Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O padre Merino e o naufraxio na costa portuguesa de 1892

125 anos dunha das maiores traxedias mariñeiras do país veciño: os afundimentos de varias ducias de lanchas que causaron 105 mortos

Retrato de Baltasar Merino.

Este ano cumpriuse o 125 aniversario dunha das maiores traxedias mariñeiras do veciño país, Portugal. O día 27 de febreiro de 1892 unhas setenta lanchas procedentes de Povoa de Varzim, Afurada e outros lugares da costa estaban a faenar pescada e outros peixes diante de Aveiro. Sopraba un vento lixeiro do leste-nordeste e todo presaxiaba unha boa faena cando o tempo comezou a mudar: nubes escuras toldaron o ceo desde o sur onde quedou fixado o vento, cada vez máis forte. O mar encrespouse e chegou o furacán. As lanchas emprenderon ás présas a volta, pero as barras do Douro e Povoa ficaban pechas por ondas inmensas e moitos dos que quixeron salvalas afundiron alí, mesmo diante dos ollos dos seus achegados, que, angustiados, agardaban nas praias a súa arribada. O resto, como puido, gobernou mar a dentro cara ao norte procurando augas máis seguras. Afogaron 105 pescadores e moitas das lanchas viñeron a parar ás rías galegas onde o pobo, segundo un xornal da época "recebeu os naúfragos portugueses com grande carinho, oferendo-lhes agasalhos, alimentaçao e transporte".

En Povoa, que foi a localidade máis afectada, a traxedia ficou marcada con lume na súa memoria, de tal xeito que o traxe poveiro de festa, branco e con alegres toques de cores vermella e azul, desapareceu e foi substituído polo "preto" que por moito tempo foi a cor dominante e total das súas roupaxes. Mesmo as lanchas foron repintadas de negro. Hoxe, nunha colección de mosaicos que representan a historia e costumes de Povoa de Varzim, hai dous que manteñen viva a lembranza desta traxedia.

Uns días máis tarde, o 10 de marzo, o xornal de Tui La Integridad publicaba un amplo artigo do Padre Xesuíta Baltasar Merino titulado "La borrasca del 27 del mes pasado y un consejo a los pescadores de nuestra costa", no que sinala a importancia do barómetro como un medio para previr a chegada do mal tempo. Nesta altura, o padre Merino era xa un reputado home de ciencia que mantiña desde o ano 1880 unha estación meteorolóxica completa no colexio que os padres xesuítas tiñan en Camposancos (A Guarda). Publicara un libro sobre a primeira década de datos desta estación e unha excelente síntese sobre as condicións climatolóxicas do mediodía de Galicia.

Achega o dato de que a véspera da traxedia, o día 26 de febreiro, na estación de Camposancos "el barómetro aquí sufrió una depresión tan extraña por su rapidez y amplitud que a cualquier persona un tanto conocedora de la marcha ordinaria y regular de tan precioso aparato, conocimiento que bien pronto se adquiere, le causaría alarma". Diso deduce que esa anomalía na lectura da presión puido alertar os pescadores da chegada do mal tempo e previr a traxedia, mesmo neste caso no que todo sucedeu con inusitada rapidez. Estas previsións mellorarían moito se houbera como en Inglaterra, Francia ou Estados Unidos unha rede de observacións meteorolóxicas costeiras conectadas entre si, algo que non ocorría en España e Portugal. Mentres iso non sucedese, "no queda, pues, más recurso que el uso individual y acertado del barómetro", que propuña incorporar, na súa versión aneroide e de man, a todas as embarcacións pesqueiras.

Poucos días despois, o 18 de marzo, o xornal de Lisboa A Naçao reproducía traducido ao portugués case a totalidade do artigo de Merino resaltando que "Em vista déstas observaçoes, tudo nos leva a julgar que os governos podiam ter prevenido a catástrofe do Norte ? deviam ja ter-se imposto providencias preventivas e preservativas" e que, en vista de todo iso, é necesario "acabar a linha de observatorios costeiros e centralizar lhe as observaçoes -que en fim a catástrofe do Norte é devida a falta de administraçao pública".

Ao ano seguinte, en 1893, o padre Merino publica unha pequena obra de 68 páxinas dedicada ao Estudio sobre las borrascas en la costa occidental de Galicia na que resume a partir da súa experiencia de once anos á fronte do observatorio de Camposancos as circunstancias que preceden e acompañan as borrascas que chegan ao sur de Galicia. Describe con minuciosidade como unha observación detallada e crítica das medidas barométricas permitiría predicir con antelación a chegada das borrascas, cuestión de vital importancia para a seguridade dos pescadores galegos aos que vai dirixido principalmente o libro.

O padre Merino, que morreu en Vigo o 3 de xuño do 1917 e foi nomeado recentemente o Científico Galego do Ano, non foi só un botánico providencial para o coñecemento da flora galega, aspecto polo que é fundamentalmente coñecido, senón que se introduciu tamén con rigor e orixinalidade noutros campos da ciencia. Un deles foi a meteoroloxía, pola que foi ben coñecido e valorado polos estudosos do clima e do tempo da súa época. Por ela foi tamén protagonista indirecto desta traxedia do mar que toldou de loito todo o litoral norte portugués.

*Membro do Consello da Cultura Galega e da RAG

Compartir el artículo

stats