Escudero, canteiro (ou pedreiro). Os que aman a cultura de tradición e transmisión oral, anónima e colectiva, estarán da festa con este libro que recolle o falado (oralmente, pola boca, como dicía o outro) en Lugo. Sabedoría, ciencia regular e ourella atenta ao que se di e como se di: eis a arte de escoitar e aprender. "Os homes, os feitos, as verbas", era unha sección etnográfica que locía espléndida na vella e honrada revista Nós.Nesta mención irregular só queremos ceibar unha chamada de atención a un asunto transversal do que nós non trataremos directamente. Falamos da presenza nas falas currilarias de certos lugares de Galicia, de verbas argotizantes galegas de orixe, para nós, Romané. E tamén a aparición, cada vez máis forte, de xerga de canteiros en lugares, coma Bergantiños, que non son nin Terra de Montes nin Mourente nin Xeve nin Cuntis. Hai xa ben anos, nós demos unha pista de palabras da xerga de pedreiros do Morrazo, moi ben conservada. Angueira coñece o fala dos pedreiros e canteiros de Asados e da Barbanza. Estamos pensando que o verbo dos arghinas primeiramente estudado non é máis que o coto emerxente dun iceberg máis amplo e afondado na base. Ogallá as Xornadas de Tradición Oral e Literatura de Lugo enceten, o labor de sistematización territorial galega do latín dos canteiros ou sexa cheguen á certificación científica e positiva de que hai máis verbos ca o verbo coñecido. A lingua, incluídas as formas subsidiarias da lingua, sempre gardan solpresas que están á nosa espera para nos virar a cabeza de sitio. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats