Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Vilanova dos Infantes

En xullo de 1916, o municipio chamado oficialmente "Villanueva de los Infantes", na provincia de Ourense, decidiu restaurar o seu nome galego. O alcalde e compañeiros de corporación foron avanzados da normalización da nosa toponimia

Romaría Etnográfica Raigame en Vilanova dos Infantes. // Concello de Celanova

Estamos a celebrar o centenario das Irmandades da Fala. A xuntanza inaugural tivo lugar na Coruña o 18 de maio de 1916. Entre outras cousas falaron os irmandiños dalgo que xa se viña tratando, e mesmo con vehemencia, no mundo do proto-nacionalismo: da vergoña que para o país supuña o feito de moitos nomes de lugar estaren sendo usados de forma castelanizada. Pouco tempo máis tarde, en xullo do mesmo ano 1916, o municipio chamado oficialmente "Villanueva de los Infantes", na provincia de Ourense, decidiu restaurar o seu nome galego. Isto é: Vilanova dos Infantes. Outros moitos concellos e localidades tiveron que agardar pola actual lexislación que dicta que a forma galega é a única oficial dos nosos topónimos. O Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, cos topónimos regularizados en galego (algúns deben ser revisados) non aparecerá deica o tempo de Fraga Iribarne nun volume sen data visíbel.

Polo tanto, será Vilanova dos Infantes o concello que máis alpeirou para se devolver a si mesmo o verdadeiro nome; nome que, por outra banda, o pobo nunca deixara de usar. Merece a pena facer constancia daqueles adiantados de 1916. Asinan a acta restitutoria o alcalde Ricardo Varela Méndez e os concellais Manuel Flores, Eliseo Bouzas, Juan Devesa, Manuel Fernández e Cipriano González. O termo municipal de Vilanova dos Infantes incluía a actual vila e lugares menores (Santa María, O Cristal, As Ribas, o Lugar Carfaxiño€) e mais as parroquias de Castromau, Viveiro e Freixo. No ano 1927 o concello de Celanova absorbeu o de Vilanova, pero o nome en galego desta última nunca deixou de usarse pública e privadamente. Moitas grazas a Antonio Piñeiro polas informacións.

Con todo, o nome de Vilanova dos Infantes garda algúns misterios que aínda non foron resoltos. O primeiro reférese ao sexo dos Infantes. En efecto, unha tradición culta, na que se inclúe o Padre Flórez, fala, en castelán e en feminino, de "Villanueva de las Infantas", que os sabios da Xeración Nós, e discípulos, cando lles pertencía, convertían en "Vilanova das Infantas". Non hai moito o investigador Xosé Benito Reza descubriu emparedados na igrexa de San Munio de Veiga, perto de Celanova, uns pergamiños do século XIV que leu e publicou n´A Trabe de Ouro Ramón Lorenzo. Neles, a poboación e castelo de que tratamos aparece chamada "Vilanova das Infantes", xa que na lingua medieval "infante" era forma usada para ambos os xéneros. Unha vez introducida a forma castelanizante, esta sería oficial até 1916: "Villanueva de los Infantes". Aínda máis, habería que aclarar que na documentación medieval do século X lemos en latín o nome desta propiedade que foi dos pais de San Rosendo simplemente como "Villanova" ou Villa nova". Eu ignoro a que infantes se refire o nome toponímico nin se eran mulleres ou varóns os referentes orixinais, aínda que corren varias hipóteses algunha das cales de signo folclórico.

Finalmente compre indicar a existencia de dous concellos españois actuais denominados Villanueva de los Infantes; un, en Guadalajara, moi relacionado coa vida e a morte de Quevedo, e outro, pequeno e agrícola, na provincia de Valladolid. Así mesmo, unha actual freguesía de Guimarães leva o nome actualmente de Vila Nova das Infantas, que pode aparecer na cartografía coa forma simplificada de "Infantas". É frecuente en toda a Romania o achar topónimos derivados do latín Villa Nova. O enigma xorde cando catro topónimos da Península derivados de Villa Nova forman parte dunha secuencia na que entra Infantes en masculino ou feminino.

Este pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, en Vilanova dos Infantes, na nosa, escenificouse moi ben a anual "Raigame", concebida sempre como grande festa etnográfica e popular. Tivo como tema a historia e a cultura dos homes que, alugados ou contratados, viaxaban de Galicia a Castela por traballaren na seitura. Os segadores foron inmortalizados por Rosalía de Castro, como todos saben, e, este que lles escribe, aínda tivo amigos do seu tempo que foron á seitura de Castela. Viñeron efectivamente negros coma canizos e co pó e os pitelos incrustados na pel. Alén de lles render homenaxe aos segadores, o concello puxo unha placa na praza de Vilanova en memoria da restauración do nome da vila na cal figuran para a historia os do alcalde e compañeiros de corporación que foron en 1916 avanzados da normalización da nosa toponimia.

Debemos estar moi agradecidos a todos cantos contribuíron á posta en práctica desta pasada edición de "Raigame".

CAIXA POSTAL

  • Escríbeme Adolfo Rego Pérez, desde A Ramallosa miñorana unha carta encabezada así: "Meu respetado amigo, en barallete meu baril amigorrio". Despois, a seguir, explícame que na súa biblioteca figura un libro titulado Historia de Galicia, impreso na Habana no ano 1925. O seu autor é Ramón Marcote. Envía o amigo Rego unhas fotocopias. Moi agradecido.Trátase dunha obra destinada á aprendizaxe escolar, en forma de "compendio" con preguntas e respostas. Está en castelán pero a súa intención é convencer os alumnos de que Galicia é unha entidade (o autor di región) cunha lingua e unha historia propia e diferente. Contén o que hoxe consideraríamos errores, pero en xeral axústase ao estado dos coñecementos históricos que rexía naquel tempo. A periodización dos acontecementos semella correcta e a precisión dos conceptos, notábel. É unha obra, dentro do seu galeguismo, equilibrada e non partidista. Por exemplo, inclúe entre os grandes personaxes galegos tanto a Pablo Iglesias, coma a Alfredo Brañas.Eu non sei do autor outra cousa que aquilo que figura na Gran Enciclopedia Gallega, a cal baséase no Diccionario biobibliográfico de Couceiro Freijomil nesta entrada. Ramón Marcote foi bibliotecario do Centro Gallego da Habana e autor de moitos artigos. Alén desta Historia de Galicia (compendio) publicou libros, coma son Colón pontevedrés (1920) e Contra España, no (1928).Desde o punto de vista onomástico, Marcote é un apelido do que, con variantes, existe en Cataluña e Italia, o que lle fixo sospeitar a algúns unha procedencia estranxeira por vía marítima. Aparece con frecuencia en Baiona e en Fisterra, o que corrobora a hipótese devandita. Sobre ese tema non podo falar por non o ter estudado.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats