Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Labirinto Ponteceso

A historia da vila de Ponteceso semella unha emanación de dous elementos previos á súa existencia: a ponte sobre o río Anllóns na súa fase de esteiro e a freguesía de San Tirso de Cospindo (...) Deixemos dunha banda o feito de tratarse dunha corrente frecuentada pola lampreae o meixón...

Ponte construída na primeira metade do século XIX sober o esteiro do río Anllóns (Ponteceso). // Eduardo Vera.

Cando Pondal era meniño puido coñecer a vella ponte sobre o Anllóns, seguramente medieval, que en 1846, por presións políticas do seu irmán Cesáreo, foi substituída pola actual, de excelente inxeniería. Por moitos conceptos peculiar, o concello de Ponteceso foi, na orixe do vixente municipalismo, da Bugalleira, por asentar a casa consistorial na aldea deste nome. É Ponteceso unha vila que forma parte, coma o Carballiño, digamos, do grupo das menos antigas de Galicia. Producto do crecemento mercantil do século XIX, moi aguiollado pola familia Pondal, do seu termo encóntrase outra vila, máis poboada ca a capitalina, que é Corme. Cunha poboación mariñeira moi arraízada, a pesca, a salgazón e a navegación comercial, florecen en Corme de moi vello. Estas dúas vilas, Ponteceso e Corme, conviven cunha rede de freguesías arcaicas e lugares cuxa toponimia nos leva á Idade Media e, máis atrás, aos abismos da prehistoria, o cal engaiolaba e incitaba a imaxinación de Pondal.

A historia da vila de Ponteceso semella emanación de dous elementos previos á súa existencia. A ponte sobre o río Anllóns na súa fase de esteiro e a freguesía de San Tirso de Cospindo.

Todo parece indicar que o río Anllóns contribúa á peculiaridade de Ponteceso. Deixemos dunha banda o feito de tratarse dunha corrente frecuentada pola lamprea e o meixón, pois a explotación destas pesquerías só foi ensaiada en tempos recentes. A utilización do río como escenario dunha festa acuática, ao modo veneciano, coma o Naseiro do Norte e os Caneiros de Betanzos, constitúe un intento de celebración vilega que tamén se fixo nos Salóns do Leres de Pontevedra. En Ponteceso e en Pontevedra os barcos adornados e as xentes de merenda bucólica, en Cesullas (Cabana) e Monteporreiro non chegaron a arraizar nunha tradición. Mágoa.

A Fundación Eduardo Pondal, sumamente activa, tén a súa sede en zona labrega aínda que moi achegada á casa natal do Bardo. Abre as súas portas e mantense a Fundación activa no lugar de Couto. Nun territorio non moi extenso, floreceu a freguesía de Cospindo, á que pertence no ámbito relixioso a vila de Ponteceso. Alí está o lugar de Couto, cuxo nome se refere seguramente a un mosteiro, segundo indica Carré Aldao. Fundado por San Rosendo no tempo no que foi bispo de Iria, o cenobio, degradouse a simple granea ou granxa ou graña, de seu nome propio Almerezo, que tería un couto ou xurisdición cuxo nome leva hoxe o solar no que se encontra a Fundación que perpetúa a memoria do Bardo. Estamos, pois, no Labirinto como escribiu Alain Robbe-Grillet.

Nun territorio, non grande, combínanse as forzas e potencias da paisaxe xeográfica e humana que fai de Bergantiños unha grande provincia, non recoñecida, da nación galega. Alí, no cumio do Monte Branco, tamén chamado Balarés, coma o lugar habitado e a praia, deixámonos penetrar pola potencia oceánica, pola palpitación dos agros e a queixa dos piñeirais mestos, e notamos coma o río traza os relanzos finais da súa vida. Río Angulones, sería a súa forma primitiva. Pero por cima da vida económica de labradíos, comercio marítimo, pesca, cheminés de vellos serralleiros, paira o espírito de Pondal que se formou eiquí na súa nenez, nos días nos que a nova ponte era inaugurada. O triunfo da clase burguesa.

Fillo da clase emerxente e dinámica da costa de Bergantiños, Eduardo foi mozo cando xa a revolución lle arrebatara para sempre ás ordes monásticas e ás mitras soberbias os seus privilexios. Quedaba a aristocracia, coa sombra dos foros e dos arrendamentos leoninos, trastumbando e a punto de pasar para sempre á Historia trala aparición do Código Civil. Un irmán daquel Cesáreo industrioso cacique, renovo dos Abente opulentos, sentiuse chamado a ser o Bardo dunha nova Galicia sen cregos e sen nobres, e fundamentou o seu soño en lecturas políglotas que atravesaron o mundo clásico e moderno para chegar á versión francesa do Leabhar Gabbala que custodia, na edición que Pondal estudou, a Academia Galega. Escribiu o Himno Nacional desa Galicia que naceu á Esperanza na revolución de 1846, referida a Pondal aínda el neno, e é autor dunha obra inmensa que só moi recentemente foi editada mediante o traballo, que xamais agradeceremos suficientemente, do filólogo Manuel Ferreiro (e Sotelo Blanco). Como cúpula dominante de tal obra, destaca con poderío o poema Os Eoas sobre o que disertaron con sumo acerto Xosé Ramón Pena e Manuel Forcadela, cos que tamén Galicia está en débeda. Algunhas patrias oprimidas de Europa Occidental recoñécense a elas mesmas no espello de grandes "cantares" épicos e cultos, que foron os de Verdaguer para Cataluña, de Mistral para Occitania e de Pondal para Galicia.

Eis Os Eoas, con raíces que afondan na freguesía de Cospindo. Observen a intención de Ezra Pound ao acometer a empresa dos seus Cantos.

CAIXA POSTAL

  • Perdóeme don Félix Gil Alfonso, da Caniza, se desoio a petición de anonimato que me fai e poño aquí o seu nome. En entregas de varios folios, este amábel correspondente fai chegar ao Fondo dos Espellos envíos imposibeis de reproducir na súa integridade dadas as dimensións dos traballos e o espacio de que dispoño no FARO. Xa falamos das súas aportacións á palabra galega urso. Hoxe imos referirnos ao nome orixinal da vila da Caniza. Para min, o oficial, a Cañiza, sería unha castelanización. Descoñezo o pasado da Caniza, pero estou certo de que, en tanto que vila, é de creación non moi antiga e relacionada co municipalismo do século XIX, por moito que a historia e prehistoria das freguesías e territorios que integran hoxe o concello sexan entidades de extrema antiguidade. No noso idioma, existen palabras como canizo-a, e próximas, que nos levan a zonas moi derradeiras do pasado. Na nosa cultura aldeá tradicional, estas palabras están relacionadas con cousas: trenzado de xestas, vimbios, planchas, paus, para construir utensilios destinados a achandar a terra, secar as castañas, termar dos lateriais (ladrais) do carro, e outra que veremos xa. Como nos lembra Gil Alfonso, o modelo prehistórico do hórreo galego é un cilindroide feito de canizo e cuberto de colmo. Consérvase nalgúns lugares, aínda que en acelerado proceso de desaparición, co nome de cabazo ou cabaceiro. Noutras bisbarras, o nome que leva esta forma primitiva do hórreo é canizo. Así canico, lle din, por exemplo, nas serras portuguesas do Soajo. É posíbel que o nome da Caniza teña que ver con tal forma primixenia de hórreo. Chamarlle a esta edificación, aínda nas súas formas medievais feitas de madeira e pedra, canastro, como se fai en numerosos lugares de Galicia, incluíndo Celanova e Vigo, pode ser supervivencia e lembranza do canizo orixinario. A Caniza, pois logo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats