Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Sobre a chamada Transición Española (I)

En Munich tomáronse acordos que coincidían punto por punto cos plans norteamericanos para España (...) Juan de Borbón seguiu a reunión moi de perto

Encontro entre o dictador Franco e Juan de Borbón.

Asistín a un acto no que Ana Ardid e Alberto Lema, con outras persoas, fixeron memoria do que se chamou Reforma do Franquismo, Transición ou II Restauración Borbónica. Isto é: o nacemento do réxime político que hoxe parece encontrarse adoecido dunha crise profunda. Ocorréusenos ollar no Fondo dos Espellos e extraer dalí farrapos de historia esquencida ou maltratada pola narración oficial dos acontecementos.

1. ORIXES DA TRANSICIÓN.MUNICH. 1962.

O que hoxe soe coñecerse por réxime de 1978 ten as súas orixes en 1962. Naquel ano, o Departamento de Estado norteamericano ollaba con especial atención España e Portugal, que constituían dúas anomalías. Ambos estados padecían réximes fascistas e foran aceptados por Occidente como aliados anticomunistas. Portugal entrara na OTAN e España cedera aos EEUU porcións de soberanía en forma de bases militares. Os EEUU, situados á cabeza de Occidente, preparaban para os dous estados senllos recambios de signo democrático falsario. Falemos só da España que non querían os norteamericanos despois de Franco, e tamén da que eles querían.

Non querían para España a restauración da legalidade republicana e moito menos a repetición do Frente Popular de 1936. A este fin, e nos medios do exilio, os servizos norteamericanos, despois da queda do goberno Giral, presionaban para disuadir ós españois de aspiraren a recobrar a República. A proposta que impuxo Washington foi e só podía ser, a elevación ao trono de Juan de Borbón. Neste pretendente reuníanse todas as virtudes e atributos necesarios para suceder a Franco. Máis ca un mísero Borbón, era un Battenberg, polo tanto moi próximo da familia real británica: un liberal e unha persoa que concitaba simpatías entre sectores moderados da dereita. Oficial da Royal Navy, digamos.

Non querían os EEUU para España unha democracia propiamente dita, pois tal podería dar lugar a movementos sociais de natureza imprevisíbel dada a ameaza permanente que significaba para o imperialismo a Unión Soviética.

Sabía o Departamento de Estado que en España había un problema nacional e o réxime que se preparaba, para ser estábel, tiña que asumir as peculiaridades de Euskadi e Cataluña, e as de Galicia moi seguramente, sen recoñecemento da autodeterminación. O Partido Comunista de España estaría prohibido no réxime que se preparaba, máis a imaxe de estado democrático salvaríase, como na Alemaña Federal, coa legalización de dous partidos: un socialista e outro democristián. Estes, perfectamente infiltrados polas axencias norteamericanas e a inglesa, nunca permitirían nin a incautación das bases estranxeiras nin a perda de hexemonía do grande capital industrial e financeiro que dominaban as cen familias do franquismo. España entraría á OTAN e ao MC Europeo, ben lonxe de calquera aspiración neutralista. Así no ano 1962, e en ocasión da asemblea do Movemento Europeo, celebrouse en Munich unha xuntanza que foi considerada como de representantes da oposición española, tanto do interior como do exilio. Estiveron os socialistas, varias individualidades democristiás, republicáns, personalidades isoladas, políticos franquistas en trance de virar a levita, monárquicos do consello privado de Juan de Borbón. Houbo vascos do PNV e de máis dun partido nacionalista catalán, pero non foron chamados representantes do nacionalismo galego. Non se sabe por que, aínda que se sospeita que a defensa intransixente do republicanismo feita por Castelao e o Consello de Galiza, por unha banda, e a insignificancia e isolamento do galeguismo do interior, pola outra, deixaron ós galegos sen voz propia en Munich.

En Munich tomáronse acordos que coincidían punto por punto cos plans norteamericanos para España. O control sobre a reunión de Munich que exerceu a CIA, a través de Salvador de Madariaga, home forte do Consello da Liberdade da Cultura que, ao tempo, era considerado como "a OTAN Intelectual", alén de asalariados españois da Central, como por exemplo Julian Gorkín, foi absoluto. Juan de Borbón seguiu a reunión moi de perto a través de Satrústegui e doutros asistentes e contan os ben informados que o pretendente de Estoril quedou moi conforme. Tamén se sabe que no Consello de Galiza se produciu decepción e que foi culpado da ausencia en Munich o galeguismo oficial do interior dirixido ferreamente por Ramón Piñeiro.

Os acordos tomados en Munich no ano 1962 constitúen un marco político que se vai reproducir, con certas modificacións, no réxime fixado pola Constitución de 1978. Os apoloxetas da situación actual falan sempre da Transición de forma autogabanciosa, e soen adxetivala de "modélica" cando non de "exemplar". Non se doe decer que o réxime vixente no Estado Español tivo como axente superior o Departamento de Estado norteamericano. O que non impece, obviamente, que forzas sociopolíticas endóxenas tomasen tamén parte nas operacións conducentes ao cambio político. Mudanza que (non convén esquecelo) afectou a penas á superficie histórica das cousas.

(Continuará)

CAIXA POSTAL

Cregos republicanos

  • A Anxo Ferreira Currás, historiador, debémoslle a obra Consejos de Guerra al clero vasco que fixo entrar unha boa porción de sotanas limpas neste Fondo dos Espellos alén doutros libros e artigos nos que o autor investiga ese limbo pouco frecuentado que é o dos cregos católicos que non sucumbiron ao franquismo. Envíanos Ferreira agora un novo libro, escrito en colaboración con Jesús Bouza Rei, Francisco Ramil Acebo, Xosé Manuel Carballo Ferreiro e Manuel Rivas García. Este é: D. Francisco Ron Sánchez, Lar, Lugo, 2017. Nel, autor principal e partícipes valiosos estudan a figura do crego de Vilanova de Lourenzá cuxo nome figura no título. Trátase dun ordenado católico de maiores (viviu entre 1898 e 1974) que acreditou na República e foi preso e procesado pola autoridade militar franquista. O bispo, entón de Mondoñedo, suxeito ensorbecido que xogou un rol protagonista no elenco dos prelados franquistas e que chegou a recibir de Pío XII a púrpura cardealicia, perxudicou o crego republicano. Falamos de Benjamín de Arriba y Castro. Conta o libro este episodio de persecución e como sobreviviu don Francisco para ben.Miro no Fondo dos Espellos e vexo outros cregos que, aínda que non moitos, foron renuentes coma este e rexeitaron o franquismo nacionalcatólico nos primeiros anos do réxime. O tempo iralles facendo xustiza, como este nobre libro lla fai a Francisco Ron Sánchez.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats