Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Invención do viño de albariño

Xosé María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro iniciaron en Vigo a invención poética do albariño, un viño que hoxe é insignia de Galicia e fonte de riqueza. Por iso decemos que o albariño é un viño de poetas cuxa titularidade simbólica ás veces é usurpada polos filisteos

De esquerda a dereita, Alberto Casal, Álvaro Cunqueiro, Néstor Luján e Xosé María Castroviejo nunha edidición da Festa do Albariño en Cambados. // FdV

Fomos sabedores de que Francisco Fernández Rei, sabio filólogo e fillo de Cambados, foi o encargado de pronunciar este ano o pregón da Festa do Albariño. Todas as noticias que nos chegaron do acto coinciden en que Fernández Rei estivo cálido e brillante e en que a celebración, con el, voltaba ás súas orixes literarias. Con tal motivo, nós procuramos no Fondo dos Espellos, e achamos alí un tempo no que as uvas albariñas estaban en proceso de disminución.

A videira de albariño estivo en decadencia, igual ca as do torrontés, lado, caíño, moza-fresca, maría-ordoña, dona-branca, godello, mencía, treixadura (tareixa-dura, escribía Sarmiento), maranzao, brancellao, espadeiro€ Estes nomes das vellas castes de uva galega veñen do fondo dos tempos e perviven, transfronteirizos, en Galicia e no Minho portugués, xunto co do albariño. Para explicar o por que se foron sustituíndo as propias castes por outras estranxeiras, o jerez ou catalán no caso dos brancos, temos ouvido complexas explicacións. Concretamente, relaciónase, a mundanza de uva albariña por variedades extrañas, co feito de que o cacho apertado, de pequenas uvas, da raza nacional rende menos ca o acio grande, de bagos soltos, do coñecido como jerez entre nosoutros.

O caso é que, no século XIX, aínda Rosalía de Castro evocaba unha parra, ou lata, de "albariñas uvas" que os lectores tendemos a situar na casa da nai da poeta situada, segundo conta Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, na Praza do Sol de Padrón. Considérase Cambados, e con razón, capital do albariño. E ben, cando Ramón Cabanillas, nado precisamente en Fefiñáns, quixo mencionar un viño enxebre e capaz de acender o ánimo dos galegos e levalos á acción revolucionaria, non citou o viño albariño senón que propuxo, para a comuñón rebelde dos nacionalistas, o espadeiro; sangue do corazón da Nosa Terra.

Vexan que, hoxe en día, o espadeiro está moi desaparecido do Salnés e de Galicia enteira. No que a min atinxe, só coñezo unha casa, precisamente nas proximidades de Montelios ou Dume, en Braga, que se dedique con predilección á elaborar viño espadeiro. Un amigo, Joâo de Oliveira, conserva na súa viña bacelos de espadeiro na vella forma dita "de enforcado". Ou sexa: coma nas miniaturas medievais e nas columnas salomónicas do barroco, os sarmentos retríncanse para eles rubiren polos troncos e as pólas de árbores demoucadas a tal fin.

Imos tratar unha miga de como o viño de albariño foi restituído e feito renacer no ecuador do século XX.

Inda que pareza mentira, o albariño, tal e como hoxe o valoramos e coñecemos rexurdiu conceptualmente e idealmente en Vigo. En 1950, Leal Insua, poeta e director de Faro de Vigo, chamou para colaborar neste xornal, entre outros, a X.M. Castroviejo e a Álvaro Cunqueiro, tamén poetas. Daquela, os dous escritores formaron parella escénica. Prodigábanse en "coloquios" ou espectáculos do xénero "charla" que García Sanchís fixera populares en España. Facían dúo polos casinos e círculos mercantís divagando brillantisimamente sobre asuntos de arte, literatura, historia, caza e pesca, fantasía e mitoloxía, gastronomía. Especialmente, trataban, con altura literaria, de viños. Foi así como eles lle inculcaron as boas cualidades do albariño a moita xente. Albariño que, paralelamente, introducían nos seus artigos de xornal, dentro e fóra de Galicia. Castroviejo coñecía directamente o albariño do Morrazo. Por cima, o señor de Tirán e o inxenio de Mondoñedo entraron en contacto amistoso con Bernardino Quintanilla. Este señor, avogado e tamén articulista de Faro de Vigo, vivía na cidade na que estamos a remexer no Fondo dos Espellos. Quintanilla era nativo de Cambados e no Salnés tiña adega e viñas de caste albariña, da que era entusiasta. Ou sexa, que en Vigo e no inicio dos cincuenta do século XX, falouse e escribiuse moito, e tamén se fantaseou, sobre o albariño. Iniciouse a invención poética dun viño que hoxe é insignia de Galicia e fonte de riqueza. Por iso decemos que o albariño é un viño de poetas cuxa titularidade simbólica ás veces é usurpada polos filisteos.

De ser un viño oculto, no que nin sequera reparara un Cabanillas patriota e fillo de Cambados, o albariño foise facendo famoso naquela década a que nos referimos. Principalmente en Vigo, e no seu populoso hinterland, o albariño converteuse en mito. Nun principo a uva albariña podía predominar na elaboración dun viño, pero o que o fabricaba combinábao, en sabias proporcións, coa treixadura e tal vez co caíño, sempre cunha presada de loureiro para lograr o tasto exacto. Pouco a pouco, foise preferindo o viño unicamente feito de uva albariña, ao tempo que os entendidos introducían a palabra "monovarietal". Abandonouse a distribución en pipas e, rapidamente, foi adoptado, para o albariño, o engarrafamento en botellas bicudas -naturalmente non etiquetadas- do tipo renano. De ser bebido en cunca ou palomita de branca pedra, pasouse a deitar o albariño en vasos de cristal, mesmo de duralex, e logo en finas copas de pé. As probas de viño convertéronse en "catas", o cal lles confería prestancia. Nun principio, os afeccionados ao albariño asociaban este só con Cambados e o Salnés. Moi cedo foise difundindo, especialmente en Vigo, a noticia de que había albariños excelentes na bacía do Verdugo, por Soutomaior. Tamén foron identificados bacelos, poucos, de albariño no concello de Cangas, exactamente no Hío e, máis aínda, nas ribas areosas de Viñó, sobre Barra. Os máis expertos gozaron do albariño do Condado e do Rosal, este último coñecido co nome local de "abilleiro". Finalmente, e non sen sorpresa, algúns entusiastas foron sabedores de que o Palácio da Breijoeira encerraba na súa coutada a maior plantación de viña de albariño do mundo, e esto ocorría, non lonxe das pesqueiras do Miño, no concello portugués de Monção. Paralelamente, as adegas cooperativas do Alto Minho aplicábanse, con interese, á produción de viño albariño, en tanto que se repoboaban con esta caste as viñas dos seus asociados.

Una vez xeneralizada a consciencia social e o gusto polo albariño, a partir da palabra dos poetas establecidos cabo do mar de Vigo, Cambados pasou á acción e fundou a Festa do Albariño, cuxa primeira posta en escena se celebrou hai sesenta e un anos. Lembraremos o acontecemento.

CAIXA POSTAL

  • Antonio Lorenzo González, Antón de Xaque, "empregado do camiño de ferro e exconcelleiro do BNG de Salvaterra de Miño", escribe ao Fondo dos Espellos para participarnos a vindeira celebración, naquela vila do Condado, e castelo famoso, dunha exposición, "baixo o paraugas da asociación cultural Lazoiro, cuxo tema central será a "memoria histórica de Salvaterra". O señor Lorenzo González pídeme colaboración, pero eu non penso que poida resultarlle de moita axuda dado que non son bo coñecedor da historia do Condado de Salvaterra. Para min, a maior autoridade en todo o que se refire ao Condado é a do meu vello amigo Antón Alonso Fontán, de Meder. De todos modos, os amigos de Salvaterra poden contar co meu alento e a miña simpatía. Recoméndolle a Antón de Xaque e aos seus compañeiros, se non resulta impertinente, que reparen, como seguramente xa fixeron, na figura política de don Manuel Puente. Esta persoa, alén de protectora máxima de Castelao no exilio, apoiou practicamente todas as iniciativas nacionalistas da comunidade galega de Bos Aires. Cara o final da súa vida, Manuel Puente estivo no centro do movemento dos que impediron que o galeguismo do interior dirixido por Ramón Piñeiro anulase o Consello de Galiza co fin de suplantar a legalidade republicana. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats