Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Velaí o vello café

Exterior do Café La Peña, hoxe "café bar", na Praza do Ferro de Ourense. / Iñaki Osorio

O café máis antigo de Ourense, de Galicia e, se cadra, da Península Ibérica está en Ourense, nun humilde soportal da Praza do Ferro". Así falou Otero Pedrayo un día de 1959, como debullando as palabras para si. O café chamábase La Peña, e segue existindo con tal nome. Eu coñecino coma unha especie de burato escuro con algunhas mesas de mármore nas que varóns decrépitos xogaban ás cartas e ao dominó. Pasou por moitas mans, o café La Peña da Praza do Ferro. Nunca os donos sucesivos lle mudaron o nome. Na actualidade está ben iluminado, ten mesas no exterior. Acode a La Peña xente máis ben nova, como é costume hoxe na cidade histórica de Ourense. Os actuais propietarios do café La Peña, coma os de diversas empresas metalúrxicas e conserveiras da ría de Vigo, son chineses. La Peña xa non conecta, por tras, co patio do Pingallo.

En realidade, La Peña é o derradeiro resto dun pasado esplendor. A Praza do Ferro, no século XIX, facía sentir aos ourensaos, con forza a presenza vasca. Por unha banda, a casa brasonada dos Azpilicueta impuña unha severa autoridade presidencial; pola outra, varios comercios de ferretería e ferralistas menores facían encorar alí varias liñas familiares de comerciantes bizcaínos en uteis e obxectos metálicos. O concello liberal de Ourense (era uso nos días da exclaustración) instalou no centro da Praza do Ferro, como símbolo do poder burgués, unha fonte expropiada ao convento de Oseira. Posibelmente a apertura ao público do café La Peña coincidise co intre no que os tornos da fonte abacial comezaron a facer cantar augas encanadas das minas do Monealegre.

Antes da súa expansión cara o N., houbo uns anos no século XIX nos que o eixo do Ourense elegante e culto era a Rúa da Paz, que unía, e une, o belo Patín da Catedral coa Praza do Ferro. Alí estaban as zapaterías e as docerías e as tendas de fitas, sen dúbida. Pero o brillo suntuario e prestixio daquel espazo irradaba do Teatro de Ourense, chamado Principal aínda que non houbese outro. O ritual do paseo de moda, moito antes de haber rúa do Paseo, celebrábase entre o Patín da Catedral e a Praza do Ferro na Paz. E ben, o lugar onde as familias acomodadas e os viuvos malencónicos tomaban café era La Peña, que hoxe aínda non se moveu de sitio. La Peña era o establecemento ao que se ía ao saír do Teatro e despois de dar unhas voltas pola Rúa da Paz, antes Rúa dos Zapateiros.

Desapareceron os vascos da Praza do Ferro, pero La Peña persiste. Naqueles sitios de Ourense algunha forza oculta reclama a permanencia. Houbo zapateiros na Rúa dos Zapateiros e cando se chamou Da Paz. Aínda hoxe abren alí as súas portas dúas ou tres zapaterías. Comprábanse bonbóns, na Paz, á saída do Teatro, e aínda hoxe poden comprarse lambetadas en La Tropical, que non é tan antigo establecemento coma La Peña pero que debe ir para os cen anos de vida comercial ininterrompida. O Teatro Principal, cos seus teitos de Parada Justel e magnificamente restaurado por Fonseca Moretón, mantén na Rúa da Paz, ou dos Zapateiros, un dos centros nervosos da cidade. As sombras de Otero Pedrayo e de Risco e de Blanco Amor, que naceron por aqueles rodopíos, invaden o divagar literario do paseante indeciso nas tardes humedecidas do inverno ourensao.

MEMORIA DE CHINELOS. Cando eu era neno participaba en veladas ou funcións variadas no Teatro Principal de Ourense. Sempre eran dirixidas polo señor Madriñán, persoa de excelente gusto artístico. Descobrín no Principal un dos grandes misterios da cidade. Na parede esquerda do patio de butacas do Principal había uns chinelos, xaneliñas ou pequenas fiestras. Tiñan contras que podían abrirse ou fecharse. Segundo sostiña o Heriberto Quesada, esas xanelas pertencían aos donos das vivendas que posuían parede común co teatro. Dicíase que os viciños tiñan dereito a usar aquelas ventás para asistiren ás representacións teatrais (ou da Coral de Ruada ou do Orfeón) e que este dereito era herdado e inmemorial. Foi entón cando se difundiu a lenda de que o Teatro Principal de Ourense fora, xa no século XVII, "corral de comedias", ao estilo castelán. Sendo así, os viciños tiñan dereito a seguir as representacións desde os "aposentos", e mesmo a arrendar estes á xente principal. Restos daqueles "aposentos" serían as pequenas ventás que todos viamos abrir e fechar no muro sul do patio de butacas e sobre os palcos. Por suposto, nos días da miña nenez aqueles viciños privilexiados podían ver tamén "El Tanque Humano", "El capitán Maravillas", "El signo del Cobra", e toda a abundante cinematografía infantil e de aventuras que circulaba na época, xa que o Teatro Principal de Ourense, coma outros do seu xénero, terminárase convertendo en cine. Aquí teñen vostedes outra mostra dos misterios que navegan na memoria non escrita de Ourense.

CAIXA POSTALCine e Fronteira

  • Xavier Nogueira, viaxeiro, historiador, xeógrafo, escribe ao Fondo dos Espellos. "O caso (cóntanos) é que a comezo dos oitenta coñecín en Melgaço certo personaxe digno de lembranza. Presentoumo alguén do lugar que coñecía a súa historia e peripecia (€) Aquel home, xa maior, vivía cerca da Cámara, na rúa que descende lateralmente desde a Praça da República ata a de Hermenegildo Solheiro. Con grande amabilidade relatou como polos anos trinta (e antes) se dedicara a percorrer as vilas e as festas da contorna nun carromato no que, ademais de servirlle de habitación, transportaba unha máquina de cine, coa que gañaba a vida. Non soamente levaba a cabo proxeccións nas vilas portuguesas senón tamén naquelas outras galegas próximas á raia, como Bande ou Entrimo. Nomeou, se mal non lembro, varias máis, como Portoquintela, Lobeira e ata creo que Celanova, pero soamente das dúas primeiras teño certeza". Despois doutras interesantes consideracións a respecto da película de Manoel de Oliveira sobre o Castro Laboreiro e a raia, tan pouco coñecida entre nós, e logo de referirse ao museo do cine de Melgaço, Xavier Nogueira formula un desexo. Que entre todos consigamos reunir máis datos e documentación sobre "aquel singular personaxe, merecente de ser historiado aínda que só fose polos traballos e atrancos que sen dúbida tivo que pasar polos infernais camiños daquelas penedías serranas coa maravillosa máquina de soños no carromato".Desgrazadamente, nin na Terra de Celanova nin en calquera outra zona de fronteira da Raia Seca, ou noutras partes, sentín falar dese señor de Melgaço que andaba polo mundo proxectando películas, segundo parece na primeira metade do século XX. Polo menos valía a pena incorporar a súa memoria ao museu do cinema de Melgaço e facer a crónica das súas andadas. En canto a ollada de Manoel de Oliveira, en A viagem do principio do Mundo, á rota prodixiosa que vai de Caminha ao Crasto (sic) Laboreiro, é algo para ser tratado noutra ocasión e de xeito preferente.Polo momento, pidamos axuda a todos aqueles que poidan proporcionarnos información sobre o señor de Melgaço que percorría a fronteira cunha máquina de cine no seu carro.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats