Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NOFONDO DOS ESPELLOS

Literatura galega e Idade Media Latina

O papa Calixto II escribindo Liber Sancti Iacobi. Miniatura que ilustra unha insigne mentira.

"Como se explica no ámbito galegoportugués (medieval), de magnífico florecemento lírico en lingua románica, a pouca existencia de documentos en prosa? Porque dominaba o latín. Había unha forte sociedade. Galicia, naquel tempo, xa era unha nación"

NEVENKA TEODOSIC (citada por Isaac Xubín).

Hai quen pensa que o primeiro autor grande da literatura latina medieval de Galicia foi un axente do emperador Iustiniano de Bizancio chamado Martinus. El pasou á historia como San Martiño de Dume ou Dumiense (c. 510-580). Martiño serviu ao Imperio bizantino e, simultáneamente, á coroa sueva de Galicia nas persoas dos seus reis derradeiros, Teodomiro (559-570) e Miro (570-583). Martiño aplicouse a executar en Galicia a misión encomendada polo Basileus. Ou sexa: apoiar a política de alianza dos suevogalegos cos francos e cos bizantinos contra os visigodos de España. O obxecto final era o de reconstruír o Imperio Romano.

Aínda que Nicandro Ares pense que Martiño Dumiense naceu non na Panonia lonxana, senón nas Panoias galegas de onda a actual Vila Real, (tampouco non na Panoia de Ponte Deva), nós seguimos pensando que el veu de lonxe. Martiño de Dume, coma o de Tours, procede de Panonia do Leste de Europa moi seguramente; tal vez fose de etnia magyar. Martiño Dumiense coñecía ben o grego e os filólogos aprezan o seu latín rico e resolto. Dignísimo e elegante é o epitafio que para o seu propio enterramento escribiu o Dumiense. A memoria deste, con frecuencia, confóndese coa de Martiño de Tours en diversas freguesías de Galicia e Portugal e mais na titularidade da mesma catedral de Ourense.

Entre as obras de Martiño Dumiense, segue a suscitar interese unha: De correctione rusticorum. Tradicionalmente viuse nela a testemuña e proba dunha Galicia só superficialmente cristianizada. Hoxe as tendencias analíticas gostan de recorrer mellor á hipótese dos topoi educativos pancristiáns en lugar de procurar no texto a especificidade cultural dos galegos da época.

No século seguinte, so a dominación visigoda dos reis de Toledo, florece no Bierzo un extraño poeta. Referímonos a Valerio, sobre cuxos escritos os filólogos discuten se ignoraba a versificación latina ou se foi un xenial innovador que creou a que sería chamada prosa rítmica ou poética. En todo caso, prodúcese un silencio de moitos anos en Galicia que se cadra sexa consecuencia da perda da nosa independencia política.

Conta a lenda que, no ano 925, un rapaciño galego, de nome Pelagius ou Paio, foi levado preso a Córdoba. Alí Abderramán III pretendeu abusar del. O neno, por negarse aos requerimentos sexuais do califa, foi decapitado. Isto ocorrería no ano 925. No mesmo século X, unha importantísima escritora latinoalemá, de nome Hrosvitha, compuxo en 414 hexámetros a vida e martirio de Paio, que pasaría a ser coñecido como San Paio. Segundo unha fonte literaria, foi Adosinda Gutérrez, irmá de San Rosendo, quen lle mandou por un propio a Hroswitha os pormenores do martirio de Paio. Non sabemos se esta relación entre as dúas mulleres, Hrosvitha abadesa de Gandersheim, e Adosinda, recluída en Vilanova dos Infantes, existiu realmente. Pero resulta chamativo o pouco tempo que media entre a morte de Paio en Córdoba e o poema escrito en Saxonia á súa memoria. Hrosvitha viviría entre o ano 930 e o 1002. Adosinda pertencía á Era Rudesíndica e Hrovitha, "rara avis saxoniensis", ao tempo do emperador Otón o Grande, mesma época. Polo seu asunto, o poema saxón sobre o martirio de San Paio non pode ser considerado alleo á literatura latina medieval de Galicia.

Galega por enteiro é a alucinación literaria que leva por título Trezenzonii de Solstitionis Insula Magna, na que se conta que un suxeito protagonista vaga por unha Galicia devastada. O narrador, que se chama a el mesmo co rarísimo nome de Trezenzonio, bandease sen rumbo e como alouleado por unha Galicia, que foi destruída polos mouros. Do mesmo modo veremos este noso Reino achandado no Roman de Ponthus (século XV) e no Orlando Furioso de Ariosto (século XVI). Trezenzonio sobe ao cima da torre que metara Paulo Orosio na literatura (século IV) e que é a actual da Coruña, chamada de Brigantium ou de Brigantia. Ve, ou especula que ve, unha illa, e a ela marcha embarcado. Chega á illa, Solstitión, e alí é todo maravilla. En realidade, Trezenzonio foi parar ao Outro Mundo. De volta a Galicia, o narrador e protagonista vai desaparecer de xeito abrupto e en estrañas circunstancias, so o poder do bispo de Tui. A primeira mención da Torre aparece en Orosio, si, pero logo veremos Brigantia no Leabar Gabhala irlandés (versión definitiva do século XIII). Desde logo, hai un arrecendo común que une o poema de Trezenzonio coa Navigatio Sancti Brendani, ou "Navegación de Brandan", escrita por algún "scotto" irlandés asentado en Renania do século X. Alvaro Cunqueiro gozaba moito co "San Brandán" pero coido que o mindoniense morreu sen chegar a coñecer o Trezenzonio; se é así, foi mágoa.

Logo medrou Compostela, extinguiuse Iria e naceu Portugal. No século XII, baixo a autoridade de Xelmírez, un aventureiro audaz, a literatura galegolatina produciu dúas obras: o Liber Sancti Iacobi, "Codex Calixtinus", e a Historia Compostelana. O primeiro contén unha boa colección de mentiras arredor do tema central do apóstolo Santiago aínda que non deixan de ser grazosas algunhas partes do libro. En canto á Historia Compostelana, preséntase como unha obra que adopta un método histórico máis aparentemente veraz e honesta, aínda que sempre ao servizo, non de Galicia, senón da factoría apostólica compostelana. A literatura galega latina que comezara, con Prisciliano, cun conflicto entre a fe viva e o poder imperial, convértese no século XII nunha literatura comercial e propagandística incapaz de seducirnos. Para facer isto último, non tardaría en aparecer no mundo a poesía lírica en galego que xamais perderá a súa autenticidade e a súa louzanía.

Hai máis literatura latinogalega na Idade Media, pero non imos tratar dela este día.

CAIXA POSTAL

Manuel Sousa Hermida

  • Recibimos unha interesante carta de Carlos Calvo Varela, preso político galego que se encontra en Villabona (Asturias). Entre outras moitas cousas, Carlos fainos partícipes das súas investigacións históricas. El encóntrase traballando na biografía de Manuel Sousa Hermida. Este home, naceu en Ponte Caldelas co século XX e forma parte da grande xeración política galega na que se inclúen Paz Andrade, Líster, Bóveda, Lois Tobío, Lois Soto e outras figuras históricas. As noticias que eu tiña de Sousa Hermida procedían todas do libro de Lois Soto que é de memorias políticas. Saberemos moito máis del, e da historia de Galicia e da Revolución cubana, cando Calvo Varela publique as súas investigacións. Sousa Hermida, marxista, foi oficial durante a guerra de España no exército republicano. Exiliado en México, Fidel e Raúl Castro, o Che, e os seus compañeiros, Sousa Hermida diulles, co coronel Vayo, instrucción militar e protección económica. Xunto con Lois Soto, formou parte do grupo de galegos que reuniu diñeiro e apoios políticos para Movimiento 26 de Julio, dirixido por Fidel. Contribuiu a comprar e armar o Gramma e a dotar de equipo aos guerrilleiros que desembarcarían en Cuba e farían que a Revolución triunfase en xaneiro de 1959. Sousa Hermida, cando os guerrilleiros cubanos estaban no monte, envíaballe, xunto con Soto e outros compañeiros, medicinas (Soto tiña un armacén de productos farmacéuticos) e roupa. Este apoio de membros dos PCE ao Movimento 26 de Julio foi condenado pola dirección do partido en México, Calle de Versalles. O PCE, igual ca o PSP de Cuba, consideraban o 26 de Julio un movemento "pequeño burgués" e "aventureiro". Luis Seoane conta que os seus amigos intelectuais do PSP, como Nicolás Guillén, criticábamos a el por vender bonos do 26 de Julio. Sousa Hermida non quixo recoller honores en Cuba, como fixo Vayo. Pero Lois Soto salvouno do esquencemento. Sousa, por parte, formou parte da dirección do Padroado da Cultura Galega do México e, No Fondo dos Espellos, suponemos que seguiu a Soto na fundación da primitiva UPG.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats