Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Albariño ou bandeira

Son varias as voces que concordaron en situar no Rhin e no Mosela a Vaterland ou patria orixinaria do noso albariño. E aínda alguén suponlle un tronco común á nosa caste e ao Tokaj centroeuropeo

Pazo e praza de Fefiñáns (Cambados) que Pedro Díaz asociaba coa pintura onírica de Chirico. // FdV

Coido que o primeiro viño de albariño que foi engarrafado, etiquetado e distribuído ao mundo desde Cambados é o chamado de "Fefiñanes", e isto ocorreu na década dos anos vinte do século XX. Por suposto, tal viño saía das adegas do pazo de Fefiñáns. Nunha interviu feita en ABC ao marqués de Riscal, ilustre adegueiro de La Rioja, este confesou que, coas refeccións, el non bebía outra cousa ca albariño de "Fefiñáns". Non sei se o relato é verdadeiro ou se temos que considerar tal anécdota coma un dos varios mitoloxemas que constitúen a constelación fantástica que se foi compoñendo, en espiral eterna, coa materia do viño albariño.

Das orixes fabulosas do albariño son responsabeis principais os poetas e oradores. Ou sexa: os que colaboraron na invención do albariño como novo símbolo de Galicia anos despois dos traballos fundacionais da adega de Fefiñáns. Aínda que a adega de Fefiñáns, e non se esqueza, estea relacionada familiarmente con dous literatos famosos, ambos marqueses de Figueroa. A saber: Xohán Armada Losada e Xohán Gil Armada, este coñecido popularmente por "Pito Bebendo". Armada Losada foi bon poeta en galego e Gil Armada un clubman proustiano que se especializara no tema da rosa na poesía universal.

Sen calquera clase de fundamento, a lenda pretende que os primeiros bacelos de albariño foron angueirados desde a Borgoña a aquí por Ramón, conde de Galicia a causa do seu casamento coa princesa Orraca. Algún asegura que o albariño, non sendo variedade autóctona, veu a Galicia da man dos monxes de Cluny. Son varias as voces que concordaron en situar no Rhin e no Mosela a Vaterland ou patria orixinaria do noso albariño. E aínda alguén, con timidez, suponlle un tronco común á nosa caste e ao Tokaj centroeuropeo. Se esto último fose certo, o albariño estaría en parentado cos que Otero Pedrayo chamou "tristes viños de Hungría", que non considero eu que sexan en absoluto tristes.

No curso dunha viaxe á Renania, procuramos e investigamos os acios e as follas das vides que producen o viño branco. Comprobamos que aló só se cultivan, en socalcos sollosos e coidadadosamente procurados, viñas compostas de bacelos dunha única uva branca chamada Riesling, que non é para nada albariño. Hai, si, por Maguncia, un viño chamado Portugiesisch. Non por ser chamado portugués nos vaia enganar: trátase dun viño tinto, discreto e solto, mais apurrelado, que non ten que ver nada nin co albariño (obviamente) nin con calquera outro viño de Galicia.

Voltemos, pois, ao 8 de setembro de 1955, día no cal Cambados puxo en escena o primeiro concurso e Festa do Albariño. Nun acto apartado de calquera significación franquista, os concorrentes fóronse reunir na casa acolledora e pacega de Ángel Botana Gómez. Resultaron premiados os viños das adegas de Ernesto Zárate e de Bernardino Quintanilla. En canto ao discurso de honra, este foi proferido por Isidoro Millán Mariño, un dos grandes oradores pontevedreses do século XX e persoa tamén ligada a Cambados e ao albariño. Foron doncelas de honor mozas da idade deste seu cronista, con apelidos cambadeses como Cabanillas, Fole, Botana. Houbo gaita e ribeiranas so as latas de albariño cargadas de cachos apertados coma pequenos puños de ouro, e o rebolicio non impediu a visita golosa das avésporas.

Cambados e Vigo seguiron irmandándose, ano tras ano, nas Festas do Albariño, que foron coñecendo outros escenarios. Nunha ocasión, ou máis, acolleu o acontecemento o pazo de Bazán, que tamén había de servir de fugaz retiro ao xeneral e presidente De Gaulle. Logo, por obra de Fraga Iribarne, ministro con Franco de Información e Turismo, este pazo pasaría a converterse en parador de turismo co nome de Albariño. Se cadra isto foi o que ocasionou a perda de carácter ceibe e poético que tivera, nas súas primeiras celebracións, a Festa do Albariño. Festa que non deixou de gañar en vulgaridade durante os prolongados períodos en que a política de dereita gobernou na Xunta de Galicia e no concello de Cambados. A presenza de Francisco F. Rei na última Festa do Albariño veu corrixir esa tendencia; felizmente.

Quen queira coñecer con fondura a historia da Festa do Albariño de Cambados, pode ler o seguinte folleto: Pedro Díaz (Ex-copero mayor y bachiller escanciador del vino Albariño), Su alteza real el Príncipe Albariño (Historia de un vino y su fiesta), Cambados, 1985. A prosa poética do arqueólogo Pedro Díaz Álvarez convén moi ben, neste opúsculo, á condición do viño de albariño. Aquí, no Fondo dos Espellos, iremos evocando aqueles días nos que un arco da vella feito con todas as cores da ledicia trazaba o seu semicírculo gozoso entre as terras de Turonio e do Salnés.

CAIXA POSTAL

  • "Nestas datas pasadas de eleccións e referendos británicos veume de novo ao maxín o que o historiador romano Tácito di na obra Vida de Xulio Agrícola, seu sogro, gobernador de Britannia no último tercio do século I. No capítulo XXI, ao tratar dos "progresos" que a civilización romana conseguiu na illa, conta: "Facía (Agrícola) que os fillos dos xefes se educasen nas artes liberais€ Con elo, os que pouco antes rexeitaban a lingua de Roma, mostraban agora grande afección á elocuencia. Despois púxose de moda a nosa indumentaria e extendeuse o uso da toga; e pouco a pouco introduciuse a inclinación aos praceres viciosos, aos pórticos, ás casas de baños e ao refinamento das comidas. Os incautos chamaban a isto civilización, cando en realidade era un factor da propia servidume". (O suliñado é meu).O texto a penas precisa comentario. Chama, non obstante, a atención a nidia visión de si mesmos dende o cerne do Imperio, e do ben que aprenderon máis tarde a lección os fillos da Grande Bretaña, que contrasta coa inmensa mayoría dos sometidos€por ambos.Foi esta obra, de seguro, lectura obrigada da clase dirixente inglesa, e máis tarde da propia escola primaria. O texto traducino eu da Vida de Agrícola. Unha aperta."Xavier NogueiraVIGOOs mecanismo sociais e psicolóxicos da colonización son pertinaces no tempo. A lingua e os costumes dominantes son os da nación económica e políticamente conquistadora. Os galaicos perdemos a nosa lingua e adoptamos (sempre comezando polas elites) a lingua do Imperio, o latín, que é a que transformamos en galego e na cal estamos agora a comunicarnos. Orabén, milleiros de palabras (nomes propios e comúns, verbos, se cadra fonemas) propias das falas prerromanas da Gallaecia sobreviven no galego actual. Os británicos, retirándose os romanos da súa illa, recuperaron as linguas célticas que lles eras propias. Máis tarde, perdéronse estas linguas célticas, a excepción da galesa, e da córnica, que non había de durar. Os pictos e a súa lingua extinguíronse sen deixar traza, mentres os gaélicos de Irlanda (descendentes dos Gael galegos no mito de Breogán) ocupaban parte de Escocia até que chegaron os xermanos. E a Grande Bretaña foi amplamente xermanizada. Nós, os galegos, sofremos menos mudanzas lingüísticas. Pasamos da lingua prehistórica ao latín e do latín ao galego, onde estamos situados con forza. Só vemos ameazada a nosa integridade polo imperialismo e a lingua castelá ou española.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats