Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Luteranismo e Galicia

O "Albert Einstein" é un laboratorio de métodos e sistemas contrarrevolucionarios que no tempo no que vostede le estas palabras está a actuar en Ucraína, en Cuba, en Venezuela, en Siria...

Katharina Von Bora, esposa de Lutero. Por Lucas Cranach o Vello.

Prepárase o mundo para conmemorar os cincocentos anos da Reforma Protestante e eu miro no Fondo dos Espellos. Alí vexo, en remuíños confusos, as figuras do teatro de marionetas que os nosos profesores de Relixión, montaban sobre tan grande acontecemento. E veleiquí, que, mesturado con Lutero, aparéceme, no revoltallo da memoria, o río Almofrei alí onde el verque as augas, polas partes entre Mourente e Xeve, no Leres lixeiro. Ía eu, rapaz, moito aló ás troitas, as cales non se deixaban pillar moito, e ía moi precisamente ás Pontes de Bora, topónimo hoxe mal tratado oficialmente como "Pontebora". Toda a xente de Pontevedra sabía aquela cántiga: "Pasei as Pontes de Bora/ e paseinas de carreira/ correndo atrás dunha lebre/ que se volveu costureira".

Entre as causas da Reforma, os libros de texto e os profesores de Relixión do noso lontano bacharelato sinalaban o temperamento sanguíneo, soberbio e libidinoso de Martín Lutero. A súa tendencia á luxuria sería o que levou o hirexe a renunciar ao celibato dos eclesiásticos e a casar el mesmo cunha monxa de nome Catarina de Bora ou sexa Katharina Von Bora. Cando eu andaba ás troitas e perdía moitos anzós nas ponlas baixas dos amieiros da beira do Almofrei, víñame con frecuencia á fantasía de que a muller de Lutero, en lugar de freira alemá, era unha costureira de Bora. Anos máis tarde, cando coñecín o retrato de Catarina de Bora feito por Lucas Cranach o Vello, volveume a manía e ela pareceume unha muller galega, familiar, louzá, intelixente e nacional-popular.

O 31 de outubro de 1517 Martín Lutero fixou na porta da igrexa do Castelo de Wittenberg, as súas teses, o que deu paso á colosal deflagración relixiosa, económica, cultural e política que chamamos Reforma Protestante. Eu son dos que pensan que Galicia non poderá permanecer á marxe de tan importante conmemoración. Os protestantes galegos xa solicitaron que o Estado emita un selo de correos especial coa imaxe da Biblia dos séculos XVI e XVII traducida ao castelán por Casiodoro Reina e Cipriano de Valera. Pensamos que todos os galegos deberíamos celebrar o medio milenio da Reforma con máxima intensidade académica.

Coa reforma, a unidade relixiosa de Occidente crebou para sempre. Nos países e territorios protestantes os bens das ordes monásticas e dos bispados foron expropiados e con iso beneficiáronse os señores e príncipes, certo, pero tamén as ciudades ceibes e a burguesía. T. Münze: "o teólogo da Revolución", mobilizou os campesiños sen terra, aínda que a Reforma non os apoiou porque os propósitos e a utopía dos insurrectos, coma antes a dos Irmandiños, adiantábanse a época.

Pola contra, a Contrarreforma católica consolidou, onde dominaba, blocos de poder reaccionario. A Galicia do século XVI viu como o poder real obrigaba os mosteiros, inmensamente ricos, a enviar a Castela o fluxo dos beneficios económicos extraídos dos mesmos labregos pobres que se revoltaron en Centroeuropa. San Benito de Valladolid por caso, recibía as rendas de todos os conventos benedictinos de Galicia. En grande parte de Europa o protestantismo contribuiu a robustecer o capitalismo, como é admitido comúnmente desde Max Weber. No XVIII xa nace, grazas ao protestantismo, un novo país sen rei nin nobreza nin clero latifundiario e dominante que carece mesmo de nome propio xa que se fai chamar só Estados Unidos de América. Debido remotamente ao protestantismo, entre outras varias causas e concausas, houbo Revolución Francesa e as burguesías dos países orixinariamente contrarreformistas apoderáronse dos bens da igrexa católica, incluíndo na grande expropiación os estados e riquezas do Papa e a mesma cidade de Roma.

En realidade, a Reforma Protestante constituiu o acontecemento fundamental e auroral da Idade Moderna. Coincide, sen embargo, a Reforma coa marxinación de Galicia e coa decadencia, que non extinción, do noso Reino. Pode ser o quinto centenario da Reforma unha boa ocasión, asimismo, para centrar a atención pública na historia do protestantismo no noso país.

Neste sentido, sería boa causa celebrar un congreso no que se estudase o protestantismo en Galicia e o influxo que esta disidencia do catolicismo oficial exerceu sobre a nosa cultura e a nosa sociedade. Non hai moito tempo que se descubriu que Curros Enríquez exerceu funcións de evanxelista ou predicador nunha igrexa baptista de Madrid e non pode caber dúbida de que o pensamento e o sentemento Cristián do de Celanova é de torgueira protestante. Se sabemos que a libertade de cultos que oficializou a Gloriosa en 1868 fixo posíbel a implantación de diversas denominacións e igrexas protestantes en España, que efectos relixiosos tivo en Galicia esta nova situación política? Son moitas as preguntas que a este respecto poden formularse e unha aproximación á memoria das comunidades protestantes en Galicia, que xa foi feita parcialmente, podería completarse aproveitando a onda de interese pola Reforma que seguramente vai provocar a conmemoración do seu quinto centenario.

Moi especialmente, os galegos deberían estudar a historia e vicisitudes da denominación protestante máis antiga e estable de Galicia, que é chamada dos Irmáns de Plymouth e da cal trataremos no Fondo dos Espellos.

CAIXA POSTAL

O nome dun río ourensao

  • Escríbeme o bon amigo, bibliófilo e erudito de Ourense Adolfo Rego Pérez. Faime chegar un seu artigo no que comenta críticamente o innecesario e máis ben idiota cambio de nome dun río que conflúe co da Barbaña na cidade de Ourense. Tal afluente, como soe ocorrer cos mil ríos pequenos de Galicia, pode recibir varios nomes, segundo o tramo ou lugar do seu curso, aínda que predomine un que é o xeográfico ou principal. Este río é, en certos sitios, chamado Doas Ponxos, Villaescusa e Do Pontón, e seguramente con outros nomes locais. Pero o nome que o máximo xeógrafo de Galicia, Ramón Otero Pedrayo, lle dá a este afluente do río da Barbaña é o de Río dos Muíños. Tamén Vicente Risco, no tomo correspondente á provincia de Ourense da Geografía de Galicia, de Carreras Candí, usa o nome de Río dos Muíños. Cando eu era neno fun informado polos maiores de que aquel que unía o seu caudal ao Barbaña nas proximidades do Polvorín e da ponte da estrada de Celanova era o Río dos Muíños. Pois ben, hai uns cantos anos que o concello ou obras públicas, non sei ben, puxo un cartel no que se le Río "Barbañica". Ninguén sabe de onde saíu tal disparate hidronímico, aínda que Adolfo Rego sospeita que o culpábel foi un funcionario cuxo nome, discretamente, non revela. Eu mesmo recórdome dunha noite terríbel na cal o Río dos Muíños encheu tanto que levou moitas casas humildes, e alguha non tanto, e quedou moita xente sen teito pola ríada. Daquela morreron persoas e tamén animais. Non falou ninguén de río "Barbañica" ningún, e si se dixo que a arroiada se producirá no Río dos Muíños e que, este, fixera saír de madre ao Río da Barbaña ocasionando así aquela que foi sentida coma unha traxedia. O señor Rego ironiza decindo que o de "Barbañica" debe ser unha importación de Navarra ou de Aragón, debido ao sufixo diminutivo tan frecuente naquelas rexións. Sen embargo, eu de rapaz tratei moito á familia Solchaga que proviña de Pamplona, e que vivía non lonxe do Río dos Muíños. Nunca lle ouvin a ningún Solchaga chamarlle "Barbañica" a este río. Felicito ao señor Rego Pérez pola defensa que fixo, e fai sempre, do nome verdadeiro do Río dos Muíños de pregúntome se na miña cidade natal, que é Ourense, non haberá un cronista oficial para arranxar e corrixir tal disparate hidronímico.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats