Insistía, unha e outra volta, Heriberto Bens en que a historia da arte (e do cine, e da literatura) do século XX está desvirtuada principalmente polos intereses da Guerra Fría. Pola súa fidelidade á vangarda artística, que el fixo compatíbel coa radicalidade vivencial segundo os modelos por el extraídos da filosofía de Jean-Paul Sartre, Heriberto Bens evadeuse do psiquiátrico de Charenton, onde aínda se encontra recluído, e viaxou a Nova York para coñecer a exposición The Great Utopia. The Russian and Siviet Avant-Grade (1915-1932) que abriu as súas portas no Solomon R. Guggenheim Museum do 25 de Setembro ao 15 de Decembro de 1992, despois de pasar por Franfurt e mais por Amsterdam. Para Bens, e para o mundo artístico, The Great Utopia constituiu un acontecemento e, os seus comisarios, Thomas Krens e Michael Govan, merecen o recoñecemento universal polo traballo executado contra a corrente do discurso hexemónico de Occidente (tamén contra o discurso revisionista e pseudomarxista do socialrealismo) sobre a o proceso histórico das artes contemporáneas.

"Na base da espiral do Guggenheim, en espacios conectados a escuso coa vangarda bolxevique, os comisarios colgaron un dos cadros máis famosos de Picasso. Seguramente querían bulrarse sen palabras do atraso de París en materia de pintura, especialmente no século XX". Isto escribiu no seu diario (sempre inédito) Heriberto Bens.

A Mostra de que tratamos ordenábase dacordo coa idea de que a vangarda soviética produciuse en tres fases:

A primeira sería a da predominancia do Suprematismo antes da Revolución de 1917 e o impacto desta teoría e práctica plástica despois da toma do poder polos soviets. A segunda etapa sería a da explosión de formas artísticas e de confluencias de creadores que procuraban programas educativos no Vkhutemas/Vkhuten de Moscú e a realización de exposicións como foron as de Obnoku e a Primeira Exposición de Debate da Asociación de Arte Activa e Revolucionaria, de 1924. A terceira, por fin, foi a do xurdimento dos debates sobre un regreso á figuración en pintura, e tamén sobre fotografía, incorporando na mostra as novidades revolucionarias do cartelismo e da fotomontaxe, aínda que non o cinema, así como a aportación do Constructivismo á arquitectura.

Un océano de radicalidade comprendía a exposición The Great Utopia. Unha orela sería a exposición 0.10 de Malevich e Tatlin en 1915. A marca de outra ribeira o ano 1932, co concurso para a contrucción do Pazo dos Soviets e o I Plan Quinquenal. E escribiu Heriberto:

"Visitando e exposición e lendo o libro The Great Utopía comprobei que os soviéticos ensináronlle á Humanidade as formas puras da vangarda e, despois, o neofigurativismo necesario para o combate antifeixista. A arte soviética foi terxiversada teoricamente tanto pola propaganda occidental como pola soviética posterior a Stalin. Aqueles artistas producían arte, e arte aplicada á producción industrial coletivizada en réximen de comunismo e sen favorecer o individualismo. A actividade vangardista soviética, no plano de ideación, nada tivo que ver co xogo occidental dos manifestos con tendencia lúdica e provocadora. Un grande número de mulleres reveláronse como creadoras de primeiro orde, cousa que non ocorría no mundo capitalista gobernado polo galerismo burgués. Neste sentido, Dymists-Tolstaia, Popoya, Rozanova, Stepanova, Esker, e unha lista moi dilatada doutros nomes femininos contradín, na primeira liña absoluta da vangarda soviética, o papel secundario da muller artista nos movementos occidentais do século XX. Mirando o bloque da The Great Utopia dacatámonos de que a Bauhaus alemá ou Stijl neerlandés so poden ser entendidos como movementos subsidiarios da vangarda soviética. Vangarda que, aínda, lle cedeu aos países capitalistas figuras como Kandinski ou Sonia Delaunay. Decatámonos tamén que o lanzamento na posguerra mundial da Escola do Pacífico e o expresionismo abstracto polo Consello da Libertade da Cultura (a NATO cultural, din algúns) é unha resposta á abstracción soviética que priorizou a irracionalismo burgués sobre a pintura racional e a arte aplicada á producción que, entre outros, teorizaba Armatov desde o punto de vista marxista-leninista."

Asi facía a crónica da exposición The Great Utopia Heriberto Bens. Por primeira vez os espectadores occidentais, en Amsterdam, Frankfurt e Nova York tiveron acceso á totalidade da vangarda soviética, sen discursos anticomunistas interpostas. O marco histórico permitía a anomalía. A Perestroika e o afundimento do socialismo real facía que os vencedores da Guerra Fría na súa vertente propagandística lle perderan o medo á arte soviética de avangarda. E pasaron da ocultación á exhibición nun intre en que vangarda ningunha era xa presente e no cal a abstracción se diluira nas artes decorativas e na publicidade comercial dunha forma absoluta. Deberon de pensar os máis altos ideólogos da posmodernismo que, nun dempo de demolición das xerarquías da razón a vangarda soviética, coma o marxismo, converterase nunha antigualla inocua.

Coido que estaban equivocados e Herberto Bens, coma algunhas outras veces, participaba da miña percepción do asunto. Os nomes de Malevich, Tatlin, Lichinoski, Rodchenko, Men´kov, Vesnin, Boranov-Rossine, Lebedev, Zagoskin, Iustitskii, Puni, Alt´man, Klutsis, e outros e outros en multitude xenial longos anos silenciada unian os aos de Stepanova e as mulleres artistas que citabamos arriba, para sorpresa da intelectualidade desinformada do que se chamada a si mismo "Mundo libre".

CAIXA POSTAL

  • "Teño o gosto de lle remesar o número 1 da revista Seliña, correspondente aos derradeiros meses do ano pasado. Se cadra vostede aínda non tivo ocasión de ollar esta publicación. Atentamente saúdao"Manuel RodríguezSantomé / PONTEVEDRAAgradezco moito o envío de Seliña, boletín informativo da Asociación Cultural Evaristo de Sela, de Sela (Arbo) do cal xa tiñamos coñecemento. Fólgome moito de ver activa unha sociedade cultural que leva o nome de Evaristo González. Esta persona figura na miña memoria nun lugar de privilexio. Foi compañeiro de docencia no Instituto Santa Irene de Vigo. El ensinaba grego e o que ao tempo se chamaba oficialmente "lengua y literatura española". Os seus achegados coñeciamos a dedicación de Evaristo ás boas letras, que cultivaba en galego e en castelán, especialmente a poesía. Un día comentoume que iniciara a traducción d´A Ilíada ao galego, e leume os versos iniciais do poema. Evaristo sofrira moito de mozo, durante a guerra civil, e era home de ideas abertas e progresistas. Andando o tempo as súas versións de Homero foron publicadas e obtiveron xeral recoñecemento. Di moito a favor de Sela que a súa asociación cultural escollese o nome literario que adoptou o noso amigo, Evaristo de Sela.A publicación ábrese cun editorial sobre a queima dos montes, sempre de negra actualidade. Contén colaboracións literarias diversas e artigos eruditos de historia local. Unha filla de Evaristo de Sela, Stella Maris González Balbuena, internacionaliza a revista coa traducción dun poema de Jacques Prévert. Algúns textos, supoño que inéditos, de Evaristo ven tamén a luz en Seliña. A min impresionoume un artigo, que non aparece asinado por ninguén, no que se trata das "cartillas de racionamiento" que ben coñecemos todos os vellos que vivimos nos anos da posguerra española.Un saúdo moi cordial aos que traballan e fan posibel a publicación Seliña.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO