Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ourense e mito urbano

O "Albert Einstein" é un laboratorio de métodos e sistemas contrarrevolucionarios que no tempo no que vostede le estas palabras está a actuar en Ucraína, en Cuba, en Venezuela, en Siria...

Eirociño dos Cabaleiros; no fondo, a rúa de San Miguel (Ourense).

Sendo vella, episcopal e mesmo sueva, Ourense é cidade laicista, bulreira e inventora do que uns chaman neomitos e otros din mitos urbanos. Eu, ourensán de vella torgueira, confésome coleccionista de mitos urbanos. Acabo de dar caza a un deles que deseguida compartirei cos lectores interesados nesta sorte de fábula.

Na rúa de San Miguel findaba o Ourense medieval murallado; precisamente na Fonte do Rei. Nesta rúa era o Mares: a derradeira das tabernas decimonónicas da cidade, con mesas corridas e sempre abrancazadas a poder de fregas de lixivia. No interior, os siareiros acompasaban a conversa ao bruído mecánico da non alonxada imprenta de Otero. Eran famosas en Ourense as tortillas de pataca do Mares, das que fruían menestrais e funcionarios tendentes a unha certa bohema diurna. Entre eles, o inspector de escolas e discutido intelectual, defrontado aos nacionalistas de Nós, Antonio Couceiro Freijomil.

Se a Couceiro lle puñan na casa, á hora de xantar, tortilla, o erudito torcía o bico e dicíalle á muller así: "Esta tortilla está seca". E engadía: "Non hai tortillas coma as do Mares". Paréceme lembrar que o Ben-Cho-Chey incluiu, no seu catálogo de nomeadas ourensás, "Ceregumil", famosa xarope tónico e reconstituínte, como alcuño do intelectual que evocamos aquí como adicto á tortilla do Mares.

Poderiamos situar Couceiro, a tortilla do Mares e este episodio mínimo na Dictadura de Primo de Rivera. E veleiquí que, un día, o erudito chegou a xantar á súa casa, cousa das dúas ou tres da tarde. A muller, por mao dunha criada, púxolle no prato unha posta tringular de tortilla. Couceiro, encertouna. Torceu o bico. "Esta tortilla está seca", dixo coma adoitaba. "Ai si? -púxose a muller cun rir triunfante- pois acabo de a atraer eu mesma do Mares!"

Sobre 1943 fechou a derradeira taberna ourensá do século XIX, ou sexa a do Mares. Vinte ou máis, anos despois de botar a tranca o Mares, abriu na "Plazuela del Cid", un dos máis fermosos currunchos de Ourense, que hoxe chamamos Eirociño por indicación de Ferro Couselo, un restaurante chamado Irixo. Este foi aprezado entre outras cousas, polas súas empanadas. O novo Irixo do Eirociño non cadraba lonxe do vello Mares de San Miguel.

E velaí que o fuciño rosado da vella toupa saiu da súa toupeira para respirar. O mito urbano rexurde e alenta de novo no vello Ourense. Leo un artigo de Rafael A. Salgado no que se conta como o Irixo se fixo famoso pola calidade das súas empanadas. Un cliente, cuxo nome Salgado vela piedosamente como "Valentín", adoita fartarse de empanada no Irixo do Eurociño dos Cabaleiros. Se a muller lle pon empanada no xantar, dille sempre que está seca. "Empanada as do Irixo!" -exclamaba un día e outro "Valentín" cando a muller lle serve a posta triangular de empanada feita na casa.

O desenlace xa o lector o sabe. A muller de "Valentín" manda vir unha empanada do Irixo. O marido di que a empanada está seca e que non hai empanadas coma as do Irixo. A dona relouco co riso e espétalle triunfal, ao home que a que ten diante é unha auténtica empanada do Irixo.

Coido que o Irixo das empanadas, como moito antes o Mares das tortillas, fechou as portas. A formica e o aceiro inoxidábel do primeiro foille facer compaña aos netos de medi-lo viño e ás táboas fregadas do segundo. Pero a estructura do neomito ou mito urbano non resultou alterada polo curso do tempo. O funcionario ensarreado antes de xantar, a falla de respecto á muller e a vinganza final desta, son elementos fixos que non se perderon na transmisión oral. Nin tampouco na escrita por Rafael A. Salgado, e mais por min agora eiquí, no Fondo dos Espellos. Apostaría algo a que, nun intre calquera do futuro, alguén vai contar de novo esta estoria con personaxes que levaran outros nomes ou pseudónimos e que se referiran a outros estabelecementos de comidas de Ourense. Estou seguro de que a estructura argumental do mito se manterá intacta.

Dado que o mito, vello e novo, tende a viaxar e é impredecíbel, ao mellor imos encontrar o asunto do Mares/Irixo narrado sen alteracións fundamentais nalgunha colección de grazas e sucesos do século XVI debido a un calquera Juan de Timoneda de aquí ou acolá.

Ourense é unha cidade sen aldeas e sen freguesías campesiñas no seu rodopío. A literatura narrativa que abrolla en Ourense desde o século XIX (Pérez Placer, Alvarez de Nóvoa, Risco, inclusive Otero e Lamas, por non citar coma emblema Blanco Amor) amosa un carácter urbano preponderante. O cal explica a tendencia ao neomito ou mito urbano nas lerias e conversas domésticas, tabernarias ou escenificadas no Liceo, que se percibe nas falas habitualmente elocuentes e faiscantes dos ourensaos e das ourensás de onte e de hoxe.

CAIXA POSTAL

  • "Señor Ferrín, acabo de ler un libro moi interesante de Francisco Macías. El é titulado así: De Quiqui Bar.... a Castromil. Fala, entre outras evocacións históricas composteláns, do edificio que foi coñecido como Castromil por encontrarse nel a administración da famosa empresa de transporte de pasaxeiros con sede en Compostela. Ao meu modo de ver, o derrubamento deste edificio supuxo unha grande perda para o patrimonio histórico de Galicia e de Santiago de Compostela. Non é que significase só unha obra insigne do estilo finisecular (entre o XIX e o XX) senón porque, despois de botalo abaixo, construíron alí un parking que inutilizou a praza resultante. Ao meu modo de ver, botaron abaixo o Castromil. E o que resultou é unha chafallada que só se poderá arranxar fechando o parking e aterrando o seu oco, dado que non podemos reconstruir o Castromil. O que pasou en Compostela é único e un exemplo do que non pode ser en materia de urbanismo. "Moitas grazas, e mándolle un saúdo ao Fondo dos Espellos"Roi Sacau Hervada/VigoCoincido co noso comunicante en que o libro de Francisco Macías, patrón das compostelanas Edicións Positivas é lectura moi importante. Desde logo, o consenso cidadán culto e progresista da cidade de Santiago estivo en contra da demolición. O que quixera anotar agora é que, antes e despois do Castromil, en Compostela e en toda Galicia, botáronse abaixo edificios que merecían ser conservados. Sinalemos, pola súa importancia histórica, a desfeita que en Vigo acabou coa estación do ferrocarril. Botáronna abaixo igual cá estación do Castromil, e non pasou nada. Isto é só un exemplo que extraemos do Fondo dos Espellos a maior abondamento do que se di no libro de Macías e do que expón arriba o noso atento comunicante. Un día un grupo de teatro galego representou unha farsa na que se saía a aparición de petróleo baixo o Pórtico da Gloria. Diversos axentes sociais debatían na obra sobre como se solucionaría o conflicto entre a supervivencia do monumento histórico e a fluencia de diñeiro que proporcionaría o pozo petrolífero. Sempre se trata do mesmo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats