Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Todas as cántigas

O trobador alemán Jakob von Warte (século XIII) goza dun baño de rosas. Minnesänger, Gran Manuscrito de Heidelberg.

A edición de Cantigas galego-portuguesas. Corpus integral profano (Lisboa, 2016) de que é autora Graça Videira Lopes, apresenta, en modo compacto, a totalidade da poesía non relixiosa da nosa Idade Meoga. Isto quer decer uns 1680 poemas, ou a totalidade dos textos contidos nos Cancioneiros. Fica fóra do bloque a maioranza das 420 Cántigas de Santa María de Afonso o Sabio, que é o poeta máis fértil e rico en toda clase de recursos das nosas letras anteriores ao Rexurdimento.

Antes, unha equipa dirixida por Mercedes Brea levara a final feliz un labor do mesmo xénero: Lírica profana galego-portuguesa (Compostela, 1996). Diferéncianse, unha e outra empresa, principalmente en que a de Brea reproduce leituras críticas de editores do pasado e, a de Videira Lopes, propón un texto xeral unificado e debido só ao criterio da autora. Porparte, Videira inclúe na súa obra un apéndice musical confeccionado por Manuel Pedro Ferreira, alén de alguns elementos máis.

Esperemos que estas cántigas traballadas por Graça Videira Lopes vaian reunirse coas de Mercedes Brea en todas as bibliotecas públicas e centros de cultura de Galicia e Portugal para contribuir á alta divulgación dos nosos tesouros literarios comúns.

Un tópico persistente evoca a Idade Media como un período temporal nada refinado e monoliticamente relixioso. O cristianismo, si, serviu como cimento solidificador do modo de producción feudal en Occidente, do mesmo xeito que se convertera en ideoloxía de Estado no Baixo Imperio, con continuidade delongada en Bizancio. Pero houbo unha literatura latina na Europa da época non só profana senón mesmo trasgresora en materia de algúns mandamentos da lei de Deus. Para mellor comprensión destas letras latinas de contido fornicador, os occitanos habilitaron cedo a lingua provenzal e, nesta lingua, so o coudelado do príncipe Guillem de Peiteus, cantaron os gozos do amor carnal, os seus innúmeros seguidores, que tán ben foron traducidos ao galego por Darío Xohán Cabana. Os Minnesänger ou trobadores eróticos alemáns (tan galegos en todo) farían o propio, así como tamén poetizaron en clave profana e amorosa os sicilianos. E non esquezamos aqueloutros franceses e anglonormandos, con xenios tales como Marie de France e Chrétien de Troyes, que colocaron no centro das imaxinacións europeas o adulterio coma modelo de fino amor, por non falarmos do relato ateo de Tristán. É curioso ver que Gaston Paris, se cadra un pouco desconcertado, intentase no paso de século XIX ao XX, edulcorar tanta carnalidade inventando, con éxito académico, a expresión e a idea de "amor cortés".

Laica e profana é a poesía dos nosos Cancioneiros. E non é verdade que a Galicia dos séculos medios vivise á sombra dunha Compostela consagrada ao culto ao Apóstolo Santiago. En realidade, Santiago e as peregrinacións non teñen presenza na nosa lírica. Mesmamente, cando Afonso X ordenou de corrixir o laicismo da poesía galega e quixo promover unha corrente confisional piedosa, non botou man dos milagres e lendas de Santiago, a quen desconsideraba, senón que recorreu a Santa María, Estrela do Día.

En fin, os nosos trobadores, nembargantes seren sexuados como varóns, podían adoptar a voz da rapariga namorada eterna e ondexaren con ela as infinitas variacións líricas de tal modelo arquetípico. Mais, veleiquí que o feminismo propio da poesía medieval nosa non se esgota na meniña apaixonada. Ela dialoga coas súas irmanas e coa súa madre porque nas cántigas de que falamos non aparece outro home senón o amigo e non se mira nin irmao nin pai por ningures. E xa que andamos nisto, observemos tamén unha nutrida presenza feminina na filoloxía aplicada aos Cancioneiros. Primeiro Carolina Michaelis; logo, unha formación apertada de filólogas de distintas xeracións coma Erilda Reale, Elza Pacheco, Luciana Stegagno-Pichio, Patricia Obder, Cacilda Camargo, Elsa Gonçalves, Aurora Juárez Blázquez, Giulia Lanciani, Pilar Lorenzo Gradín, Yara Vieira, Antonia Yañez Sánchez€, que agora fechamos con Mercedes Brea e Graça Videira Lopes. E hai outras moitas.

Leamos, sen prexuízos. Acheguémonos a unha Idade Media na que as mozas son limpas bailadoras e esportivas, e bañan os seus corpos nas ondas do mar de Vigo. Visitemos as illas de San Simión e de San Clemenço de Ardán, moi adecuadas para a cita en segredo. Vexamos nas Cántigas de Amor, non un eco da "cançó" provenzal, senón un xénero culto e vernáculo. Riámonos, ou escandalicémonos, coas señoras abadesas e prioresas que usan e abusan de carallos franceses, ou sexa de xoguetes eróticos peniformes. Divirtámonos co cabaleiro andante que culmina coa pastorela tópica, (ou non) un coito embalsamado co arrecendo das guirlandas, o cantar do papagai e, a final, o xentil arranxo das saias dela na luz peneirada do mencer. Odiemos a Martín Marcos sen saber quen foi tal e sintamos pena por Afonso o Sabio cando este se nos laia como home desafortunado. Notemos a paisaxe vibrar nas debrocas sentimentais que anuncian o Romantismo. Sorprendamos cántigas dentro de cántigas e conmovámonos coas palabras do Psalmista a atravesar espazos imposibeis entre o deserto semítico e o souto frondoso de Crecente.

Pillemos a Don Bieito, home duro, no medio do que debeu de ser un celebrado cunnilingus. Tirémoslle a pucha ao cazador xeneroso que deixa voar as aves canoras por lagos e terras de Ferrol en canto un monteiro torvo martiriza o cervo máxico da nosa memoria granítica ancestral. Folguémonos de que o honor feudal e o estrépito heroico cabaleiresco se disolvan nesta poesía en gargalladas populares e burlescas que saben humillar señores, escudeiros, fidalgos, ricoshomes. Visitemos, pois, este corpus profano que nos achega agora desde Lisboa Graça Videira Lopes.

CAIXA POSTAL

  • O arquivo de Luís Gonçales Blasco "Foz" probabelmente é o mais rico en materia de resistencia nacionalista galega contra o fascismo de Franco. Envíalle Foz ao Fondo dos Espellos a fotocopia dun artigo sobre Galicia que viu a luz nos núms. 24/25 de Planet revista do País de Gales, no ano 1974. En semanas pasadas sacabamos Planet nesta páxina. Lemos o artigo, que se titula "Galicia" e que aparece asinado por Harri Webb. O seu contido é unha síntese compacta e precisa da historia e realidade contemporánea do noso país. Descoñeciamos a existencia deste texto e damoslle as grazas a Luís Gonçales Blasco por nolo enviar. Convén lembrar que Foz foi responsabel en París das relacións internacionais da UPG e ANPG durante o tempo en que estivo exiliado naquela capital. Gonçales Blasco "Foz" foi o representante de Galicia na reunión de nacións sen estado de Europa, e portanto un dos redactores da Carta Brest. Tamén convén ter presente que Planet editorial, o seu director John Bernie e o profesor John Rutherford de Oxford, foron os primeiros no universo británico, en traducir, publicar e distribuir, con inmensos e desinteresados esforzos, obras literarias da Galicia contemporánea en inglés, por certo magnificamente ben deseñadas. Fagamos memoria, a penas, das Things (Cousas) de Castelao editadas en Gales por Planet no 2001. O traballo de traducción do galego ao inglés foi feito colectivamente polo Oxford Centre of Galician Studies, inspirado e dirixido polo citado Rutherford. A equipa de traductores estivo integrada por Kirsty Hooper, Isabel Mancebo Portela, Craig Patterson e Manuel Puga Moruxa. Diagramou o libro Glyn Rees e foi imprentado por Gwasg Gomer en Llandysul, Ceredigion. En todo caso, os interesados poden pedir Things a Planet, PO Box 44, Aberystwyth, Ceredigion SY23 3ZZ, Cymru/Wales, Gran Bretaña.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats