Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Cid Campeador e supremacía de Castela

Ramón Menéndez Pidal. // Arquivo FARO DE VIGO

No ano 1898, Cuba, Filipinas, Puerto Rico, illas do Pacífico coma Guam, deixaron de pertencer a España por obra do patriotismo insurxente e, sobre todo, da armada e dos marines dos EEUU. Cundiu entre os intelectuais da matrópole a negra sombra da desolación. Así xurdiu, segundo o relato que nos foi transmitido, a "Generación del 98"; profundamente nacionalista. Esta, na que non incluiremos Valle-Inclán, entregouse ao soño dunha rexeneración inmaterial que se basaba no mito de Castela como esencia espiritual de España. Ramón Menéndez Pidal (1869-1968), historiador e filólogo, puxo toda a súa ciencia ao servizo da idea dunha Castela chamada a guiar todos os pobos ibéricos a unha terra de promisión chamada España.

Tratabamos na semana pasada do Poema del Cid. Voltaremos hoxe sobre tal texto da literatura castelán, que Menéndez Pidal intentou erixir en primeiro monumento literario da lingua e da nación española. Hoxe, cando se fala e se escribe tánto dos nacionalistas cataláns empeñados, ao parecer, na falsificación da Historia, vexamos o que Menéndez Pidal, e os seus discípulos do Histituto de Estudios Históricos a tras del, fixo co Poema del Cid.

Na súa edición crítica deste poema, Menéndez Pidal decide que a era (ano 1207) e o autor (Per Abbat) que figuran no único manuscrito coñecido do Poema del Cid están equivocados. Per Abbat non é para el o autor do texto senón un "simple copista" e, o ano que se consigna, costitúe unha errata ou descoido do citado escribinte. Logo, Menéndez Pidal afirma que o poema foi composto sobre o ano 1140. Anos máis tarde da primeira edición, Menéndez Pidal intentaría demostrar que a obra tiña como autores dous fantásticos xograres; un deles de Medinaceli e outro de Gormaz. As dúas partes primitivas do poema confluirían nunha mediante un proceso que o filólogo chamou de "tradicionalización". Para rubustecer a súa proposta, Menéndez Pidal modificou o texto do único manuscrito conservado nun intento de achegar a súa lingua a un castelán literario do século XII que, en realidade, descoñecemos por falta de documentos. En realidade, o mestre da filoloxía española do século XX foi ousado até a temeridade.

Estas prácticas de Menéndez Pidal foron aceptadas pola ciencia filolóxica de todo o mundo e houbo que agardar a que dous hispanistas británicos, Collin Smith e Ian Michael, chegasen por separado, á conclusión de que a obra foi realmente composta por Per Abbat no ano 1207. Polo tanto, falen cartas e calen barbas.

Por que traballou Menéndez Pidal tanto por facer ver que o Poema del Cid é máis antigo do que en realidade é? El desexaba velo nacer nun tempo misterioso e fundador. Coma os poemas homéricos naceron, de forma tradicional e colectiva, nacional en suma, segundo nas brumas románticas de Alemaña se sentía. Asi sería o Poema del Cid o primeiro monumento literario de Castela. Como en Castela afloraba a forza nutricia de España, tamén o Poema del Cid sería o primeiro monumento da Literatura Española: o cerne poético, caracterolóxico, moral de España. Para conseguir isto, o sabio filóloxo tiña que desconsiderar a totalidade da literatura poética galega, incluíndo as Cántigas de Santa María e os Cancioneiros, que acumulaban un inmenso corpus entre os séculos XII e XIV. Facendo recuar a data da composición do Poema de Mío Cid, Menéndez Pidal convertía este en nacional-popular anónimo e "juglaresco" (propia poesía orixinaria herderiana) e en priminexio. A poesía galega sería, asi, en termos comparativistas e historicoliterarios, posterior, culta, provenzalizante, mentras que o Poema brillaba coa forza dos poderes poéticos dos numens homéridas. As Cántigas de Afonso X e os poemas dos cancioneiros, pasarían a seren secundarios: posteriores no tempo, formalistas, regulares, cultistas e formulados nunha lingua destinada a ser subalterna e marxinada pola expansión do castelán en forma de cuña achandadora.

No 98 non só perdía España territorios ultramariños. Tamén en Galicia, Euskadi e Cataluña se producían movementos literarios e ideolóxicos que contradecían a supremacía castelán e se sublevaban en diferentes graus contra a supremacía castelán de España. "Había intervenir" - escribira Azorín nun dos seus famosos artigos de ABC sobre a "Generación del 98". E Menéndez Pidal tomou ao seu cargo o labor de fabricar, no dominio histórico e filolóxico, a idea de Castela como esencia nutricia e razón épica construída con modos impregnados de idealismo nacionalista español.

Os membros da "Generación del 98" evoluíron políticamente de forma diversa, e Menéndez Pidal, que fixo parte da intectualidade da República, non figurou no réxime dos triunfadores na Guerra Civil. Pero as súas ideas históricas e filolóxicas si que foron asumidas íntegramente polos vencedores, e se converteron en canónicas e dominaron as cátedras universitarias e os programas escolares e do Bacharelato. O día 23 de xullo de 1955, Franco inauguraba en persoa a estatua ecuestre de Mío Cid Campeador, da autoría de González Quesada, que o réxime erixiu en Burgos. O cabalo amaga un ar de amblure ao modo carolonxio e o Campeador monta sobre sólida sela galega e calza rexas huesas. A barba de Rodrigo é fluvial e el empuña unha espada que non sabemos se é Tizón ou aquela Colada que o desterrado lle roubara ao infeliz Conde de Barcelona.

CAIXA POSTAL

  • Manuel Pazos Gómez, historiador e arquiveiro, fainos chegar un seu libro conmovedor: Victorino Verea Montero, Imaxes contra o esquecemento, Concello de Oroso, Arquivo Histórico da Imaxe, 2015. O autor trata da vida e da obra dun veciño, coñecedor de cabalos e cooperativista agrario, que animou a sociedade e a cultura do termo municipal de Oroso. Victorino Vera Montero foi fotógrafo ambulante nas terras da súa veciñanza, e aínda outras. O seu ollo crítico soubo captar un tempo, anos da segunda metade do século XX principalmente, e salvar a súa imaxe da perdición e do esquencemento. O libro, alén do texto, moi valioso do ponto de vista crítico, danos fotos, moitas fotos. Fotos de xentes e algún animal. Unha soa foto, a dunha meniña en traxe de primeira comuñón ben montadiña nun cabalo de pura raza galega, podería converterse en imaxe da permanencia. Dicimos persoas, vidas, anécdotas. A nena monta, por chiste, no besta de raza arcaica, que seguramente sabe sacar a marcha ou amblure ou andadura. A carón, un grupo de mozos, entre eles Victorino, agrupados arredor dunha excelente moto, quizais a mítica Sanglas das que soñou a miña xeración. Entre o cabalo e a motocicleta, un tempo agrario a dinámico, e as súas festas; tamén os seus traballos. Ten a virtude, o libro sobre Victorino Verea Montero, de facernos sentir saudades dunha bisbarra na que nunca paramos e duns homes, mulleres e nenos cos que nunca convivimos. Esta colección de fotos píllannos de sorpresa e atráenos ao seu interior. Obríganos a participar nunhas convivencias idas xa, pero conxeladas para todo tempo futuro polo ollo sagaz de Victorino aplicado ás súas máquinas, fieles coma os cabalos que domamos e dominamos con amor.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats