Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Mar Céltico mediante

A igrexa de Irmáns, ou Plymouth Brethren, cruzou o Mar Céltico coma Ponthus e Ith, e chegou a Galicia nun tempo que sospeitamos posterior ao ano 1868. Seguramente se expandiu en Galicia na década de 1870

John Nelson Darby (1800-1882), fundador e crego da Igrexa de irlanda que fundou a denominación protestante máis extendida e respectada de Galicia: a Igrexa de Irmáns. // Retrato de Edward Penstone

As relacións, mar por medio, entre Galicia, Irlanda, Pequena Bretaña, Gales, Cornoalla, Man, Escocia e mesmo Inglaterra cando se chamaba Britannia, son antiquísimas e perduran. No século IV Paulo Orosio referíase a elas, como temos visto no Fondo dos Espellos. Trezenzonio, nun poema do século XI, viaxou da Torre da Coruña ao Máis Alá nunha navegación paralela á de San Brandán. O Leabbar Gabhala irlandés fai que os de Brigantia, ou sexa nosoutros, vaian a Irlanda e impoñan aló as súas falas. A composición do Leabbar Gabhala remataría no século XIII. No XV, os franceses de Anjou puxeron no mundo a novela de Ponthus, que é un fillo de Galicia (da Galicia actual) que sofre mas fortunas e termina sendo coroado en Compostela rei do noso e tamén de Bretaña, Irlanda e de todo o arco mítico que hoxe, e sempre, nos ocupa.

Iso ocorría na literatura. Na realidade, nos anos vinte do século pasado, os de Bouzas descobriron o Grand Sole e innovaron a pesca de arrastre con "paregha". A estas praias cheas de vida púxolles como nome Mar Céltico o ideólogo da pesca galega que foi Valentín Paz Andrade. Os patróns e mariñeiros galegos, coma descobridores, fóronlle pondo nomes aos fondos mariños irlandeses: Cona de Vella, Mar das Galiñas (polas pardelas), Mar do Sindicado (polo pedregullo treizoeiro). Isto sae nunha novela titulada Antón e os inocentes, e agora é tema moi divulgado por Xurxo Souto. Tamén os nosos mariñeiros mudaron Grand Sole (peixe) por Ghran Sol (astro rei). Eu teño na memoria os axentes dos armadores galegos que en Cork ou Galway se chamaban Mister Enrique e Mister Murpi (sic). Moitos tripulantes galegos están enterrados en Irlanda.

Hai anos, o armador bretón dos Brittany Ferries quixo unir Vigo con Saint-Malo (Bretaña); non lle fixeron o menor caso aquí. E puxo os seus barcos a facer a liña Santander-Plymouth. Pero entre Bouzas e Saint-Nazaire (Bretaña) circulan, a través do Mar Céltico, outros navíos, estes carregados de coches que son fundamentalmente Citroën. En Bretaña hai unha fábrica Citroën e Galicia ten tamén unha. Un día Paul Keineg escribiu en bretón un poema de combate contra o sindicato amarelo de Citroën en Saint-Nazaire e ao pouco tempo o poema pasou o Mar Céltico e foi traducido ao galego para se distribuír, en forma de panfleto, nas rúas da cidade de Vigo.

Preparámonos para as celebracións do V Centenario da Reforma Luterana. Ollando darredor, vemos que a máis antiga, respectada e mellor implantada das comunidades protestantes de Galicia é a chamada Plymouth Brethen ou dos Irmáns de Plymouth ou Asemblea de Irmáns. E ben, tal comunidade do século XIX. No ano 1831, os Irmáns establecéronse formalmente nas ribeiras dos ríos Plym e Tamar (da mesma raíz que Tambre/Támara ou Tamuxe), ou sexa en Plymouth (Avon), cidade que é a porta natural de entrada ao país celta de Kernew, ou Cornwall ou Cornoalla no galego medieval. En Cornoalla mantívose até o século XVIII viva unha lingua celta britónica que algún día sacaremos no Fondo dos Espellos: o córnico que acaba de irrumper na literatura galega coa novela de Francisco Coimbra (sen til) que se titula Crónica Córnica e cuxa lectura estame obrigando a pasar unha e outra vez o Mar Céltico coa imaxinación.

O angloirlandés John Nelson Darbu (1800-1882), crego da anglicana Igrexa de Irlanda, foi o fundador e inspirador inicial dos Irmáns de Plymouth. Eliminou todos os vestixios e aderencias católicas que mantiña e manten a Church o England e todo o anglicanismo. Esta igrexa de Irmáns, ou Plymouth Brethren, cruzou o Mar Céltico coma Ponthus e Ith, e chegou a Galicia nun tempo que sospeitamos posterior ao ano 1868. Seguramente se expandiu en Galicia na década de 1870.

Deberon ser varios os misioneiros dos Irmáns de Plymouth que, entre nós, traballaron arreo para convencer os galegos e para convertilos á súa fe. Eu aínda coñecín un, don Edmundo Woodford, na igrexa chamada ao tempo "Eliezer" que os Irmáns tiñan, e conservan reedificada, na rúa Pi i Margall en Vigo. Este Edmundo predicou moito polas montañas da Raia Seca, no sul da provincia de Ourense, especialmente nas terras próximas a Celanova. Deixou Woodford activas varias comunidades que aínda perviven en Calvos (Bande), Barxés (Muíños), a Illa (Entrimos) e en Turei ou Tourém, no concello portugués de Montalegre. Circula a lenda dun inxenieiro do ferrocarril, coma os Trulock e os Bertorini de Padrón, e o Carril, que subeu ao monte do Castro de Vigo para alí prometer que convirtiría Galicia enteira ao protestantismo. Parece que era suizo.

Non logrou o enxeñeiro os seus fins, pero o caso é que hoxe as comunidades de Irmáns de Plymouth viven e florecen no noso país. Están presentes en Vigo, en Marín, en Pontevedra, no marxo dereita da ría da Arousa, en Ferrol, Ares, Compostela, Teo, Lugo, San Clodio, Quiroga, alén dos lugares da Raia que xa citamos e na cidade de Ourense. Foron moi molestados durante o franquismo.

Cada vez que un galego sube á Torre de Breogán, ou a calquera outro farol da nosa costa, olla indefectibelmente ao Norte. Nunca mira para o Sul (menos a terra) nin quere lembrar que a costa de Nova Inglaterra e Nova York están a Ueste alén do Océano Grande. Os ollos dos galegos e das galegas, coa forza cósmica da agulla imantada, apuntan ao Norte, onde están Irlanda, a Bretaña continental, Gales, Cornoalla, Man, Escocia e mesmo á Inglaterra que na memoria ancestral sigue a ser Britannia.

CAIXA POSTAL

  • "Do relato que Vostede fai no Fondo dos Espellos sobre o hostigamento que, certamente, se produciu en Ourense contra os protestantes no franquismo versa esta misiva. Cando se fala dos protestantes en Galicia soe usarse a palabra "evanxélicos", que vostede non emprega. Por qué? Sabemos que hai un evanxélico de orixe galega, Frank País, que foi moi importante na Revolución Cubana. Que se sabe das orixes deste? Finalmente, hai unha historia do protestantismo galego?"Cándido Ameiras GrandeBruxelasDiferentes denominacións, igrexas ou comunidades teñen acordado manifestarse cara o exterior do protestantismo, non cos seus nomes propios, senón ofrecendo unha imaxe de unidade, como "igrexa evanxélica". Para min, a máis importante, en todos os aspectos, das denominacións protestantes de Galicia, e implantada no seo do pobo, é a coñecida como Igrexa, Asemblea de Irmáns ou Irmáns de Plymouth. De Frank Pais, que os cubanos citan mal, pronunciando e escribindo "País", sabemos que foi o dirixente principal da organización de "El Llano", ou sexa da guerrilla urbana durante a Revolución. Os de Batista detiveronno e torturánno até a morte. Teño entendido que Frank Pais era fillo dun dos primeiros membros da Asemblea de Irmáns que se converteron e foron batizados en Marín. Tamén chegaron a min noticias de que unha tía de Frank Pais foi mestra nunha escola protestante de Madrid. Emigrada a Cuba, a familia de Frank Pais destacou na súa comunidade. Hoxe Frank Pais, fillo de galegos coma Fidel e Raul Castro, é lembrado en Cuba como un dos herois do Movemento 26 de Xullo e como un mártir da Revolución. En canto á pregunta sobre a historia do protestantismo en Galicia, podo decerlle que non coñezo a historia ningunha da Igrexa de Irmáns no que se refere á longa vida que vén desenvolvendo en Galicia. A respecto do protestantismo en xeral, pode consultarse na "G. Enciclopedia Galega" o amplo artigo de Carlos García Corés. Tamén existe O protestantismo en Galicia. Unha historia centenaria, esquecida, de Benito González Raposo (Xerais, Vigo, 1999).Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats