Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Episcopus ex Gallaecia1.666 anos con Prisciliano na memoria

Duchesne publicou nos "Annales du Midi" (1900) un artigo no que debuxa a posibilidade de que o chamado sepulcro de Santiago Apóstolo en Compostela sexa, en realidade, o xacigo de Prisciliano

A Porta Nigra de Tréveris, onde foi decapitado.

Prisciliano morreu e reviviu moitas veces. A súa figura memorábel non fixo senón crecer ao longo dos séculos. Decapitado, en 385, cabo da Porta Nigra de Tréveris, acompañáronno na morte infamante os dous fieis irmáns e discípulos Eucrocia, Latroniano, Felicísimo, Armenio, Asarbo e Aurelio. Repatriaron outros amigos, estes salvos, o corpo de Prisciliano a Hispania. Non se sabe certo onde o enterraron, pero hai hipótesis. Observa o bispo e historiador Uxío Romero Pose que as mortes violentas do cristián Prisciliano e da pagá Hipatia foron simultáneas e representan o inicio dunha era inicua de represión das conciencias desde o Poder.

Sabíase, por Sulpicio Severo e outras fontes, como Prisciliano fora herexe e máxico, polo que foi perseguido até a morte. Mais, até o ano 1888 non poido Europa ler os seus escritos indubitados. Nese ano foron achados os tratados de Prisciliano en Würtzburg, en arquivos ocultos nas ribeiras do Mein, que é un río de nome paleuropeo e xémeo do Miño. Debémoslle agradecer o descobremento ao doutor G. Sheps. Non moitos anos despois, un bispo, coma Romero Pose, e coma este historiador eclesiástico, Louis Duchesne, publicaba nos Annales du Midi (1900) un artigo famoso que hoxe pode ser consultado en galego n´A Trabe de Ouro, comodamente. Nel, Duchesne debuxa a posibilidade de que o chamado sepulcro de Santiago Apóstolo en Compostela sexa, en realidade, o xacigo de Prisciliano, a quen os seus seguidores indemnes trouxeran a Galicia desde Tréveris.

Dado que todo indica que é moi posibel a traslación do corpo decapitado de Prisciliano desde a Renania a Galicia, outro bispo, reacionario neste caso, Guerra Campos, seguramente para escorrentar as sospeitas de Duchesne, propuxo, un tanto irresponsabelmente, que Prisciliano estaría enterrado en Galicia, pero non en Compostela. Para Guerra Campos a cova de Prisciliano debería situarse na localidade dos Mártores, ou Martores, no actual concello de Valga e na antiga diocese de Caldas de Reis. E Santiago Apóstolo, exustizado en Ierusalem, viría como está establecido e manda a lenda oficial, xacer a Compostela. En canto a Celestino F. de la Vega, que non era bispo nin cousa que se lle parecerá, sostivo con dignidade a posibilidade de que Prisciliano teña o seu sepulcro, secularmente oculto e secreto, en Santa Eulalia de Bóveda.

Avanzan os coñecementos sobre a vida, paixón e morte de Prisciliano. E compre louvar aquí o estudo de María José Bravo Bosch, á luz do dereito e da historia, sobre o iudicium públicum da causa contra Prisciliano, que pode consultarse na revista de Historia do Dereito da Universitas Lateranensis, ano 2010. Lendo o estudo da profesora Bravo ratificámonos na convicción de que a condena de Prisciliano foi de natureza política.

Especialmente vivo e interesante é Prisciliano del Bierzo, libro (Paradiso Guttenberg, Coruña 2016) da autoría de Aniceto Núñez. Trátase dunha biografía novelada con axilidade e estilo persoal na que a análise histórica se alía cunha vigorosa interpretación teolóxica de Prisciliano e do priscilianismo posterior á morte do Doutor que nos ocupa. No libro de Aniceto Núñez brilla a recreación, imaxinaria e feliz, dun Prisciliano neno e mozo no Bierzo. Alí, beira do Sil, o futuro mártir forma parte dun círculo amistoso no que se inclúen persoas que haberían de gozar de alto relevo social, intelectual e político, coma a viaxeira Egeria, o emperador Máximo que os bretóns relembran aínda hoxe como Macsen, e o segundo grande fundador do catolicismo de Estado, que foi o tamén emperador Teodosío. Non lle interesou a Aniceto Núñez incorporar ao grupo berciano xuvenil a persoa de San Dámaso, bispo de Roma que unha persistente tradición considera, coma as figuras antes citada, orixinario da Gallaecia.

Para terminar, e en conclusión, non fomos os nacionalistas os que discurrimos a hipótese de que Prisciliano e non Santiago é o decapitado que xace en Compostela. Aínda que eu coido que lin, de neno, algo ao respecto, escrito da man de Portela Valladares, o autor da hipótese, sequera fose enunciada discretísimamente, foi o historiador da igrexa católica e bispo de Francia Louis Duchesne. Si, certo, o nacionalismo galego estivo orgulloso sempre de que Prisciliano procedese da nosa torgueira máis vella. Por iso a esquerda (nunca a dereita clerical compostelana) independentista de Galicia cada vez que o nome de Prisciliano é pronunciado, evoca as palabras de Castelao en Alba de Groria. Neste texto/lábaro, a Hoste dos defuntos ilustres de Galicia vai presidida por un home sen cabeza (ou mellor: coa cabeza baixo o brazo) que empuña a fouce de ouro dos druidas. Castelao, na zona leal da guerra de España, inventou para a Galicia Ceibe republicana que non hai, un escudo no centro do cal campa a estrela vermella de cinco puntas e unha fouce de ouro, que para o de Rianxo era a fouce de Prisciliano.

CAIXA POSTAL

  • "Benquerido amigo e irmán, constato que nas corporacións municipais gobernadas por patriotas galegos esquencen completamente a memoria de Prisciliano. Vexo que, ao querer poñer, e con razón, nomes de muller nas rúas e prazas de Galicia, acórdanse de deputadas nas cortes de Madrid que, por moito mérito que teñan, non son as sindicalistas, as guerrilleiras, as das Irmandades da Fala nin do Partido Galeguista. O que agora quero decer é que as esquerdas e os nacionalistas ao mando nos concellos e nas deputacións actualmente nunca puxeron a espacios públicos o nome de Eucrocia, a muller que executaron os poderes do Imperio Romano en Tréveris ao mesmo tempo que a Prisciliano e outros seus seguidores".Breogán Igrexas LópezBarcelonaMoitas beizóns ao remitente. As miñas grazas van a el, sobre todo, por levantar o escándalo do silencio público de Galicia sobre a figura de Prisciliano. Claro que as mulleres lles teñen que dar os seus nomes aos lugares importantes da Cidade. Pero resulta inferiorizante que Eucrocia, a vítima feminina que acompañou, xunto con outros compañeiros varóns, Prisciliano no horror do patíbulo non teña unha rúa en Galicia. Pola miña banda, dígolle a Breogán Igrexas López, que saquei esta vez Prisciliano do Fondo dos nosos Espellos nacionais e cívicos debido a que me chegou a súa carta coma unha pedriña de aviso no cristal da fiestra do meu cuarto de estudo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats