Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O viño que fundaron os poetas

Naqueles primeiros encontros do albariño destacaban con forza os parlamentos de Álvaro Cunqueiro. O pobo do Salnés, e de Galicia enteira, sentou este escritor na cadeira presidencial do albariño

Álvaro Cunqueiro, nunha das primeiras probas da Festa do Albariño de Cambados. Na man, copa de cristal non fino. No beca, a palabra ALBARIÑO sobreposta a unha vieira e, esta, a un pámpano; no chefe, cunca de pedra branca. Todo inscrito nunha envolvente escutiforme. // FdV

A elevación do viño de albariño aos picoutos da gloria tivo o seu acto inaugural o día 4 de setembro de 1955, na de Ángel Botana, Cambados. A festa e concurso celebrábanse por primeira vez na Historia. As forzas conxugadas dos intelectuais, especialmente poetas e oradores que residían en Vigo, e dalgúns viticultores locais dotados de sensibilidade artística e de fervor galeguista innovador, sempre co apoio de FARO DE VIGO, lograron afianzar para sempre a Festa do Albariño de Cambados.

Seica as verbas fundacionais foron, aquel día, ditas por Isidoro Millán Mariño. En anos seguintes, a liturxia da proba (despois chamada "cata") e a calificación dos viños (estes mudaron de nome e pasaron a ser "caldos") foise complicando e alambicando en termos lúdicos e formais ao mesmo tempo. Debido ao gosto deste escritor polos rituais paródicos, Xosé María Castroviejo (tamén Monteiro Xeneral do Reino de Galicia e Serra de Ancares) recibiu o título de Crónista Maior dos Viños de Cambados. Teño ouvido decer que fixeron a X.M. Álvarez Blázquez algo así como Actuario Principal das Adegas. "Falen cartas e calen barbas", reza o vello adaxio xurídico-popular, aínda que o Notario ou Escribano Perpetuo do Albariño, Alberto Casal Rivas, non gastaba senón mostacho naquela época da súa vida. En canto a Pedro Díaz Álvarez, chegou a asinar numerosos escritos co título de Copeiro e Bacharel Escanciador do Viño Albariño. Os cabaleiros do xuri adoptaron como distintivo unha beca ao estilo da vella universidade da Contrarreforma en cuxo vértice podía lerse a palabra "Albariño" embaixo dunha cunca simbólica de pedra. Por aquel tempo, con certeza, a opinión xeralizada chegou a proscribir o emprego de cuncas, tazas, xerras de pedra branca para uso e goce do albariño. Díxose que o albariño quería cristal; a pedra (cerámica) non se considerou digna deste viño cuxa reputación comezaba a ser fabricada cun ar de pretenciosidade astortocratizante.

Nas primeiras Festas, e refestas en adegas e eiras particulares, declamábanse poemas e rivalizaban en elocuencia excelentes oradores que daban pinchos áxiles entre a erudición e o humorismo. Emilio Álvarez Blázquez, o marqués de Figueroa, Celso Emilio, Temes, Quintanilla, alén doutros xa citados ou non, batíanse en duelo de divinas palabras. Se ben a Falange e o oficialismo franquista estiveron sempre ausentes das primeiras Festas do Albariño, non así o corpo consular de Vigo, que se fixo notar nos discursos dos honorabeis señores Santana e Ibáñez, representantes, respectivamente, de Cuba e da Arxentina.

Desde o primeiro momento, en Cambados e na Festa do Albariño, soaron as gaitas e se trenzaron as danzas galegas máis enxebres e ledas.

Pola súa graza superior, na que os achádegos nocionais dunha contención á vez brillante e amábel, destacaban con forza, naqueles primeiros encontros do albariño, os parlamentos de Álvaro Cunqueiro. O pobo do Salnés, e de Galicia enteira, sentou este escritor na cadeira presidencial do albariño. Debido ao xenio e á teimosía de Cunqueiro, somos moitos os que consideramos o albariño como "o viño dos poetas". Pero houbo un ano no que a presidencia natural de Cunqueiro apagouse un chisco.

Ocorréuselle a alguén, seguramente ao mesmo Álvaro Cunqueiro, arrincar a Otero Pedrayo da altura dos Chaos de Amoeiro e das bocarribeiras e ribeiras vinícolas da bacía do Miño ourensán e levalo a Cambados a falar do albariño. Tal ocorreu, e don Ramón, unha vez máis, obrou o milagre. O mellor intérprete da paisaxe do Salnés púxose a falar do albariño nunha vila cuxas pedras el amaba e comprendía. Non faltou no discurso de Otero a mención de Cabanillas. As bocas deixaron de visitar os bordos dos vasos, que xa non das cuncas, e mesmamente as avésporas, que tanto queren a albariña uva, fixeron un alto e pousaron sobre os acios ourilocentes. O vento mareiro ritmaba os seus vóos e adiviñábase poeticamente o zoar dos piñeirais en Tragove, ao lonxe. Fixo Otero Pedrayo reverencia a Valle-Inclán e, coma xeógrafo, o Mestre celebrou que a veiga do Umia vivise protexida polos cumes do Castrove, onde é o labirinto enigmático de Outeiro do Cribo. Emitiu Otero Pedrayo o seu dictame sobre o viño de albariño e, tras de nomear Fefiñáns, Cambados e San Tomé do Mar, desexoulle boandanza e saúde pondalianas ás tres vilas irmás e ás xentes que as habitan.

Hoxe hai quen, como en tempos remotos, considera o viño feito só con uva albariña (dos chamados univarietais, mellor ca "monovarietais") un tanto monótono e chan. Preferen, estas persoas, o albariño combinado con castes coma a treixadura, mesmo o caíño, e mais unha dose, moi medida, do loureiro arrecendente. Pero desde os tempos do Padre Feixóo sabemos que en materia de viños, coma en materia literaria e de cabalos, "o non sei qué e a razón do gusto" serán sempre o que máis ordene. Con todo, nin a mencía, nin o lado, nin o sousón, nin o godello, variedades ancestrais do Reino e da antiga Gallaecia que foron recentemente rehabilitadas, gozaron da colaboración e entrega que os poetas lle emprestaron un día, xenerosamente, á refundación da caste albariña.

O albariño froitifica hoxe onde o mundo se chama Cambados, Soutomaior, Salvaterra, Monção, Melgaço, O Hío, Braga, O Rosal, e arraízou en ribeiras onde nunca antes fora coñecido. Hai unhas palabras famosas de Hölderin que din que o que verdadeiramente perdura é aquilo que fundaron os poetas.

CAIXA POSTAL

  • "Fixen o camiño pola estrada que vai de Entrimo a Bande. E, nun lugar situado entre o encoro das Conchas e a famosa Santa Comba de Bande, vin un letreiro con aspecto de ser moi recente. Era un indicador da estrada no que se lía, literalmente, Chaus da Lima. A min sooume algo a raro. Que pensa Vostede deste topónimo?"Perfeuto Sánchez Ferreirós (emigrado)Andorra Coñezo o letreiro e tamén a min me chamou a atención. Non ten nada de particular que os redactores respectaran a forma local Chaus, que tamén podería grafarse Chaos a condición de pronunciar o o moi fechado ou mesmo como u. Grave sería o caso, que noutros lugares se está a dar, de que o sufixo vixente localmente -au, -ao; -aus, -aos perdese a súa forma e adoptase a solución normativa xeral -án, -áns en territorios dialectais que non lles corresponde. Non é este o caso de Chaus "da Lima" . Outro é o disparate que debemos denunciar e que seguramente lle roe na orella ao señor Sánchez Ferreirós. El é o hidrónimo "Lima". En Galicia ninguén lle chamou nunca a este río, onda o cal están os tales Chaus, outra cousa que Limia. A forma Lima foi e é exclusiva do Portugal, que aínda que estea perto dos Chaus non inflúe para nada no nome do río. Por que "da Lima" en fiminino? Porque a comarca natural que rodeaba a lagoa de Antela, e hoxe ocupa o seu espazo desecado, leva o nome de A Limia. Sempre os xeógrafos, coma Otero Pedrayo, distinguiron, xuntos co pobo, que unha cousa é A Limia e outra o Val do río Limia. Estes Chaus de que falamos non se encontran situados na bisbarra chamada A Limia, inda que agora se fale, moito e moi erradamente, de "Alta" e "Baixa" Limia. Estes Chaus están situados no Val do Limia, que alí non é precisamente baixo pois, tras de entrar en Portugal polo Lindoso, a este río aínda lle quedan uns bons quilómetros para escorrer as súas augas no esteiro de Viana do Castelo. Ou sexa, que Chaus "da Lima" é un letreiro que xunta dous graves erros, un xeográfico e outro lingüístico. Indica equivocadamente un lugar que non pertence á Limia e este nome propio nunca pode ser "Lima" en lingua galega (a lingua dos habitantes dos Chaus do Limia).Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats