O himno das mocedades nacionalistas Ultreia tiña letra de Fermín Bouza Brei na que se exaltaba a fraternidade entre "as sete nacións celtas/ fillas do pai Breogán". En 1989 visitamos Moncha e eu a sede central do Sinn Féin, no 44 de Parnell Square, Dublín. Na parede do salón penduraba, entre o retrato de James Connolly e o de Fidel Castro, un mapa das sete nacións celtas con pé explicativo. Aló, pois, as estaban: Irlanda, Bretaña, Escocia, Gales, Man, Cornoalla e, no extremo sul, Galicia. Ao referirse Fredric Jameson a "mapas congnitivos", estaba a preconizar cartografía política como a que eu lembro nunha sala de xuntas do Sinn Féin. Das sete "fillas do Pai Breogán", a pior coñecida, e a menor, é chamada en idioma córnico Kernew Cornwall en inglés e, en galego desde a Idade Media, Cornoalla. Sempre houbo coincidencias notabres entre Cornoalla e Galicia.

Nun intre impreciso do século XIX naceu en Truro, capital do condado de Cornoalla, John Trulock. A revolución industrial conmoveu as raíces de Cornoalla coma os episodios televisivos do capitán Poldark (unha versión córnica de Antonio Raimundo Ibáñez) nos foron revelando aos seguidores da serie. John Trulock foi enviado a Galicia pola empresa na que estaba contratado para servir en The West Galicia Railway. Esta compañía construíra o primeiro camiño de ferro do noso país en 1873, o cal facía a liña de pasaxeiros e mercadorías entre o Carril (na ría de Arousa) e Cornes (aldea de Conxo no rodopío de Santiago de Compostela).

O principal da West Galicia era Camilo Betorini. Este italiano estaba casado con María, de solteira Jones "nacida no País de Gales") a quen lle dedicara o poema a Sir John Moore Rosalía de Castro, súa amiga. Moore era escocés, de Glasgow, e o seu superior, Wellington, viñera ao mundo en Irlanda. Os fíos misteriosos entre as sete nacións celtas non deixan de ser tecidos polas fadas.

Así que John Trulock casou cunha filla dos Bertorini, de nome familiar Nina, a cal supomos que nacería en Iria, na casa paterna situada sobre o camino de ferro da West Galicia e non lonxe da Matanza en que Rosalía había de expirar en 1885. John Trulock foi director xerente da compañía ferroviaria de que estamos a falar.

Non sabemos se John Trulock, que era córnico, repararía en que o nome da estación de Cornes, que el rexía, gardaba unha semellanza rara co nome do seu condado natal: Kernew, Cornwall. E tamén co xentilicio correspondente que, en inglés é Cornish (case Cornes, pois).

E o conto di que unha filla de John Trulock e de Nina Bertorini, Camila, nada nos finais do século XIX foi casar cun xove "vista de aduanas" procedente de Tui, que curiosamente tamén levaba o nome de Camilo, ou sexa Camilo Cela Fernández. De Camilo Cela e de Camila Trulock nacería Camilo José Cela Trulock no ano 1916 na casa dos Bertorini, onda a vía do tren. Como é sabido, o escritor foi recibir sepultura no cemiterio da Adina ("n`hai duda que é encantador") non lonxe da primeira cova que acolleu a Rosalía e no mesmo "camposanto" en que a amiga "nacida no País de Gales" está a se deconstruir no colo da Terra Galega. O tren segue a pasar por alí e, se eu tivese poder ordenaba a os maquinistas daren pitadas de honra ao descorrer o comboio por Iria do mesmo modo que a armada británica manda render honores aos mariñeiros enterrados no cemiterio da Costa da Morte cando os seus barcos pasan ao largo.

No mapa cognitivo que vemos en Parnell Square, Dublín, os ectoplasmas corporízanse e fanse aparecidos nas néboas e turbións que se adensan entre os cabos Land´s End e Fisterra, que son xemeos. A obra final de Camilo José Cela é Madera de boj. Esta novela abre grandes fiestras ao que Paz Andrade chamaba Mar Céltico, referíndose a Grand Sole. Nela hai reconto dos mortos e naufraxios ordenados en catálogo minucioso.

O propio Camilo José Cela informoume de que o seu avó Trulock nacera en Truro, capital de Cornoalla. Eu pescudei nas guías telefónicas e din cun Trolock (con o) que anunciaba un negocio en Truro do ramo dos general stores. Fumos procurar que era aquilo e vemos na dirección que daba a guía de teléfonos, unha tenda rotulada "Trolock". Tiña un escaparate decimonónico feito de vidros pequenos e cuadrangulares. Expúñanse revistas, botellas, xoguetes baratos, caramelos e caixiñas ou bucetas de utilidade indefinida. E algún foulard. Non entramos. O escaparate daba a impresión de ofrecer obxectos menores procedentes das crebas ou restos de naufraxios que alguén apañara na area de Carnota, que tamén soa como Cornwall, ou ben na costa apenedada de Pensanze.

CAIXA POSTAL

O internacionalista galés

  • Planet. The Walsh Internationalist é unha editorial de Gales que ten difundido varios libros de literatura galega en inglés, e tamén unha revista de pensamento crítica e análise. Acaba de chegar ao Fondo dos Espellos o número 224 correspondente ao Inverno.Como indica o título da revista, os artigos que inclúe anatomizan os fenónemos contemporáneos de todo o mundo desde un punto de vista galés e universalmente crítico. Así, no editorial, a directora da publicación, ou "editor", en inglés, achégase á fricción, tan intensificada que pode producir faíscas eléctricas, entre literatura impresa e on line.Moitos galegos preocupados polo asunto farían ben en coñecer este editorial escrito por Emily Trahair, patroa maior da publicación. Ela pensa que, para un país coma Gales que se fixo cargo en días recentes do seu propio relato nacional, o asunto da irrupción do internet presenta novas posibilidades de vida en común, e de autocoñecemento. Neste número de Planet resalta unha serie xa presente en números anteriores, que trata de responder á seguinte pregunta: "qué futuro ten a acción galesa contra a pobreza no marco do Brexit?". Veliquí, pois, a saída británica da UE considerada desde o ángulo social e desde Gales. Este é o modo de pensar e debater que encontramos en Planet. Igualmente, neste número da revista coñecemos a campaña, coroada polo éxito, "Cardiff Without Culture" (Cardiff sen Cultura) dirixida contra os recortes ás organizacións culturais, sempre observando os feitos cunha óptica internacionalista e galesa. Outras colaboracións, sumamente valiosas, están encheitas do mesmo espírito. A lectura e debate dos textos difundidos en Planet. The Welsh Internationalist serían de grande servizo, tamén en Galicia. Veleiquí o enderezo postal. PlanetPO Box 44.AberystwythCYMRU/WALES (UK)Como sabemos no Fondo dos Espellos, as relacións e coincidencias entre as sete nacións celtas non se esgotan nunca.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO