Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Cataláns no "Poema del Cid"

O "Albert Einstein" é un laboratorio de métodos e sistemas contrarrevolucionarios que no tempo no que vostede le estas palabras está a actuar en Ucraína, en Cuba, en Venezuela, en Siria...

O Cid Campeador, símbolo da supremacía imperialista castelá. Interpretación escultórica contemporánea. M.A.M.

Non obstante a cosmética histórico-filolóxica de Menéndez Pidal, no ano 1207 un incerto Per Abbat, ou sexa abade ou crego, escribiu o Poema del Cid. O Cantar I de dito poema épico castelán termina co enfrentamento de Mio Cid Roy Diaz de Bivar, non cos mouros nin cos orgullosos aristócratas da vella torgueira de orixe leonesa senón con cataláns que aparecen como cobardes, atildados e ridículos nesta obra fundacional.

Andaba o Cid roubando aquí e acolá por terras aragonesas cando entrou en dominios do Conde de Barcelona, que era daquela Berenguer Ramon II (ano 1090). Este sáelle ao Cid Campeador coas súas mesnadas de mouros e cataláns, chamados "francos" de forma despectiva. No episodio, o Cid non aparece reforzado polos seus amigos mahometanos, cousa que ocorre outras veces no Poema. Produciuse unha brevísima confrontación en Tévar.

Os cataláns querían recuperar os bens que os do Cid lle pillaran. Van na hoste do Conde de Barcelona xenetes moi vistosos, coas pernas calzas con escarpíns de pano e levan os cabalos ataviados con finas selas de parada: "todos traen calças e las siellas coceras". Contrariamente, os casteláns montan en sólidas selas galegas e calzan fortes "huesas" ou botas de coiro: "nos cavalgamos siellas gallegas e huesas sobre calças".Non se mira batalla rexa nin se desprega o tópos épico francés ao cal se axusta con exactitude o autor do Poema nas grandes ocasións nas que Mio Cid mide o seu poder con exércitos almorábides e outros. Case sen combater, o Conde é feito prisoneiro por ese invencíbel Campeador que se bandea pola bacía do Ebro no seu desterro espectacular. A voz narrativa comeza por declarar, antes de nada, que o Conde é un suxeito ensoberbecido e vaidoso: "El Conde es muy follon e dixo una vanidat". Xa en poder dos casteláns, o soberano de Cataluña decide porse en folga de fame: "non combré un bocado por cuanto hai en España".

Tras pasar tres días sen comer, o Conde recibe do Cid unha proposta fundamentada en dous puntos innegociabeis. O primeiro, que todos os bens que os casteláns roubaran nas terras do Conde de Barcelona, incluída a espada Colada, famosa, quedarían en poder do Cid e da súa mesnada. O segundo punto consistía en que Berenguer Ramon II, (2 chamado no Poema Remont Verengel), abandonaría a folga de fame.

Se así fixer, o Cid deixaría ir ceibo o Conde con dous acompañantes. O de Bivar senta á mesa e olla compracido como o Conde de Barcelona acepta as condicións e dá conta velozmente do xantar copioso que lle poñen dediante. O poema reférese festivamente á rapidez con que Berenguer Ramon manexa as mans para enviar os bocados. Aínda o Cid, despois da humillación, avisa ao Conde: "Se che se ocorre voltar para recuperar algo do que che quitei, estarei esperando por ti". ("Si me quisierdes buscar fallarme podredes").

En fin, O Cid deulle ao Conde e aos seus asistentes ricos briais, mantos e pelizóns, e ofreceulles cabalarías de calidade. Intencionadamente, o autor do Poema del Cid, ou sexa Per Abbat, especifica que os cabalos dados a Berenguer Ramon II e aos seus fámulos eran "palafrés", ou sexa cabalos mansos de camiño (non de guerra) do tipo dos que eran usados polas donas para os seus desprazamentos. Neste caso, a retranca habitual do Cid destílase nunha sorte de humor velenoso. Finalmente, cando o Conde de Barcelona está deixando a tras o campamento castelán sinte medo da posibilidade de que o Cid se arrependa e volva facelo prisioneiro: "miedo va haviendo de que Mio Cid se repintra". Os cataláns partiron para a súa terra e os casteláns quedaron dentro do Poema para non deixarnos a nós esquencer. Para non permitir que ignoremos que o odio a Cataluña e aos seus principais ten raíces moi fondas na historia.

No máis Fondo dos nosos Espellos queremos facer acordanza de Ian Michael, galés, e Collin Smith, inglés, hispanistas honrados que souberon restituír o Cantar de Mio Cid ao lugar da Historia ao que pertencía realmente. Un e outro foron amigos e bos coñecedores de Galicia. Ian Michael estivo fascinado pola personalidade do Conde de Gondomar e polo rol desempeñado polo diplomático galego na corte de Inglaterra. O segundo coñeceu ben a Cunqueiro e aínda traduciu ao inglés, como Merlin and Company, un dos libros máis importantes do mindoniense.

CAIXA POSTAL

O Almanaque Agrícola ZZ

  • Recibimos, coma todos os anos, o Almanaque Agrícola ZZ, que fai este 2018 sesenta e seis anos de idade. Danos vértixe notar como pasan os anos sobre nós e como o Almanaque Agrícola ZZ se mantén fiel ao seu espírito incial, e aínda rexuvenece e se mira vestido con galas novas. Foi esta unha publicación na que Laboratorios Zeltia do Porriño e os insecticidas ZZ combinaron información dirixida ás xentes do agro con información científica e difusión cultural. Desde o primeiro número a hoxe o Almanaque Agrícola ZZ estivo escrito integramente en galego, o cal di moito en favor do grupo Fernández e das súas equipas de dirección científica e empresarial. Nos primeiros anos, esta publicación e O Gaiteiro de Lugo eran as únicas de carácter periódico (anuarios ambas) que se expresaban só en galego. Quer o Almanaque ser discreto, e non soe incluír os nomes dos seus redactores e colaboradores. Non aparece neste número o nome de Xosé Lois Ripalda, mais eu teño a sospeita de que tal polígrafo é figura principal da Redacción do presente Almanaque de 2018 e dos de anos pasados. Se así é, os nosos parabéns ao excelente e incansábel escritor monoligue , como é o Almanaque. Non estou ben informado sobre a evolución corporativa dos que foron Laboratorios Zeltia, pero teño entendido que hoxe a súa producción de substancias fitosanitarias segue localizada no Porriño e usa Syngenta como nome. ZZ non sei se desapareceu ou non, pero a miña xeración tenna moi internizada e o asociarán sempre co necesario exterminio dos parásitos humanos e dos animais así como co combate contra as pragas do campo. Como hai que lle poñer algunha chata ao Almanaque Agrícola ZZ, eu, que vou vello e teño a vista moi deteriorada, preferiría que a publicación usase corpos de letra máis grandes e, polo tanto, lexíbeis. Polo de máis, todo moi ben.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats