Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Nos Séculos Escuros

Reproducción do mapa de Galicia de Domingo Fontán (1834).

Se ollamos os nosos séculos XV, XVI, XVIII e XVIII no Fondo dos Espellos (os Séculos Escuros, que soe decerse), acharemos unha Galicia que conserva as súas notas características aínda que sumida na opresión colonial. Ninguén mellor que Fraga Iribarne definiu o sistema político galego da Idade Moderna desde a perspectiva franquista. Despois do asesinato de Pardo de Cela e do somentemento militar do País, "los Reyes asentaron el derecho sobre la espada y dejaron esta al capitán general, la Ley a la Audiencia y la representación a las Juntas del Reino. Con esta arquitectura sólida y equilibrada, Galicia disfrutó de tres largos siglos de orden y tranquilidad interior".

Non só o político reaccionario louva o estado de cousas que dominou Galicia na Idade Moderna. Son varios os autores que falan dun período de prosperidade económica e de crecemento poboacional a causa da introducción do cultivo da pataca e do millo groso. En realidad, a renovación da dieta campesiña non evitou as terribeis fames, ligadas ás pestes, que as romarías (mil) de San Roque e San Lázaron nos fan acordantes cada ano. Renováronse, si, as fábricas das catedrais e dos conventos, nunha explosión da arte barroca inquietantemente semellante ao estilo colonial de América. A centralización das rendas da orde bieita en San Benito de Valladolid, no tempo de Carlos I, produciu unha sangría de diñeiro que só inmensas masas, de xornaleiros, arrendados, enfiteutas e levadores de foros podían sustentar vivindo na penuaria máis negra. Non se pensaba nos centros docentes e o dogmatismo contrarreformista atrofiaba as mentes, cousa que só se palía á fin do período, no século XVIII. O paraíso dos pazos e das cultas abadías é un mito reaccionario. Sarmiento escandalizábase de que na biblioteca da opulenta Celanova se carecese de libros de ciencia e de cultura clásica e contemporánea.

Si é certo que Galicia tivo nos Séculos Escuros conciencia da súa identidade e aínda nunca deixou de manter o cultivo literario da lingua propia, como demostra Xosé R. Pena. Obras como El Boho Gallego ou a de Castellá Ferrer ou figuras tales coma o conde de Gondomar, revelan a existencia dun patriotismo tan elemental como profundamente sentido. E no século XVIII, as Luces acendéronse en Galicia e iluminaron o coñecemento da súa historia, natureza, economía e lingua. Sarmiento é o coloso do cal partirá todo o nacionalismo noso contemporáneo. A poesía en galego de María Francisca de Is é sen dúbida precursora de Rosalía de Castro.

En todo o caso, durante os Séculos Escuros, e desde 1528 a 1834, Galicia tivo un goberno propio; de carácter colonial, sen dúbida, nembargantes, real e efectivo. Trátase da Junta del Reino de Galicia, habitualmente citada, modo metonímico, como "o Reino". "A Pequena Francia", chámoulle Rodríguez do Padrón no século XV a Galicia. "Santa Margarida/ de Monteporreiro/ que ten o carballo/ máis vello do Reino", escribía Sarmiento. Tal carballo segue hoxe en pé e a conciencia de Reino, na nosa Terra, encóntrase en plena mutación á de República Galega. A Junta del Reino nos Séculos Escuros suplía o poder verdadeiro, que se concentraba no absolutismo austríaco e borbónico. Formaban a Junta 7 deputados (nun principio, 5) presididos polo Gobernador. Coa Audiencia e a Capitanía, representaba, imperfecta e colonialmente, o pobo galego, e mesmo, un muncipalismo vagamente popular. A Junta tiña atribucións en materia militar, e mesmo chegou a armar unha escuadra propia. Loitou porque houbese nacionais galegos nos cargos públicos e eclesiásticos e que estes coñecesen e usasen a lingua do país e fosen respectuosos cos costumes. E isto ocorría nuns séculos nos que a maioría dos funcionarios públicos ostentaban apelidos estranxeiros. A Junta actuaba no ámeto da beneficencia, solicitando auxilios e intentando remediar as moitas calamidades e fames negras que martirizaron nos Séculos Escuros este falso país de horreos aculugados e pazos e mosteiros abastados e xenerosos que pintan algúns historiadores, neoconservadores. O descontento, mesmamente, estopou na revolución, contemporáneo á francesa, da derradeira década do século XVIII. E a Junta, chamada "o Reino", arbitraba precios e administraba trabucos e impostos. Tiña competencias no ramo da pesca e das comunicacións. Pero sobre todo, a Junta era petitoria e de contino lle representaba ao Consejo de Madrid e ao Rei os problemas de Galicia e solicitaba remedios para os males.

En fin, a Junta extínguise para deixar paso á constitución das catro provincias actuais coas súas correspondentes deputacións. Os sectores con conciencia galega viron daquela como Galicia desaparecía como suxeito xurídico-administrativo. Reaccionaron os patrianos ao modo vasconavarro ou vendeeano pretendendo a perpetuación do antigo réxime? Non; en Galicia non. Os patriotas abrazaron os principios revolucionarios burgueses e loitaron por unha Galicia unificada e próspera. Tal vez o Provincialismo protonacionalista fose a resposta á implantación das catro provincias que aínda perviven para mal da Patria. En todo caso, foi entón, no tempo no que se puxeron en vigor ás provincias, cando o doutor Domingos Fontán mediu a Terra e levantou o Mapa de Galicia como representación xeométrica dunha única e indivisíbel identidade e territorio nacional.

CAIXA POSTAL

  • Isabel Barreto"Quixera consultar ao Fondo dos Espellos o seguinte: a maravillosa muller capitana de nome Isabel Barreto da cal Vostede andou a falar era, ao parecer, nativa de Pontevedra e batizada en Santa María.A miña pregunta é esta: o apelido Barreto é ou foi galego? Moitas grazas pola súa dedicación".Elvira Barata GonzálezOurenseNa miña opinión Barreto é apelido portugués. Segundo se pensan, provén dun alcume orixinado en barrete u barreto ou birrete, chapeu que é representativo da curia xudicial ou académica. Na provincia de Ourense os xornalistas soían diferenciar entre membros do PP de barrete e outros de pucha, ou sexa de birrete (universitario) e de boina ou pucha (aldéans). José Pedro Machado, no seu Diccionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa (Lisboa, 2013) fainos acordantes dun trovador do Cancioneiro da Biblioteca Nacional que leva o rubro: "Esta cantiga de cima fez Stevan Fernandiz Barreto a huu cavaleiro". Despois Barreto converteuse en topónimo, pero só no centro e sul de Portugal. Polo tanto a calquera que en Galicia se apelide Barreto, igual que Barata, e aínda Almeida e outros poucos de casos semellantes, hai que lle supor unha orixe portuguesa. Para Corominas, barreto procede do occitano birret, do latín tardío birrus "carapucha".Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats