Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Despilfarro das nacións

El despilfarro de las naciones | ALBINO PRADA BLANCO |Clave intelectual, 200 páginas

Son as crises económicas chamadas de atención sobre o derroche ou despilfarro das sociedades modernas? ¿Son os obxectivos macroeconómicos que se marcan as economías indicadores do benestar social? ¿Estamos confundindo necesidades con consumismo incontrolado a consecuencia de manipulacións interesadas e de ausencia de reflexión sobre o rumbo das nosas vidas e as nosas sociedades?

Todas estas cuestións relevantes, tanto a nivel individual como social, son obxecto de reflexión no libro de Albino Prada, El Despilfarro de las Naciones (Ed. Clave Intelectual, 2017). O autor non só aporta a súa propia e cualificada reflexión sobre estas e outras preguntas, senón que tamén recompila e sintetiza aportacións de numerosos autores dunha enorme diversidade, tanto ideolóxica como temporal e incluso profesional (poetas e literatos, filósofos, historiadores, economistas, políticos, etc.)

Moi poucos economistas modernos terían a capacidade de realizar unha análise técnica e conceptualmente rigorosa, e ao mesmo tempo divulgativa e cun fío argumental sinxelo e ben artellado, cunha lectura que engancha dende o primeiro momento. O profesor Prada ten unha visión global e meditada das causas do problema da sustentabilidade do modelo de sociedade occidental moderna. Pero ademais, ao meu parecer, ten o mérito de saber transmitir ese coñecemento, para ir convencendo ao lector de que o noso problema como sociedade non é a ausencia de recursos para satisfacer necesidades, senón que o mesmo concepto de necesidade está deliberada e planificadamente terxiversado para conducirnos a un despilfarro sen límites, inútil a nivel de benestar, e que causa á vez deterioro ambiental en todo o planeta, e unha escandalosa pobreza en rexións do mundo concretas.

A nosa pegada ecolóxica como sociedade occidental é desproporcionada, comparada coa capacidade natural, porque o noso ocio está vinculado ó consumo e ó gasto, porque primamos cantidade fronte a calidade, porque os nosos intercambios con outras persoas son maioritariamente materiais, porque consideramos como necesidades os teléfonos, automóbiles, xoias e roupa de moda. En definitiva, formas lúdicas de derroche que unidas ás súas formas catastróficas (como o gasto militar e os excedentes alimentarios) levan a un modelo insostible ambientalmente e que, curiosamente, tampouco nos aporta máis felicidade. O libro non só realiza unha análise de situación, no que fai tambalear - con razón - os propios fundamentos simplistas das teorías económicas modernas, senón que aporta solucións sorprendentemente sensatas, sinxelas e factibles á vez que arriscadas polo seu carácter rompedor e o seu convite á rebeldía social. Este é un texto, en definitiva, para aprender e sobre todo, para reflexionar. Invita a reconsiderar obxectivos, tanto colectivos como individuais e, sobre todo, a reivindicar a liberdade de decidir as nosas propias metas e camiños, a liberdade de decidir a onde imos, por que, e por onde, e a deixar de ser reflexos condicionados derivados de campañas de marketing e manipulación informativa.

Para finalizar e convidar á lectura deste libro imprescindible, quédome cunha cita da versión actualizada do Informe Meadows, como píldora ou mostra do que no libro se pode atopar: "Tratar de colmar necesidades reales pero inmateriales - de indentidad, comunidad, autoestima, superación, amor, alegría - con cosas materiales es crear un apetito insaciable de falsas soluciones para deseos nunca satisfechos".

*Profesora titular do Departamento de Economía Aplicada. Grupo de Investigación dos Recursos Naturais e Ambientais (erenea). Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats