Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Xaponismo e jiu-jitsu

A sona de Raku foi tan grande que nas carpinterías de ribeira das Rías Baixas e nos peiraos e molles pesqueiros acordouse chamarlle racú ao novo modelo de barco a motor e ao aparello que usaba

Xaponismo e jiu-jitsu

O mestre xaponés de jiu-jitsu Sada Kazu Uyenishi, de nome profisional "Raku", inspirou o pobo mariñeiro noso de primeiros do século XX que, anónima e masivamente, decidiu chamarlle racú a un novo tipo de barco e mais ao aparello de cerco co que se pescaba dentro da ría.

Ao tempo, espertaba moito interese en Occidente todo o que viñese do Xapón. As estampas, por exemplo, de Hokusai (1760-1848) fascinaron o Castelao artista, quen acusa a influencia do xaponés mesmo nos títulos dos seus álbumes de debuxos. O clube ximnástico "Karepas" en Pontevedra, levaba a bandeira xaponesa na popa das súas piraguas do Leres. A moda da camelia (Camellia Japonica: chapoeiro ou xapoeiro) multiplicaba as súas plantacións en xardíns públicos e privados.

Xorxe Martínez Jiménez, ao freu das súas pescudas histórico-literarias, descobreu algo que liga Castelao evidentemente co mundo xaponés. Abría as súas portas en Compostela, e ocupaba o espacio no que habería de instalarse despois o Café Español, un grande comercio de tecidos que levaba o nome medio francés e zolano de "Au bon marché". En xaneiro de 1909 exibiuse, con moito éxito, nun escaparate de ditos armacéns, un retrato de Raku debuxado, ou pintado, por Castelao.

Arredor de 1900 Raku luciu as súas habilidades de loitador en circos estabeis de España e Portugal, coma o Colyseu de Lisboa, o Tamberlik de Vigo ou o Price que en Madrid dirixía William Parrish. De Raku presentar tamén o seu espectáculo en circos de chapitó (ou sexa, ambulantes), non sería raro que fose contratado polo primeiro empresario galego do ramo, que era daquela Secundino Feixóo (de Vilanova dos Infantes).

O éxito popular de Raku en Galicia contribuiu a fomentar interese polo jiu-jitsu, arte que soe identificarse co que hoxe se chama judo. Parece que o centro desde o cal irradiou a toda Europa a paixón polo jiu-jitsu foi o "Bartitsu Club", fundado por William Barton-Wright o ano 1899 en Londres. Axiña viría a "École japonaise de Paris", segundo nos contan historiadores da cultura física coma Carlos Gutiérrez García. Neste centro parisino ensinou jiu-jitsu o profesor "Ré-Nié", quen civilmente se chamaba, cun sonoro apelido occitano, Guy de Montgailhard.

Ré-Nié, que non era arrenegado ningún, editou un libro nos primeiros anos do século XX so o título de Les secrets du Jiu-Jitsu. Estou agora a examinar un exemplar desta obra con anotacións manuscritas e asinaturas datadas no Hôtel de Saint-Petersbourg en abril de 1905. O primeiro asinante é A. Casal e, o segundo, Carlos Moreiras. Probabelmente se trata dos primeiros galegos de nome coñecido que se interesaron polo jiu-jitsu.

Parece evidente que a personalidade máis popular do jiu-jitsu en Galicia foi Raku, razón pola cal o premiaron dándolle o seu nome a un novo tipo de barco movido, xeralmente, por un potente motor Pazó. Pero sospeitamos que o manual de jiu-jitsu máis difundido entre nós non foi o de Sada Kazu Uyenishi (ou Uyenixi) "Raku", editado en inglés, senón o da Guy de Montgailhard "Ré-Nié", que o estaba en francés.

Carlos Gutiérrez García extrae da prensa portuguesa de 1908 esta crónica dunha actuación de Raku: "Entrou na arena do Colyseu e a sua figurita magra, encolhida, o seu sorriso tímido (€) Aguardava-se uma creatura forte, musculosa, um homem com o ar triumphal vencedor, e d´ahí a surpresa que logo se manifestou em risinhos (€) Quando elle começou fazendo as suas demontrações com o seu auxiliar, os risos foron cesando, uma attenção enorme começou a prestar-se ao nippónico que com a maior tranquilidade do mundo ia vencendo. Por fim, um dos assistentes, rapaz conhecido no sport, quiz experimentar as forças de Raku e saltou para a arena. Dentro de pouco estava por terra, sentia o golpe forte do japonez a estorcegar-lhe o braço e vinha-lhe unha dôr tão violenta que se debatia até que elle o largava com o ar sereno, e mesmo grave de sempre (€) N´essa tarde, sob a cúpula do Colyseu, o jiu-jitsu começou a consagrar-se para os portugueces" (ortografía da época).

Estamos seguros de que as actuacións de Raku en Compostela, en Vigo e, mesmamente, no Circo Feixóo, déronlle aos xornais do noso país tema para crónicas semellantes a esta lisboeta que acabamos de reproducir parcialmente.

Conta Xorxe Martínez Jiménez que, despois dunha actuación en Compostela (a que daría lugar ao cadro de Castelao no escaparate da Rúa do Vilar), Raku trasladouse a Xixón para un combate de espectáculo. Alí debeu de concluír a carreira de loitador debido aos contínuos vomitos de sangue que debilitaban o seu corpo danado pola tuberculose pulmonar. Pero houbo valentes barcos galegos que perpetuaron o seu nome polas rías.

CAIXA POSTAL

  • Escríbenos Guillermo Rodríguez Fernández, desde Ponteareas. El é creador e director da publicación Eixo Atlántico, como foi d´A Peneira. Dinos que anda, esta tempada, ás voltas coa historia da familia Lira que procede, segundo el investiga, do pazo do mesmo nome, na freguesía de Lira, concello de Salvaterra. Infórmame de que algúns destes Lira participaron na colonización de Chile. Agradézolle este dato que ven adubar a idea, non sei se orixinaria de Emilio González López, de que os galegos tiveron moita importancia na conquista, administración, e constitución do bloque oligárquico "criollo" durante a Idade Moderna e Contemporánea en Chile.Eu non sei nada destas persoas que proceden da Lira de Salvaterra, e desexo que pronto as investigacións do amigo Guillermo froitifiquen e teñamos moitos datos que servan para esclarecer a historia do que algúns chaman Séculos Escuros de Galicia.En todo caso o apelido Lira encóntrase actualmente en Galicia, Portugal e partes meridionais de España, Hispanoamérica. Entre os onomasticistas e historiadores, incluso xenealoxistas, parece haber coincidencia en dar Lira por apelido galego de orixe toponímica. Certo, hai dúas freguesías galegas moi antigas chamadas Lira; unha no concello de Carnota e, outra, na que se centra Guillermo na súa investigación, no de Salvaterra. E, aínda máis, encontramos outro Lira no concello de Santa Comba Dão, Portugal (Viseu), non lonxe da freguesía da Vimieira que é onde veu ao mundo António Oliveira Salazar, "que Deus confonda". Non nós, senón mesmo a Enciclopédia Luso-Brasileira de Cultura da editorial Verbo, obra moi visitada, asegura, facéndose portavoz de algo xeralmente admitido na viciña república, que o apelido de que tratamos é de orixe galega. Sen embargo, a existencia dun topónimo Lira en Santa Comba Dão, que xa era tan importante nos días de D. Manuel I como para recibir unha carta foral, indícanos que a posíbel orixe múltiple ou polixenética do apelido Lira non debería excluir unha fonte orixinaria en terras do Dão.Desde o punto de vista etimolóxico é certo que Lira é un nome prerrománico que algúns sabios indoeuropeístas queren de procedencia céltica. Finalmente tamén hai xente de apelido Lira na literatura, coma o Pedro de Lira que protagoniza a novela O reverso do Espello de Xosé Ramón Pena, como tamén outro Pedro de Lira que figura na Historia. E hai Miguel de Lira, actor galego que vive felizmente entre nós. Agora vén á nosa acordanza aquel Jesús de Cora y Lira, por moitos anos delegado rexio na Comunión Tradicionalista, e galego de sentementos e nación.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats