Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os fantasmas de Meirás

Ogallá poida o pobo apropiarse desas Torres de Meirás que a dereita coruñesa lle regalou a Franco incurrindo no que a tradición penalista española chamou sempre delicto de "cohecho". Eu gostaría que o dominio público galego se engrosase coa casa de Joseph Cornide cuxo frontis ennombrece a praza coruñesa de Santa María. Vexamos Meirás.

Vista exterior do chamado Pazo de Meirás.

O primeiro propietario da Granxa ou Torres de Meirás do que eu (ignorante) teño noticia é José Pardo Bazán Mosquera, cuxa casa familiar, no 11 da Rúa das Tabernas da Coruña, foi doada pola súa neta, Blanca Nieves Pardo Bazán Quiroga, á Academia Galega xunto cunha valiosa colección de arte, e máis libros e mobiliario. Este José Pardo Bazán Mosquera era un ambicioso sen principios que merecía un nicho zoolóxico na selva de Les Rougon-Macquart, historia natural e social dunha familia francesa do Segundo Imperio, por Zola, de ser el francés e non galego. Estaba casado con Amalia Rúa Figueroa, dona de temperamento artístico que non sei se era ou non familia do José Rúa Figueroa que brillou na nosa Revolución do 46. Para Carlos Martínez-Barbeito, Amalia sería a autora da conversión das Torres, mochas, de Meirás nunha quinta burguesa tipo pastiche neorrománico. José e Amalia, matrimonio rico, casaron a súa vinculeira Emilia Pardo Bazán que contaba uns dazaseis aniños co tamén xove José Quiroga Pérez de Deza, renovo non mellorado dunha castimonia dona de terras e pazos auténticos e non imaxinarios coma o de Meirás. Celebrouse a voda nas Torres de Meirás. E fíxose alianza, moi decimonónica e estratéxica entre o diñeiro ascendente e a fidalguía enfeblecida pola lexislación desvinculadora, do mesmo modo que se conta, salvando as distancias, en II Gattopardo. Esta obra lévanos a Italia agora.

E ben, José Pardo Bazán e a súa dona, filla e xenro, viaxaron por Europa para fuxir da axitación sociopolítica. Tras de faceren ceremonia de beixamáns real ao pretendente lexitimista, presentáronse en Roma. A Cidade caíra, coa totalidade dos Estados Pontificios, en mans da Revolución, a cal desposuiu o Papa, reducíndo á condición de habitante sen recursos das casas do Vaticano. O Papa, Pío Nono, sentíu que o Anticristo lle caía na testa e excomungou o liberalismo no mundo e o Resorgimento en Italia. El alentou a reacción católica ultramontana en toda a Europa non protestante nin ortodoxa. Os viaxeiros galegos postráronse aos pés de Pío IX. José levaba na andorga unha petición ao Pontífice.

Daquela, o Papa, en apuros desde 1870, axilizaba (por diñeiro) o despacho de títulos de nobreza vaticana que advenedizos, negreiros, especuladores e axiotistas da Europa católica cobizaban para lucir nos lugares nos que a burguesía revolucionaria comezaba a frear os seus impulsos seguindo o proceso que analizou Karl Marx. Non sabemos a cuantía do óbolo que tivo que desembolsar, pro o Papa concedeulle a José o título de conde de Pardo Bazán. Máis tarde, Alfonso XIII convalidou o título por outro homónimo español. E mesmo foi modificado fugazmente co nome de "condado de la Torre de Cela". Sábese que pai e filla Pardo Bazán fantasearon con seren descendentes do Mariscal Pero Pardo de Cela. E serían.

Emilia Pardo Bazán sempre veraneou nas Torres de Meirás. A súa filla, Blanca Nieves, única herdeira da casa, vendeulle as Torres de Meirás á Junta franquista presidida por outro advenedizo, que sería estampillado como conde de FENOSA polo mesmo Franco, que outorgaba títulos de nobreza tan falsos coma os vaticanos, no caso de que os houbese lexítimos. Tal Junta regaloulle as Torres de Meirás a Franco.

Polos faiados das Torres vaga a sombra de José Pardo Bazán, a ollar sempre os avances da reacción no mapa de Europa. Atrás vai o fantasma de Joaquina, a nai del. Esta leva a cabeza na man pois fora degolada polo seu segundo marido, como nos contan Ricardo Axeitos, Patricia Carballal e o mestre Barreiro Fernández. Fluctúa Emilia Pardo Bazán coas bandas de "Dama Noble de la Orden de María Luisa e, no peito, a cruz "Pro Eclesia et Pontifice": puro Ruedo Ibérico por Vallle. O fantasma de Emilia Pardo Bazán soe aletexar á luz do día polos xardíns, coma o da institutriz da Volta de Parafuso. A novelista está condenada a portar na man un exemplar d´O Divino Sainete no que figura ela coma encarnación da Envexa e do odio ás letras galegas. Pasa un morto, o marido de Emilia, José Antonio (por premonición) Quiroga, quen viste aparatoso casaco de Mestre da Orde de Ronda. Dona Amelia encurúxase nun soto e a fantasma leva, como insignias, unha paleta e un pincel cos que fai o aceno de pintar o retrato de María Francisca de Isla. Á hoste únese o espectro de Francisco Franco Bahamonde, que non vai de militar senón disfrazado ridiculamente de yatchman con gorriña naval: como soía nos veráns nos que Meirás se convertía en sede do goberno español de temporada Franco sempre preside un consello de ministros fantasmal en Meirás, ao cal falta Carrero Blanco porque o seu ectoplasma aubea no máis alto do edificio de Madrid a onde fora despachado. E, por fin, velaí, a estadea de Carmen Polo que levita cunha curnocopia no colo cuxa buguina gomita enxurradas de alfais, colares bibelots e preciosidades procedentes dos catro pontos cardinais do Reino do que seu home era Caudillo por Dereito Divino. En Meirás, pois, hai fantasmas moi desagradabeis.

Mirando ben no Fondo dos Espellos, chegamos a esta conclusión. O chamado "Pazo de Meirás debería recuperar algún dos seus nomes orixinais, que son os de Granxa ou Torres de Meirás. Como a actual propiedade se acha afectada por un gravísimo delicto de "cohecho" abriráselles un procedemento de incautación do xénero dos que tan dilixentemente mandaba executar o mesmo Franco. Feito isto, haberá que lle entregar a fincabilidade ao concello de Sada para uso público unha vez aquilo estea ceibe de fantasmas.

CAIXA POSTAL

Urbano Lugrís

  • "Comunica ou comenta Adolfo Lareo, ao fío da publicación no Fondo dos Espellos dun extenso artigo encol de Urbano Lugrís, que no trance do pasamento do artista, Amparo Sánchez, a súa nai, (coñecida como A Viúda de Casa Felipe, ou simplemente, A Viúda), e en testemuña e compromiso de agarimo á persoa de Lugrís, cedeu un nicho da súa propiedade en Pereiró para repouso ou acougo do seu corpo. Adolfo Lareo, Fito, tamén recorda con enorme satisfacción os momentos en que compartiu a conversación con tan ilustre artista."Xurxo R. Pérez/ VIGOEfectivamente, unha taberna próxima á de Elixio, situada na zona do cruce das Tres Portiñas ou Dr. Cadaval e Príncipe, na Travesía da Aurora, era a que popularmente se chamou nos anos XX do século pasado Casa Toribio, logo Felipe e A da Viúda. Precísame oralmente isto Xurxo R. Pérez. Eu lembro moi ben a Viúda, nun circuito de tabernas de Vigo moi agradabeis nas que estaba esta de que tratamos con outras como O Bosque, O Cotorro (con misteriosa relación cunha tasca da cidade de Ourense) e Elixio. A da Viúda era taberna popular e intelectual, coma a veciña de Elixio. A viúda concorría moita xente da redacción e máquinas do El Pueblo Gallego, veciño. Eu teño visto nela a Anxel Sevillano Pai e ao seu fillo, ademáis de Lugrís. Nunha mesa alta de mármores de forma redonda, cantaban outro Fito e os seus compañeiros. Así, e alí, naceu o grupo A Roda que se fixo famoso. Lugrís recibiu sepultura o 20 de Decembro de 1973 no nicho de que tratamos. E o seu corpo permaneceu alí coido que once anos. Da zona de tabernas de que falo só subsiste El Águila. En canto ao sentido desta historia, pódese decer que ela ilustra o agarimo e o respecto que moitas persoas como Adolfo Lareo sentían na cidade de Vigo por Urbano Lugrís. Eu non vin no seu enterro nin magnates nin autoridades. Volvendo á Viúda, moitos vigueses acordan con saudade aqueles santiaguiños que alí se servían.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats