Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O testamento pictórico de Lamazares

O Museo Centro Gaiás-Cidade da Cultura acolle a exposición Flor Novoneyra

Un aspecto da exposición "Flor Novoneyra" de Antón Lamazares.

Foi alá polo mes de maio cando Antón Lamazares viu as primeiras luces de Maceira (Lalín). É un dicir, porque no ano 1954 poucas lámpadas había nas aldeas do rural galego. Alí vive como un neno labrego á beira do gando e asiste á escola como calquera outro rapaz da súa idade. Cumpridos os dez anos, ingresa no convento franciscano de San Antonio de Herbón onde permanece cinco. A esa idade temperá mergúllase na lectura dos clásicos grecolatinos, comeza a escribir poesía e xorde así a súa dedicación á literatura. Daqueles tempos queda en Lamazares a querenza pola vida sinxela dos franciscanos. Lembra, con certa paixón, a súa influencia espiritual. San Xoán da Cruz e Santa Tereixa de Ávila son referencias ás que acode con soltura.

Poesía e pintura mestúranse na súa obra. O artista busca tonalidades que viaxen desde a súa visión ata a do espectador co fin de usar unha lingua común ou nova. O mesmo dá. A súa creatividade desenvólvese en mundos que necesitan o alleo, a viaxe, tanto física como mental, para poder expresar un novo concepto do mundo, do seu mundo cheo de cor e enxeño.

Van Gogh, Paul Klee, Rembrandt, Bacon, Miró, Millares ou Giacometti son referencias desa viaxe, como tamén o son Laxeiro, César Vallejo, Juan Ramón Jiménez, Luis Cernuda, William Blake, Hölderling ou Baudelaire. Poesía e pintura. Literatura e cor.

Entre o outono de 2015 e a primavera de 2017 traballa na exposición Flor Novoneyra dedicada ao autor de Os Eidos, que tanta influencia tivo nas novas xeracións de poetas galegos. Un Uxío Novoneyra que concorda co pintor de Lalín na identificación coa súa terra, coa aldea, co ocre, co barro, coa natureza abraiante dunha Galicia máis aló do verde.

Máis dun cento de obras realizadas polo autor de Alfabeto Delfín para esta mostra están expostas no Gaiás, na Cidade da Cultura. Tal como confesa, conforman "o meu testamento pictórico" e admite que "nunca puxen tanto interese no meu traballo como neste". Non é a primeira vez que a obra de Lamazares une a poesía e a pintura. En 1996 pinta a serie Gracias do lugar: Eidos de Rosalía, Eidos de Bama para unha exposición sobre Rosalía de Castro no Centro Galego de Arte Contemporánea, daquela dirixido por Gloria Moure. O poeta que nunca se imaxinou dentro da pintura, convértea nunha fonte de inspiración para a súa poesía. Con ela ábrese ao mundo.

Ninguén que se mova no eido da arte pon en dúbida a internacionalidade de Antón: Nova York, París, Barcelona, Madrid, Berlín ou Lalín son referencias vitais onde busca motivos para a súa inspiración, o mesmo que para unha nova aprendizaxe onde poder meter a cabeza e descubrir xeitos diferentes de expresión. A internacionalidade convértese tamén en aldea e sente a necesidade de volver á orixe. De aí nace Alfabeto Delfín, en lembranza do seu pai, para "contar cousas que non podo facer co alfabeto latino".

Pódese dicir que o lalinense é recoñecido na súa terra como nunca o foi ningún artista vivo. A Universidade de Compostela concédelle a insignia de ouro e a Xuntaoutórgalle a Medalla Castelao, unha condecoración que recoñece o compromiso e o labor dos galegos e galegas polo país e que o sitúa á altura dun Valentín Paz Andrade, un Ramón Martínez López ou un Antonio Fraguas, por poñer exemplos de cidadáns que se sacrificaron por acadar un futuro para as novas xeracións que aseguraran os vimbios dos que estamos feitos. Como ben di, "o país non se acaba nunca, nunca..."

Esta é a armazón dun artista galego que se viste polos pés: o compromiso. Ese que nace do traballo diario, do esforzo cotián que se tés sorte, che permite avanzar no que emprendes.

A exposición Flor Novoneyra, no Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 7 de xaneiro, sitúanos dentro dunha obra que reúne dous autores diferentes que se moven nunha mesma terra. Malia que comparten unha interpretación da paisaxe humana semellante, cada un garda as apreciacións individuais para si mesmo. Aí está a arte. Ambos os dous son rompedores, innovadores e vangardistas. A grandeza de Antón Lamazares vén dada precisamente pola humildade, quizais aprendida no convento onde se formou, para render culto a ese gran poeta que podía interpretar a linguaxe das vacas, dos raposos e das lebres, o mesmo que escoitar os rumores do toxo e darlle xeito de verso. Imos encontrarnos con poesía colgada na parede e con pintura colgada na alma. A sensibilidade descarnada do poeta-pintor que se ofrece tal cal é.

Galicia precisaba lembrar a Uxío a través dunha obra de arte inmensa nun espazo amplo como é a Cidade da Cultura. Lamazares enfocou este reto como acostuma: con paixón. O resultado hai que velo porque contalo non ten moito mérito.

Compartir el artículo

stats