Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Sobre Rei Langó: memoria

A Nosa Terra, órgano oficioso do Consello de Galiza e da Irmandade Galega. O editorial ("A nosa política") denuncia por primeira vez que Franco tiña intención de facer rei a Juan Carlos de Borbón.

Vexo o rei vello hoxe. Rei Langó, chámanlle a Juan Carlos uns xitanos da miña confianza. Coxo estará o home, pero non lle miro ese toque de grandeza que fai inmortal a figura do Roi Pêcheur no poema de Chrétien de Troyes.

Rei Langó e máis eu, sendo rapazolos de dez anos, fixemos, ao mesmo tempo, o exame de ingreso de bacharelato en setembro de 1948. El no San Isidro de Madrid, baixo a protección de Franco e co seu pai, Juan de Borbón, no dourado exilio de Estoril. Eu, no paraninfo do Instituto de Ourense no cal aínda hoxe non podo entrar sen que se me encolla a alma cos meus pais presentes. Juan de Borbón, en 1948, deixábase ir na operación cuxo fin era restaurar a monarquía en España que o Foreing Office e os norteamericanos auspiciaban. Despois de fracasar, por descomposición e conspiración interna, o derradeiro goberno frentepopulista da nosa república, en 1947, o do doutor Giral e de Castelao, impúñase a restauración borbónica na persoa de don Juan que lle prometía, nos seus manifestos, autonomía a vascos e cataláns ao tempo que reivindicaba, con minimalismo moi evidente, a figura de Rosalía de Castro.

Pero Franco diu chegado a acordos misteriosos con don Juan. Acórdame ben. E prometeulle a este vividor que un día volverían os Borbóns (esa familia europea que leva máis de mil anos sen traballar) ao Palacio de Oriente. Co cal, don Juan xogou ao mesmo xogo e cedeulle en semiadopción o seu fillo Juan Carlos a Franco. Lembremos que Fernando VII, antepasado de don Juan e de Rei Langó, xa se postulara para fillo adoptivo de Napoleón Bonaparte.

Unha vez Juan Carlos en España, e rodeado de preceptores franquistas civís e militares, o Caudillo ordenou que o que sería Rei Langó pasase o exame de ingreso e se fose preparando para ocupar o trono en cursos acelerados nas academias militares e, acaso, na frecuentación fugaz dalgunha facultade universitaria. Da miña, botárono os alumnos. Todo estaba preparado xa, en 1948, para que Juan de Borbón e Battenberg non chegase a sentar nunca no trono de Alfonso XIII e si o seu fillo Juan Carlos. Que Eisenhower e Franco cruzasen as súas vidas mediante cesións de bases, promesas anticomunistas e abrazos emocionados, prolongou a vida da dictadura fascista e impediu que os plans británicos para a democratización de España se puxesen en práctica. O rei había de ser o hoxe Langó e non o seu pai.

Naquel mesmo mes de setembro de 1948, e cando eu, á saída do Instituto, lle admiraba a roda ao pavón real ("su manto azul de tantos ojos dora") e celebraba no Posío o meu aprobado no exame de Ingreso, o presidente do Consello de Galiza, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, facía publicar no órgano oficial do nacionalismo galego, A Nosa Terra de Bos Aires, un editorial do cal copiamos as seguintes palabras:

"Agora Franco quer facer un rei do fillo de don Juan nun país que xa deixou de ser monárquico e que só é apto para vivir en República. Claro está que non excluímos a posibilidade de ver realizada esta experiencia, porque os españois soen estar na cuarta dimensión, no reino do absurdo; pero non lle arrendamos a gañancia a quen se asenta no trono que deixou valeiro Alfonso XIII, a non ser que a tiranía sexa eterna en España".

Efectivamente, como anunciara Castelao, o fillo de don Juan foi feito rei. Éo hoxe, vista a decadencia de Rei Langó, o neto de don Juan. Talmente parece como se a tiranía se eternizase en España, digámolo usando verbas de Castelao.

Caeu o fascismo europeo en 1945. Pero non en toda Europa. En Portugal e en España permaneceu con todos os seus formantes de crueldade e de sobreexplotación inhumana. A causa da apertura da Guerra Fría, o anticomunismo prioritario dos EEUU e do Reino Unido ocasionaron, de formas diferentes, a perpetuación do fascismo de Salazar e do fascismo de Franco durante moitos anos. Podemos falar, pois, dunha "anomalía ibérica".

Moi cedo, e axiña, o goberno republicano Giral estoupou, as potencias occidentais, ao tempo que baixaban a cortina de ferro, consideraron que a saída única posíbel do franquismo (o fascismo nacionalcatólico español) non podía de modo ningún ser a restauración republicana democrática pois esta levaba incorporado necesariamente o compoñente comunista. Impúñase, portanto, a volta á monarquía cunha constitución na que os comunistas estivesen fóra da lei. A proposta inicial de Gran Bretaña foi a de pór no trono que deixara libre Alfonso XIII a Juan de Borbón, quen gozaba dunha certa popularidade e a quen mesmo Castelao trataba de "don". Deseguida, a alianza de Franco con Eisenhower fixo pasar a coroa, aínda hipotética, da testa do chamado entón "don Juan" a aquel que os meus amigos xitanos coñecen hoxe como Rei Langó. En todo caso, a análise do Presidente de Galiza revela, alén de inxenio, unha agudeza crítica da que carecen boa parte dos relatores da nosa historia recente. Si, en 1948 xa Franco resolvera o dilema: o rei de España sería, cando el morrera, o fillo de don Juan. Despois, de forma natural, viría o seu neto. Como dicía Castelao: "o reino do absurdo".

CAIXA POSTAL

  • Un grupo de xoves de orixe galega e residentes en territorio francés, que se coordinaron en apoio de Francia Insumisa, escríbenlle ao Fondo dos Espellos para compartir o seu desgusto polos resultados que obtivo Mélenchon. Eu estou, sen embargo, satisfeito porque tantos franceses levasen alguén coma Mélenchon á cuarta posición nas eleccións presidenciais. Unha satisfacción, a miña, semellante á que sentín cando Bernie Saunders saiu do anonimato internacional anunciándose como socialista na carreira á presidencia dos EEUU. Mélenchon explicou que podemos ser europeos, de esquerda, e estarnos, como estábamos xa moitos, contra ese pendello caduco que é a UE. Fíxome acordante de Maurice Couve de Murville, aquel ministro de De Gaulle que cando citaba a NATO, facía unha pausa, e dicía o seguinte, cun "certain sourire": "isto é, os Estados Unidos". Propuña, pois, Mélenchon sair da NATO. E tamén establecer lazos entre Francia e a ALBA, co cal permítanme os xoves amigos galegofranceses que volte a De Gaulle, cando este fixera a xira triunfal por América Latina, non sei se antes ou despois de incitar os franceses de Québec ao independentismo. Eu miro no Fondo dos Espellos e vexo que Mélenchon significa o futuro, e, os outros candidatos, o pasado. Le Pen, o pasado negro de Francia, e, sobre todo, un futuro para este país que conduce de volta ao pasado de Action Française e ao escándalo do caso Dreyfuss que Zola fixo permanecer na Historia. Os outros son o neoconservadurismo norteamericanizante que leva ao caos e a miseria. Voltemos a Sartre. Cando a este escritor rexeitou estentóreamente o premio Nobel fixo votos polo triunfo da guerrilla castrista que operaba en Venezuela daquela. Hoxe, os fillos daquela guerrilla, salvo individuos que se ofreceron á CIA e cobraron pola treizón, están no poder en Venezuela despois de acadar este por vía electoral ou sexa mediante sufraxio universal. Mélenchon supón a unidade popular e a presenza nas vindeiras eleccións parlamentarias con garantías. E encarna, sobre todo, a fin da V República que este cronista viu nacer. Todo pasa, e, se Alxeria un día foi independente dun Imperio non sei por que Francia non poida hoxe ser independente de outro. Bretaña e as nacións oprimidas do Hexágono e de Ultramar esperan máis do que representa Mélenchon ca do que representa calquera outra composición electoral das que se desputaron, e se desputan, a presidencia da República Francesa.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats