Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Confiscación e fantasmas

Casa natal de Joseph Cornide. A Coruña.

Esta mansión de arquitectura militar adozada con curvaturas rococó podía figurar nunha ilustración dos versos escoceses de Robert Burns. Pero non. Na realidade encóntrase na praza do Campo da Coruña e compón, coa colexiata de Santa María, unha ben nobre estampa. A luz da Artabria entra polas catorce fiestras que se abren na fachada da casa. Nela naceu o 25 de abril de 1734 Joseph Cornide Saavedra, seguramente a personalidade intelectual máis forte de Galicia no Século das Luces, a tras de Sarmiento.

E ben, a partir de 1950, e coincidindo cos proxectos hidroeléctricos invasivos de FENOSA, entre outras ambicións da burguesía galega da época, o franquismo local considerou necesario incentivar os veraneos do Caudillo na Coruña cun novo regalo que, coma o de Meirás, reincidiría no delito que na tradición penalista española ven sendo coñecido co nome de "cohecho".

Como primeira medida, a comunidade relixiosa dos Tomasinos, que ocupaba a casa de Cornide, foi botada de alí polo Ministerio de Educación Nacional. Este tiña, ao que parece, intención de instalar no edificio un conservatorio superior de música. Fóronse os relixiosos pero non houbo conservatorio ningún. Consta que o concello da Coruña invalidou o proxecto, de xeito calculado ou non, e a casa de Cornide, sen habitantes, foi posta en venda. O mellor postor resultou ser Pedro Barrié de la Maza, quen xa resaltara como cabezaleiro da subscripción pro-Torres de Meirás. Barrié pagou pola casa de Cornide unhas trescentas mil pesetas, segundo teño entendido. Non moito diñeiro. Ao pagalas advertiu públicamente que a destinataria da mansión sería, moi especialmente, Carmen Polo Martínez-Valdés, muller do Dictador. A casa da praza do Campo ía ser a segunda residencia do matrimonio Franco e da súa filla Carmencita na Coruña. E así foi: Barrié de la Maza regaloulle a casa de Cornide a Francisco Franco Baamonde. Pouco máis tarde, en 1955, Franco concedíalle a Barrié de la Maza o título de Conde de FENOSA. Compre lembrar que o Dictador, ao ser "Caudillo de España por la Gracia de Dios", estaba facultado para outorgar títulos nobiliarios (de carácter snob, naturalmente).

Tamén é verdade que, á morte de Franco, Carmen Polo habería de recibir de Juan Carlos de Borbón o título, este disparatado, de Señora de Meirás. Con todo, ela sempre preferiu o verdadeiro pazo urbano de Cornide ao falso pazo rural dos Pardo Bazán, adornados co ouropel pouco prezado da nobreza pontificia. E ela pasou moitas tempadas na casa de Cornide, dentro da cal acumulou, de viúva, valiosas coleccións de arte e antiguidades de orixe incerta. Muller moi católica, Carmen Polo ouvía sempre misa, oficiada polo abade e en lugar preferente, na colexiata fronteira de Santa María. Na actualidade, a feliz posesora das casas de Meirás e do Campo é Carmen Franco Polo, filla única dos receptores de ambas fincas. Pero, un movemento social e político importante clama agora porque estas propiedades adquiridas mediante actos de soborno aos poderes máis altos do Estado Español pasen á ser de titularidade pública.

O falso pazo rústico e o auténtico pazo urbano amosan que o réxime de Franco, alén de en violencia e terror, estaba fundamentado na corruptela xeneralizada. Por parte, o franquismo servía o capital financeiro e industrial fielmente. Tamén diso falan as pedras de Meirás e A Coruña.

O Réxime, mediante a "Junta Central de Incautación", apropiouse dos bens de todos os españois e galegos que serviran a causa do Frente Popular. Casas, bibliotecas, xornais, editoras, veículos, de xentes republicanas frentepopulistas foron incautados aos seus propietarios. Obreiros e labregos, pobres e opulentos burgueses como Portela Valladares, así como Casares Quiroga, Castelao, e outros moitos, alén de seren fusilados ou presos ou lanzados ao exilio, viron, eles ou as familias, confiscadas as súas propiedades.

Porque no noso idioma incautación é sinónimo de confiscación. En latín confiscare significa "incorporar ao fisco". E fiscus, en latín, despois dunha evolución semántica que non é do caso, quer decer o mesmo que "tesouro público". Indo ás raíces da palabra, son moitos os galegos que hoxe desexan a confiscación das Torres de Meirás e da casa de Cornide. Isto é: que estes dominios pasen a ser de propiedade pública.

O que se pide é, pois, unha confiscación etimolóxica e auténtica. Quérese que estas posesións da Coruña e de Sada, ocupadas ilícitamente, pasen a poder dos concellos respectivos, os cales as destinarán aos usos comunais que consideren oportuno, unha vez ouvido o pobo. Con iso, os fantasmas desagradabeis iranse de ambas casas e, na da praza do Campo da cidade vella da Coruña, poderá circular libremente polas estancias o de Joseph Cornide Saavedra Folgueira, de quen a Patria garda permanentemente unha memoria agradecida.

O meu recoñecemento a Alberto Lema, escritor e membro da maioría municipal coruñesa, por me fornecer fontes documentais relativas á casa de Cornide.

CAIXA POSTAL

As outras Soavelas

  • Leo no FARO as súas gorentosas palabras sobre a Soavela morraceira no seu "Segunda feira" do 11 de setembro. Mais non só é Soavela o único nome dos altos cantís atlánticos que de Couso van a Home, senón que moitos outros menos coñecidos dividen esta área en estritos e vedraños espazos dos que Soavela é só unha parte.Temos nestes cantís, alén de Soavela, tamén Sulidague/Sunidague, Socorveiro, Socurral, Somouzón, Sumalvido€ toda esta costa inxustamente hoxe tachada de "Soavela" é un conxunto de "subs", zonas marisqueiras e pescadoras por baixo de antigos lugares altos chamados antes Lidague/Nidague (do velllo "Niño d´Aigue"), O Corveiro, Malvido, Mouzón, etc. Mesmo a "vela" ou alta centinela que deu nome a Soavela non só deu nome a ese treito de cantil, senón que da outra banda do Facho deu nome a Suvixía e a Sufacho, zonas de propiedades particulares ao leste do monte cuxo oeste se chama Soavela por idénticas motivacións.Iván SestayAldán (Cangas)No Fondo dos Espellos agradecemos ao noso correspondente a lección sobre os nomes deses "altos cantís atlánticos" que soemos chamar, por simplificación, Suavela ou Soavela (Bernardino Graña e os supervivintes da nosa xeración preferimos Suavela). Non é aí onde xorde a preocupación, senón cando as xentes lles retiran o sub ao nome das debrocas e lle chama "Costa de la Vela" ou "Costa da Vela". Pensan, sen dúbida, nas velas dos barcos e non na vela ou centinela ou sentinela que se gorecía naquela "garita" ben curiosa que hai no alto.Certamente, hai Suavela ou Soavela, como hai Sucasas, Sualomba, Suaermida, Sucamiño, Suscarballos, Supena, Suseixo, Sutorguedo, Suviña, Suasventanas, Suatorre; e tamén Socampelo, Socastro, Socortes, Solobeira, Sorrego, Sorribas€ E non sei cantos casos máis na toponimia de Galicia e do Minho e Tras-os-Montes portugueses. Na meirande parte destes nomes o so e o su son ocasionais e poden mudar no tempo ou convivir na mesma comunidade local de falantes.Iván Sestay é un onomasticista formado na Facultade de Filoloxía de Vigo. Entre outros traballos valiosos del destacaríamos hoxe un espléndido sobre a toponimia da freguesía histórica de Coia, moita da cal xace sepultada polos novos nomes de rúas e vías que a urbanización impuxo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats