Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Represió relixiosa no Ourense franquista

Francisco Blanco Nájera, o bispo franquista que expulsou os xesuítas de Ourense.

Relembro, e vexo cos meus ollos de neno as cristaleiras do baixo dunha casa de Ourense rotas por efectos dun apedreamento nocturno. Noite de vidros escachados, ao modo nazi.

Por aquel tempo, digamos que ao redor de 1945, tiña moita poder na cidade un equipo de xesuítas a quen o bispo de Ourense, se cadra o doutor Cerviño, lle confiara a administración da freguesía de Santa Eufemia. Compre sinalar que a igrexa de Santa Eufemia fora edificada pola Compañía de Xesús e logo expropiada por Carlos III. O tal grupo de xesuítas vivía nun piso espacioso que a miña memoria sitúa con incerteza na rúa ou largo que daquela se chamaba de Ceano Vivas en memoria do militar protagonista en Ourense da sublevación de xullo de 1936. Lembro moi ben a especialización catequética de varios daqueles cregos que se caracterizaban por levaren unha faixa, negra coma a sotana, arredor do van. O P. Reino tiña sona de místico e metía moito medo coas súas descripcións do Inferno. O P. Bezanilla ocupábase de instruír os nenos e os adolescentes encadrados os primeiros na organización dos Kostkas, por San Estanislao de Kostka, e, os segundos, na dos Luises, por San Luis Gonzaga. Lembro un simpático irmán leigo de nome Filipo, que organizaba pequenas funcións de teatro, a quen chamaban na cidade "O Pai dos Nenos". Finalmente, represéntaseme o P. Serrano, que destacaba pola súa predicación dogmática e intensamente politizada nun franquismo enfático.

Naqueles anos cuarenta, existía na cidade de Ourense, e no viciño concello de Canedo, unha importante comunidade protestante. Tal comunidade pertencía a unha denominación de orixe británica, e remotamente irlandesa, chamada dos Plymouth Brethren ou Irmáns de Plymouth ou Igrexa de Irmáns. Os xesuítas de Santa Eufemia odiaban profundamente estes compatriotas protestantes. Na súa predicación e nas súas direccións espirituais os xesuítas non perdían ocasión de denigrar os protestantes, ourensáns, aos que acusaban, entre outras cousas, de serviren os intereses de Inglaterra e de Rusia.

Os Irmáns de Ourense abriron unha igrexa no baixo dunha casa situada no que entón se chamaba Carretera de Circunvalación. No local dos Kostkas e dos Luises (nas Mercedes) moitos rapaces chufábanse de ter berrado "¡Viva Cristo Rey!" na porta da igrexa protestante e durante o seu culto.

Finalmente, a campaña xesuítica contra os protestantes culminou cunha Santa Misión. Houbo rosarios da aurora, sermóns, procesións e manifestacións multitudinarias pola zona do Couto e polo chamado Barrio Chino, que era onde, ao parecer, moraban os protestantes probes que recibían, segundo a propaganda, sustanciosas subvencións procedentes do estranxeiro. O P. Serrano metíalle o altofalante na mesma porta da igrexa evanxélica e conminaba os seus fieis á conversión.

Terminada a Misión, foi cando un grupo de adolescentes de clase media do centro da cidade baixou de noite pola rúa de Reza, seguiu Porto Carreiro, cruzou o río da Barbaña pola pontella, galgou Fonte do Bispo arriba e acantazou a cristaleira da igrexa dos Irmáns de Plymouth. Os berros de "¡Viva Cristo Rey!" atronaron a Circunvalación e ouvíronse até no Salto do Can. Os rapaces maiores, Luises, contáronlle a fañaza aos pequenos, ou sexa aos Kostkas.

Eu, por curiosidade, fun con outros cativos á Circunvalación e vin cos meus propios ollos os cristais escachados da igrexa protestante. A cidade de Ourense, naturalmente en voz baixa, condenou o atentado.

Pouco tempo máis tarde, o bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera, ao parecer farto da prepotencia do equipo xesuítico de Santa Eufemia, tomou unha decisión moi radical. Expulsou o grupo dos xesuítas da diocese ao tempo que nomeaba un párroco de confianza para rexer a freguesía de Santa Eufemia.

Das varias expulsións e disolucións que sofreu a Compañía de Xesús ao longo da súa historia seguramente esta que eu saco agora do Fondo dos Espellos sexa a menos coñecida. Os padres Bezanilla, Reino, Serrano, se cadra algún outro, marcharon da cidade e eu vinnos reaparecer ao longo da miña mocedade en Compostela e noutros lugares, sempre na vangarda da predicación nacionalcatólica. O bispo Blanco Nájera afianzou o seu poder en Ourense con esta excepcional mostra de autoridade.

Moitos anos máis tarde tiven ocasión de ler obras do xesuíta Teilhard de Chardin, que, ao parecer, o papa Pio XII e o Santo Oficio tiñan prohibidas. E dinme conta de que existía un tipo de xesuíta moi diferente do P. Serrano. Pasou aínda máis tempo e tecín unha boa amizade co P. Seixas, a quen destinaron a Vigo nos anos sesenta e que aquí formou un equipo de impregnación social de signo totalmente distinto a aquel que formaban os xesuítas de Santa Eufemia de Ourense. Intimei con xesuítas que coincidían connosco na idea de transformar a sociedade e o mundo, e con eles deplorei e condenei o asesinato, a prisión e a tortura das víctimas da opresión no mundo enteiro, comezando polas do franquismo.

Pódese entender este relato dun suceso sórdido en Ourense como un contributo mínimo á conmemoración da Reforma luterana que se está a preparar en todo o mundo.

CAIXA POSTAL

  • Recibimos no Fondo dos Espellos unha carta e documentación diversa remitida polo intelectual ourensán Xosé Luis Fernández Carnicero, evanxélico, coma os seus devanceiros, da Igrexa de Irmáns de Ourense.Cóntanos Xosé Luis que existe un movemento en Galicia orientado á celebración conmemorativa dos cincocentos anos da Reforma Protestante. Ou sexa, que Galicia vai estar presente na rememoración daquel 31 de outubro de 1517 no que Martin Lutero fixou na porta da igrexa do pazo de Wittenberg as 95 teses que ían cambiar Europa ao lle dar paso á Reforma.Como parte do proxecto conmemorativo, unha comisión formada por Timoteo Figueirido Woodford, Xaime Fernández Garrido, Xulio Torres Caeiro e o citado Xosé Luis Fernández Carnicero, todos, segundo creo, cristiáns galegos membros da Igrexa de Irmáns, dirixíronse á Comisión Filatélica do Estado español para solicitar un selo conmemorativo do V Centenario da Reforma Protestante. Piden, facendo concreción, que no selo se reproduza a imaxe da primeira edición da Biblia traducida ao castelán por Casiodoro Reina en 1569, que logo sería perfeccionada por Cipriano de Valera en 1602. Trátase da Biblia chamada "del Oso" que, na súa redacción orixinal, ostenta unha grande beleza formal. Penso que non podería estar ausente das celebracións conmemorativas da Reforma en España a memoria de Frei Luis de León, quen foi preso por heterodoxo e por traducir ao castelán o Cantar dos Cantares, e aínda, en contumacia, o Libro de Xob.Nós sumámonos á petición dun selo conmemorativo da Reforma e humildemente, a partir de hoxe, iremos tratando no Fondo dos Espellos de cuestións diversas que se referen a Lutero e ao Protestantismo, así no mundo coma en Galicia.Comezamos hoxe co relato, que gardamos durante moitos anos no máis Fondo dos nosos Espellos, do atentado contra a igrexa que os protestantes Irmáns de Plymouth mantiveron aberta heroicamente na Carretera de Circunvalación de Ourense nos anos cuarenta do século XX.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats