Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Permanencia das Irmandades da Fala

Conmemora Galicia os cen anos da fundación das Irmandades da Fala, ou de Amigos da Fala, que evoluiron nun caso a Irmandade Nazonalista Galega e que inspiraron outros movementos que, á súa vez, deron lugar a formas novas de acción e pensamento. Podemos pensar que o tempo de duración das Irmandades da Fala media entre 1916 e 1931, pero os efectos irmandiños chegan aos nosos días.

As Irmandades non eran un partido político, e menos un dos partidos da Restauración fundamentados no caciquismo e no turnismo bipolar. Foron, principalmente, unha especie de maré precursora, máis ben horizontal e carente dun líder único. Certo que, por aquel tempo, o Partido do Congreso da India tivo como dirixente supremo a Gandhi, pero en Galicia Vicente Risco nunca foi recoñecido como tal por moito que a fórmula fose ensaiada. As Irmandades produciron partidos que trataban de pór en vigor as ideas de orixe asemblearia que ían xurdindo aquí e acolá e que se facían masa de representación ideolóxica de carácter colectivo. Hai algo das Irmandades na ORGA de 1928; a parte que lle corresponde a Antón Vilar Ponte. E no Partido Galeguista de 1931, aínda que este último non se declarou nacionalista senón que saiu ao mundo dicindo que Galicia era "unha célula de universalidade", o que non significa absolutamente nada.

O factor ideolóxico básico das Irmandades foi o nacionalismo. De xeito inequívoco dixeron que Galicia era unha Nación, e ese ideoloxema, robustecido por Castelao cos fundamentos nacionalitarios de inspiración soviética na posguerra mundial, chegou até nós e funciona como zona de fractura na política do día en que escribo isto que vostede le. En xeral, os irmandiños crían que a nosa nación tén dereito á autodeterminación, como todas as nacións, pero que eles aspiraban a unha federación de nacións, xa non de España, senón de Iberia. Para as Irmandades a incorporación de Portugal á federación era garantía de que Galicia non continuaría sendo dependente no interior da nova e futuríbel construción político-institucional. Representada na Sociedade de Nacións, Galicia tería unha política exterior na que se privilexiasen as relacións con Portugal, con Euskadi e Cataluña (Galeuzka, chamáronlle) e con Irlanda, que por aqueles días loitaba política e militarmente pola súa independencia republicana. Hogano, os irmandiños serían considerados "terroristas".

Naceron sendo da Fala, pero non foi a lingüística a soa preocupación das Irmandades. Tendían ao monolingüísmo, pero aceptaban a cooficialidade instrumental co castelán e a utilización, igualmente práctica, do portugués. Ollaron para a administración local de Galicia e acharon que ela debería ser modificada. Proclamaron a necesidade da anulación das catro provincias, a incorporación do Eo-Navia, do Bierzo e das Frieiras e a reorganización dos municipios con base na freguesía ou parroquia administrativa, seguindo o modelo (absolutamente apto para Galicia) das autarquías portuguesas. Falaron do ferrocarril, da pesca, da navegación, de forestalismo, das reformas tributarias. Estiveron, cos camaradas agrarios, contra o foro, e propuxeron (co aplauso de Manoel Antonio) a fundación dunha central obreira sindical de definición nacional galega. Foron dos primeiros en clamar a igualdade de dereitos entre varóns e mulleres.

Tiveron os mellores intelectuais irmandiños a súa revista, Nós, e, os máis combativos e organicistas, o voceiro político central e nacional: A Nosa Terra. Unha editora xeral galega, Nós, era compatíbel con coleccións de novela curta popular, como era moda daquela, e así foron as coleccións Lar da Coruña e Céltiga de Ferrol. Os irmandiños fixeron o imposíbel por levantar o teatro galego regular e contemporáneo, e mesmo estaban a pensar nunha cinematografía propia. A arquitectura máis nacionalista de Palacios, nunca lonxe do urbanismo da que debía ser capital económica de Galicia, Vigo, e as ideas de Gómez Román sobre a necesaria galeguidade dunha paisaxe de vivendas unifamiliares de estilo neocompostelán, dan paso ao racionalismo arquitectónico de Castro Represas do mesmo modo que Cabanillas cede perante a historia da literatura, o seu posto a Manoel Antonio sen sair ningún dos dous das Irmandades. Inténtanse novas formas de plástica galega. As Irmandades defenderon a "soberanía estética" de Galicia.

As Irmandades eran algo contradictorio, polimorfo, dinámico, que finalmente lle deu forma á Galicia do século XX. E esta forma foi a de Nación. Por moitos conceptos, a celebración deste centenario é tamén a do encontro de Galicia consigo mesma. A historia das Irmandades é a dunha desalienación colectiva.

CAIXA POSTAL

  • "Señor Ferrín, outro dos bos costumes que temos os calcorreiros é ir ó camiño no noso día, o das Letras Galegas. É diferente ó habitual xa que facemos paradas para que as persoas asistentes conten, lean e mesmo canten na nosa lingua aquilo que lles apeteza compartir co grupo.Este ano deixaremos pegadas e verbas polas terras de Mazaricos, Outes e Negreira. Son únicas as paradas coa lectura a carón da música de fondo dunha fervenza ou de zoar das follas das árbores.Por suposto, está máis ca convidado. Saúdos".Helena Martínez SanjuánBudiño. O PorriñoNesta e outra comparecencia na Caixa Postal do Fondo dos Espellos, Helena Martínez Sanjuán deitou luz sobre o significado do alcume "Calcorra" que biógrafos de Curros Enríquez como Celso Emilio Ferreiro lle atribuían ao pai do poeta do século XIX. Seguindo a información de Helena chamaríanlle así pola súa afección a calcar os camiños, a camiñar. Seguramente é así.Falabamos nesta sección das Irmandades da Fala como organización aberta. Algúns dos seus membros, como Otero Pedrayo, Risco, Ben-Cho-Shey, intentaron andar a pé toda Galicia. Dunha destas camiñadas, de Ourense a Santo André de Teixido, queda como lembranza un libro de Otero Pedrayo, Pelegrinaxes, que ía ter continuidade noutros pero non foi así. Igualmente, en anos anteriores á guerra civil, Álvaro das Casas dirixiu unha organización xuvenil, de nome Ultreia, que organizaba viaxes pola Terra e tamén polo Mar de Galicia. A carta de Helena fainos acordantes das experiencias daqueles irmandiños e dos seus discípulos nos días anteriores ao franquismo. Grazas á nosa comunicante por compartir connosco a experiencia "calcorreira".Rectificación: A Villanueva de los Infantes de Castilla-La Mancha non está na provincia de Guadalajara senón na de Ciudad Real, chamada Vila Real na Idade Media Galega.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats