Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Pondal e política

Desde o punto de vista da redención de Galicia, Pondal semella ser un independentista, partidario mesmo da insurrección e da loita armada, que reprime os seus impulsos básicos, facéndoos encorar no federalismo iberista

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

A obra das tres grandes figuras da literatura galega do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal, aparece impregnada de principios e arelas políticas. De xeitos diferentes, os grandes faros referenciais da nosa poesía do século XIX participan do que se chamou, primeiro, poesía civil, despois, no marxismo, Tendenzpoesie e, finalmente, e por obra dun opúsculo de Sartre, literatura engagée ou, en galego, "comprometida". Falaremos agora de Pondal, autor do Himno Galego. Este é, como lle corresponde ao xénero, un poema de máxima intensidade política a cal se alía a unha radical orixinalidade enunciativa.

Eduardo Pondal (1835-1917) é fillo do alzamento galego de 1846, que se adianta aos movementos revolucionarios europeos con caracteres protonacionalistas moi fortes. Como sinala Murguía, o coñecemento e vivencia dos feitos do 46 marcou a Pondal sendo rapaz, dun modo indelébel, e a todos os membros literariamente activos da súa xeración; ou sexa, aos escritores e intelectuais que viñeran ao mundo na década de 1830 a 1840. Cando eles eran mozos, participaron naquela outra revolución, a de 1854, que Marx e Engels estudaron e na cal detectaron unha forte presenza proletaria.

En efecto, Pondal foi protagonista do Banquete Democrático de Conxo, 1856, ocorrido no intre no que o bienio progresista interrompía os seus procesos radicais e sobreviña a reacción "moderada" que protagonizaba o xeneral O´Donnell. Murguía e Carré Aldao refírense inequivocamente á presenza de elementos proletarios na concorrencia e mais ao carácter democrático, ou sexa presocialista, do acontecemento. Dado que o programa da burguesía xa fora completado no que afectaba á desposesión dos bens eclesiásticos, o brillante poema declamado en Conxo e escrito por Pondal fala monográficamente da destitución da nobreza, cousa que efectivamente iría ocorrendo na medida en que se aplicaba o novo Código Civil ás transmisións hereditarias. O xove Pondal, con Aurelio Aguirre, foi aclamado no Banquete de Conxo e, coma os seus compañeiros de acontecemento, gravemente ameazado polas forzas reaccionarias, así cívico-militares como eclesiásticas.

Durante o resto da súa vida, Pondal profesou ideas progresistas, democráticas, republicanas e protonacionalistas. Aínda en 1889 o xornal republicano de Compostela o considera un correlixionario e a súa relación con Murguía, guieiro indiscutido do protonacionalismo, é sempre íntima. No pantano da Restauración, Pondal conságrase plenamente á propia obra literaria en galego, e preserva a súa ideoloxía aínda que coñecemos algunha aproximación episódica ao posibilismo de esquerda de liberais como Sagasta e Montero Ríos. No 1868 Pondal estivera verdadeiramente entusiasmado e presionou a Murguía para que se comprometese na política activa setembrina.

Desde o punto de vista da redención de Galicia, Pondal semella ser un independentista, partidario mesmo da insurrección e da loita armada, que reprime os seus impulsos básicos facéndoos encorar no federalismo iberista. O seu iberismo inclúe Portugal e as antigas colonias así de España coma do estado veciño. En 1898 o Bardo toma partido claro contra os EEUU na guerra de Cuba e sofre como unha afronta a perda das colonias españolas ultramariñas. Froito deste iberismo é o poema Os Eoas, no que Pondal se apropia da tese do Colón galego. Neste punto convén non esquencer o feito de que Curros Enríquez, que vivíu en Cuba os acontecementos, non foi menos inimigo ca Pondal dos EEUU na guerra na que España resultou derrotada.

Pondal, en canto Bardo, é alguén que agoira os destinos dunha patria oprimida, e eles terán a forma dunha Iberia na que Galicia sexa o "nó sen rival", ou a peza clave, para unir un conxunto harmonioso de nacións libremente irmandadas. Pero iso requere unha previa Galicia forte, liberada e reconciliada consigo mesma; quer decer: expurgada de "imbéciles" e de "escuros".

Foi Otero Pedrayo quen descobriu as relacións estilísticas e temáticas entre o parnasianismo de Leconte de Lisle (1818-1894) e Eduardo Pondal. Elas existen e nós chamámoslle, en Galicia, formalismo. Pero, en Pondal, o celtismo, o helenismo, mesmo o xermanismo e outras postas en escena que revisten caracteres exóticos, están gobernadas no íntimo por dous graves desexos conviventes: o anceio dun mundo multicultural no que non exista a hexemonía de ningún Imperio, e a paixón por unha Galicia redimida ceibe e monolingüe.

Desde o cume do Monte Branco, onda a pequena Ponteceso, poderemos evocar con intensidade a emoción política radical do autor do Himno Galego.

CAIXA POSTAL

Sobre a Virxe do Carme

  • "Querido amigo, lin un artigo en La Voz de Galicia sobre a orixe das imaxes e culto da Virxe do Carme, que parece que é patroa da clase mariñeira en xeral e da de Moaña en particular. O autor, Manuel Uxío García Barreiro propón como modelo iconográfico galego da Virxe do Carme a tallada en 1917 polo compostelán Xosé Rivas Rodríguez para a igrexa de Santa María de Cedeira. Que che parece isto?"Pedro Rosales MéndezPontevedraLin o artigo de García Barreiro, que me pareceu moi interesante. Non me quedou claro se a imaxe de Cedeira é unha Virxe do Carme ou unha Virxe do Mar propia e exclusiva daquela vila nórdica. En todo caso, a Virxe do Carme nada tén que ver co mar, senón cun monte do N. de Palestina, antigamente poboado por anacoretas, que recibe en hebrero o nome de Karmel ou sexa "xardín". Na Idade Media os monxes carmelitas, establecidos en Inglaterra, propagaron o culto a esta Virxe, que se presentaba como eficaz para sacar as ánimas do Purgatorio mediante unha especie de amuleto ou "escapulario", que tales relixiosos comercializaron. Coñécese un culto vello ao Carme, en Galicia, que vai unido ao asentamento de carmelitas, dun e outro sexo, incluindo os reformados por Santa Tareixa e San Xoán da Cruz. Nada tivo nunca que ver este culto cos mariñeiros anteriores aos inicios do século XX. Non coñezo nomes de barcos antigos así de guerra coma mercantes, que levasen o nome de Virxe do Carme. Iso si, en 1901 a raíña rexente María Cristina, devota da Virxe do Carme, decretou que esta pasase a ser patroa da mariña de guerra española. Ao longo do século XX foise inculcando tal culto nas vilas marítimas. Os antigos santos favoritos dos mariñeiros e das súas confrarías, como o San Telmo, o Cristo ou Bon Xesús de Bouzas, o de Fisterra, o San Miguel de Marín, foron marxinados coa introducción institucional da Virxe do Carme. Inda hoxe na Escola Naval Militar de Marín a festa grande é a do Carme. Nos derreiros anos, as procisións marítimas do Carme multiplicáronse pola costa de Galicia. Polo tanto, o culto á Virxe do Carme como patroa dos mariñeiros é algo, en termos de historia eclesiástica, moi recente e ligado ao clero, á mariña de guerra españois e ao nacionalcatolicismo do réxime de Franco.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats