Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Permanencia de Hoffmann

Heraclio Pérez Placer (1866-1926).

Ten evocado Otero Pedrayo tipos e casos do Ourense de fins do XIX que lle referiran os maiores nunha nenez na que el buligaba moito entre a Praza do Ferro e o piso dos Ansoar, no Espolón. Nestes escritos, hoxe perdidos no bosco petrificado da súa obra circunstancial, o mestre ocupouse con fruición da figura de Enrique Gómez Stuyk, dandy ourensao que brillou no tempo que precede á guerra hispano-norteamericana. Rendista, con viñas herdadas no xiro da cidade, pola Barbaña, Stuyk conseguía facer da banalidade unha das Belas Artes. Sabía de perfumería, alfaias, detalles, sombreiros e roupa de muller. Aconsellaba mozas e señoras do estamento comercial, e tamén a tres vellas marquesas que recibían en senllos salóns con banco-ruso, pesados cortinaxes e braseiro alto; eran as de Leis, de Razamonde (da outra banda do Miño) e de Vilaverde de Limia. Insistía, sen éxito, en que estas anciás damas prescindisen dos bandós isabelinos e adoptasen con atrevemento o moño carrapito. Stuyk exercía como mestre de danza no Casino e dirixía os rigodóns, os lanceiros e a circulación ondexante das parellas no valse. El tendía moito a Vigo, ao Porto, onde o vestía Pessanha, e a Madrid. Das viaxes traguía a Ourense detalles, échantillons e ideas que logo se completaban cos figuríns de La moda ideal. Stuyk era solteiro e formou parte do continxente de socios do Casino que escolleron a democratización ao se fundiren cos artesáns ilustrados do Liceo Recreo e ocuparen o pazo de Oca-Valladares da Rúa do Instituto.

Stuyk, sempre segúndo Otero Pedrayo, era afeccionado ás bonecas. Tiña colección delas, en diversos tamaños. Vestíaas e modificáballes os peiteados e a tenue conforme ás modas que viñan e ían. Houbo unha época na que Stuyk practicaba o whist, aínda que con pouca dedicación, até que este xogo de cartas se perdeu en Ourense entre as fumaxadas da Burga. Stuyk non frecuentaba tertulias de avogado nin a rebotica da farmacia da Praza Maior, onde se pasaba doadamente da política, caciquil, á crítica feroche das intimidades de persoas e familias enteiras. Stuyk tamén se non prodigaba nas boas fondas do Progreso, coma a do Cuanda. Moito menos ía a tabernas do extrarradio naquel tempo no que a novidade gastronómica popular eran os callos con fabas e chirouvea de Seixalbo. Nembargantes, Stuyk non tiña empacho en citar a Physiologie du goût de Brillat-Savarin no referente, en especial, ao control da obesidade.

Un día, Ourense soubo que na casa de Gómez Stuyk estaba a vivir unha bela mociña loira, que saía a pasear con el moi ben gobernada en canto a vestido e toucados. Parece que falaban, o dandy e a rapariga, nunha lingua estranxeira de raras resoancias metálicas. En Ourense, así nas sociedades obreiras coma nas sacristías, nas tascas coma nos recibidores, estiveron divididas as opinións entre a dos que pensaban que a moza era filla natural de Stuyk e a dos que lle atribuían a ela a condición de querida oficializada, como se dicía naquela feita.

Derrubando para tras o canotier, a fin de liberar a fronte suada, Heraclio Pérez Placer discutía con outros xoves intelectuais e colaboradores do xornal de Nondedeu sobre a cuestión palpitante de Ourense, que entón era a da identidade da moza acollida na de Ernesto Gómez Stuyk. Foi entón cando Álvarez de Nóvoa, fundador da alta prosa galega contemporánea, no consorcio do citado Heraclio, aventurou o seguinte:

-Tal vez a moza sexa unha das bonecas de Gómez Stuyk, que cobrou vida. Igual ca nun conto de Hoffmann.

A concorrencia calou impresionada. Logo, Filomena Dato, chiou moi agudamente:

-Coppélia! Olympia!

Eran eses días quentes que en Ourense anuncian o Corpus. Os xoves intelectuais estaban na venda da Xesusa da Valenzá, na horta. Desabotoáronse colariños. Con licencia da Dato, quen afrouxou o lazo da pamela, fumegaron, á sombra da vella acacia de bóla, os vegueros en silencio só interropido polo tilín do xogo de chave.

Moitos anos despois, en 1959, Eduardo Blanco Amor introducía na súa novela A Esmorga un suxeito silencioso e extravagante que fuma opio e garda na casa unha boneca de rara beleza. No Fondo dos Espellos óuvense voces de mortos que rosman e queren comunicarse con nosoutros. Dinnos -xa con claridade- que o individuo real que lle serviu a Eduardo de modelo para fabricar o misterioso cabaleiro cuxa casa asaltan no romance os graxos ourensaos na súa viaxe ao fondo da noite, é Enrique Gómez Stuyk.

A nai de Blanco Amor, Aurora, foi quen lle contou a este as extravagancias de Stuyk. Aurora traballaba frente do Patín da Catedral, con fitas, encaixes, tecidos e modas, así para vestir nenos coma nenas, e era famosa polo seu gusto na confección, en papel e en trapo, de flores artificiais que lucían nos disfraces do entroido burgués e popular do Ourense das fins do século XIX. "Les fleurs en papier des chapeaux", por Brassens.

Segundo Otero, a Coppélia, ou Olympia, de Gómez Stuyk casou e marchou lonxe de Ourense. Anos máis tarde, o propio dandy foi morrer en Vigo, no divan dunha entidade recreativa de cabaleiros.

Beizón a Xosé Manuel Salgado por nos proporcionar, para a elaboración deste artigo, as seguintes fontes: Ramón Otero Pedrayo, "En el palco hacia el XIX" (Vida Gallega, Lugo, Febreiro 1960); "Un dandy do derradeiro XIX" (El Correo Gallego/La Noche, 2-VI-1970); "Os foguetes das festas ourensás" (El Correo Gallego/La Noche, 21-VI-1970).

CAIXA POSTAL

  • Chéganos ao Fondo dos Espellos datos, publicados en Vida Gallega, da oposición que o clericalismo lle fixo ao movemento popular que se orixinou en Vigo en favor da erección na Alameda dun monumento a Manuel Curros Enríquez. Envíanos os documentos Paco Vidal, bibliófilo e coleccionista. Grazas.Ao parecer, os xornais El Siglo Futuro e Diario de Galicia fixeron campaña contra o monumento dos vigueses en honor a Curros Enríquez que finalmente foi inaugurado no ano 1911.A revista Vida Gallega, é decer, Jaime Solá, que era a súa alma, polemizou co portavoz do catolicismo contrario a Curros, do seu nome Apolo Serdan, ou Serdán, seguramente presbítero.A pluma de Jaime Sola Mestre, en Vida Gallega, colocou Serdán "pegado a la pared" e seica o mesmo vicario capitular, autoridade máxima da diocese de Santiago en situación de mitra vacante, reduciu no silencio ao polemista ultramontano. A cuestación de fondos, a organización do comité e a execución do monumento a Curros en Vigo, inaugurado en 1911, non só tivo inimigos senón que estes foron poderosos e ligados á fracción máis reaccionaria e anti-galega da Igrexa Católica. Agora rendémoslle homenaxe á sociedade La Oliva.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats