Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Vexo corzos

Cada día chegan noticias fidedignas de que algún corzo foi enxergado nun lugar no que os máis vellos nunca viran tal. Están chegando ao Galiñeiro e o corzo macho chouta nas madorras de Cortiña Grande

O aumento ou diminución das poboacións dos máis vistosos dos animais selvaxes é cousa que chama a atención da xeneralidade das persoas. As fluctuacións débense a multitude de factores interrelacionados dos que agora non imos tratar. Estes pasados anos, os berlineses parecían moi impresionados porque o lobo comezara a amosar as dúas ourellas cen quilómetros ao Leste do Reichstag, sendo que no século XVIII esta fera tiña sido exterminada na Prusia. Todos os galegos coñecen o renacemento espectacular do porco bravo, animal que na nosa infancia vivía reducido nos escasos matos boscosos das grandes serras. Fálase pouco da resurrección dos humildes, belos, vulnerabeis corzos.

É agora cando a este cronista se lle resusta unha dolorosa lembranza. Por causas que non explicarei, fun participar nunha cazata de corzos que se organizara no dominio dos Parada Justel en Monte de Ramo, ou Monte Ramo segundo me ensina X.M. Salgado. Eu era neno e acompañaba os cazadores, xunto cun fillo dos caseiros que tería a miña idade, para lle levarmos escopetas, fardelos co refrixerio e unha bota de viño. Os dous corzos mortos, un macho e unha femia, inspiráronme tanta pena que non teño vontade de os describir. "Sonche animás moi bos!" -comentoume o fillo do caseiro dos Parada.

O grande cervo vermellizo, que se amosa espléndido nos petróglifos e que vai beber na fonte das cántigas de Pero Meogo, desaparecera de Galicia. O gamo tamén se acabara para sempre xa no século XIX, aínda que no Siervo Libre de Amor, Rodríguez de Cámara fai que o protagonista da súa brutal e conmovente novela cace un na floresta de Padrón, e chámalle Dam ao cérvido. Quedaban os corzos na Galicia da miña nenez como representantes únicos da Familia Cervidae. Tan bonitos son os corzos que Linneo lles deu nome en diminutivo: Cervus capreolus. Coido que na taxonomía zoolóxica vixente o corzo figura como Capreolus capreolus, co diminutivo duplicado e referido á cabra coa que non ten en rigor nada que ver o animal que nos ocupa.

Moitos anos máis tarde da cazata de Monte Ramo, fun ver corzos en libertade vixilada nun bosco de Osfordshire. O garda, que en galego deberíamos chamar couteiro, dirixiuse ao grupo de visitantes entre os cales me eu achaba. Dixo, cun sospiro, "roe deer!". E engadiu aquel couteiro de cabelo preto en todo semellante á figura literaria do amante de Lady Chaterley: "small, gracefull deer!". Aqueles corzos británicos non estaban destinados a seren mortos a tiro, coma foran os da aba da Serra de San Mamede en conforme rubes a meda desde Monte Ramo. Estaban onda faisáns pedreses que arrevoaban sobre a lagoa para admiración dos visitantes da mansión, previo pagamento dunha entrada.

Todos os que observaron o corzo coinciden en consideralo un becho tenro e doce. Confeso que, cando vin a película de Bambi, non puiden evitar lembrarme do corzo e da corza de San Mamede, mortos e conducidos á casa de Monte Ramo ao lombo dun macho. "Inocentes, tímidos e veloces", di deles o doutor López Seoane, quen eloxia con admiración as manchas brancas que adornan o tronco dos cabritos do corzo. Corzo que, segundo o patriarca da zooloxía galega, tamén en galego pode ser chamado caparro.

E ben, retíranse os humanos de Galicia e deixa a agricultura de manter a raia o bosco antigo, que regresa. Por parte, o aproveitamento economicista e madeireiro do monte galego puxo piñeiros onde eran a gándara, a toxeira, a bouza, o toutizal, Isto, unido a leis protectoras máis estrictas, ocasionou o feito de estarnos asistindo a unha multiplicación do corzo en Galicia e serras arraianas. Cada día chegan noticias fidedignas de que algún corzo foi enxergado nun lugar no que os máis vellos nunca viran tal. Están chegando ao Galiñeiro, aseguran en Vincios. Hai corzos no Montealegre, sobre o caldeiro no que fumega a Burga de Ourense desde idades xeolóxicas anteriores á emerxencia de mamíferos coma podían ser o corzo ou o home. Hai quen me conta que o corzo macho chouta nas madorras de Cortiña Grande, entre Castromau e Amoroce, Celanova, coma se acabase de sair do Cantar dos Cantares II. Por cima disto, o parque natural do Xurés, por obra de Xosé Benito Reza, protexe hogano o parideiro das corzas, de consún co Mato Real portugués, o que asegura unha continuidade das xeracións desta especie en Galicia e Portugal.

Nós non queremos, no Fondo dos Espellos, que desaparezan os corzos dos nosos montes, pero miramos con horror como os humanos se retiran dos altos vales. O cal reclama unha urxente política de salvación nacional de Galicia.

CAIXA POSTAL

  • "Esta carta ten dous propósitos. O primeiro é agradecerche os teus artigos a favor do selo solicitado para conmemorar o V Centenario da Reforma. Esperei a ter a resolución final da Comisión Filatélica do Estado. Por outra parte, quero comunicarche que a petición foi denegada. Entristéceme que este país siga a vivir na escuridade de Trento. Se vivise no Concilio Vaticano II sería moi distinto. A petición do selo partiu de Ourense. Tiña que ser así. Desde o corazón de Galiza, coa espiritualidade roubada a Prisciliano, os galegos pedíamos ao resto do Estado que restaurase a memoria histórica do pobo da Reforma. Mediante a Biblia "del Oso", de Casiodoro de Reina, o noso país e o resto de España achegaríanse a un libro perseguido por séculos e que moitos irmaos meus sofriron mesmo prisión e todo tipo de insultos. Con todo fixen un recurso potestativo de reposición e se logramos un importante impacto mediático, até podemos conseguir que volvan en si e autoricen o selo. Unha aperta grande".J. L. Fernández CarniceroOurenseRefírese o historiador ourensán na súa carta a que el e outros membros relevantes da comunidade evanxélica máis antiga e arraizada en Galicia, que con humildade se chama a si mesma asamblea ou igrexa de Irmáns, ten o propósito de conmemorar dignamente o V Centenario da Reforma luterana. Decidiron solicitar da Comisión Filatélica Española a emisión dun selo conmemorativa de tan importante acontecemento. Para iso, recordarían gráficamente no timbre a traducción da Biblia ao castelán feita por Casiodoro Reina, que continuou Cipriano de Valera. Tamén poderían recordar no selo de correos a Frei Luís de León, que pasou anos nas cadeas da Inquisición por traducir, contrariamente ao mandado polo Concilio de Trento, o Cantar dos Cantares tamén ao castelán. O Comité Filatélico, organismo oficial español no que están representados diversos ministerios, denegou a petición aducindo, como motivo, a grande cantidade de solicitudes de selos temáticos que se reciben. A comisión galega que razoou, con moito fundamento, a petición estaba formada por Andrés Valuja Portela, Timoteo Figueirido Woodford, Julio Torres Caeiro e José Luis Fernández Carnicero. Certamente, a Comisión Filatélica Española depende do gobernó do PP, cuxa ideoloxía e cuxa práctica é nacionalcatólica, como foi a dictadura de Franco da que eles nunca arrenegaron, e non recoñecen nin o pluralismo relixioso nin a laicismo de Estado. Os solicitantes, fondamente decepcionados, reaccionaron dicindo que seguirán sendo o que foron sempre "protestantes evanxélicos".No Fondo dos Espellos recordamos os días ominosos nos que os protestantes de Ourense, coma os de Marín, de Vigo e doutras localidades de Galicia, eran humillados de forma ignominiosa polo franquismo e polas autoridades da igrexa católica. Eu recórdoo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats