Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Miscelánea valleinclanesca

É fama que Valle visitou Vigo varias veces e que mesmo frecuentou a tarbena de Elixio. Bebía cervexa e tiña o ouvido posto ás conversas dos mozos de corda que trasfegaban alí os seus chanqueiros

Otero Pedrayo e Valle-Inclán na Praza Maior de Ourense, ano 1935?. // Cortesía Edicións Xerais

Aínda antes de se incluír Vilanova da Arousa na liga das vilas e cidades literarias de Galicia, podíase aproveitar mellor o aniversario de Valle-Inclán para facer actos nos espazos e poboacións máis ligados á vida do autor, como son o Salnés, a Pobra do Caramiñal, Vilanova desde logo, Pontevedra e, mesmamente, Vigo e Madrid.

VALLE-INCLÁN E O INSTITUTO DE VIGO.- A raíz da expulsión dos xesuítas na II República, o Estado ocupou os edificios, xardíns e instalacións docentes do colexio da Compañía, chamado Bella Vista (Teis). O secretario do Instituto alí instalado era Jerónimo Toledano Cañamaque, catedrático de Lengua e Literatura, quen chegou a residir nas dependencias xa republicanas de Bella Vista coa súa esposa, Concha del Valle-Inclán, que era filla do escritor. Toledano foi moi perseguido polos franquistas. Perdeu a cadeira e foi parar á cadea da Illa de San Simón. Terminou morrendo en Madrid. É fama que Valle visitou Vigo varias veces e que mesmo frecuentou a tarbena de Elixio. Tamén se dixo que pasara tempadas na da súa filla Concha. Xa instalado o Instituto nas Travesas, foi catedrática, tamén de Literatura, Consuelo Burell de la Mata, filla do ministro Julio Burell, o cal coñecía moito a Valle-Inclán. Inclusivemente a personaxe do ministro que aparece favorecendo a Max Estrella en Luces de Bohemia foi identificada por algún historiador da literatura co ministro, realmente existente, Burell. José Gómez Posada-Curros, tamén profesor de literatura do Instituto desde 1946 chamado "Santa Irene" de Vigo coñeceu ben a Valle-Inclán e el foi que lle fixo, probabelmente, a derradeira entrevista cando o Mestre vivía interno no sanatorio de males "génito-urinarios" do doutor Villar Iglesias.

OS ESPELLOS DEFORMANTES.- Como xa temos dito, e segundo nos conta Alonso Zamora Vicente, valleinclanista moi serio, na Calle de Juan Álvarez Gato, poeta castelán do outono da Idade Media, había unha ferretería que tiña como reclamo un xogo de espellos deformantes para atraer a atención das xentes "paletas". Este comercio trasladouse á Carretera de Aragón e levou consigo os espellos. Moitos anos máis tarde, os donos da taberna Las Bravas, que está ao principio da rúa e perto da Plaza de Santa Ana, puxeron onda as portas outros espellos deformantes, máis cativos. A última vez que os vin, os espellos perderan moito azougue. Non sei se seguen alí. En caso de que desaparecesen, o concello da vila de Madrid faría moi ben en repoñelos cunha inscripción en memoria de Valle-Inclán e de Max Estrella. Dúas tabernas de Madrid levan o nome de Las Bravas. Despútanse (ou desputábanse hai anos) o honor de ser, cada unha delas, a que inventou as verdadeiras "patatas bravas", tan difundidas na actualidade.

A POBREZA DE VALLE-INCLÁN.- Cóntanme que anda por aí un libro que nega o republicanismo e maila pobreza de Valle-Inclán. Á vista dos datos dos que dispoñemos, Valle debeu de ter dificultades económicas en diversas etapas da súa vida. Fálase de que o ministro Burell lle fixo algún favor a Valle. Teño noticia de que a familia Fraga non lle cobraba o aluguer da casa na que pasou arrendado a súa etapa de Cambados, a cal rematou dramaticamente coa morte dun seu fillo. Igualmente corre a lenda, non sei se certa, de que non o apremían os donos da granxa de La Merced e do seu aloxamento na Pobra do Caramiñal. Coñecemos unha carta moi triste na que Valle se dirixe e un vello amigo, coñecido familiarmente como don Tanis de la Riva, que coido que, en realidade, era Estanislao Pérez Artime. Explícalle Valle que, ao deixar a dirección da Academia Española de Roma, perdeu o pasaporte diplomático e que precisaba facerse coa cédula (documento de identidade) para tirar un pasaporte ordinario. Pídelle unhas poucas pesetas a don Tanis. Aínda vivía cando se creou en Galicia unha comisión para comprar un pazo e llo regalar a don Ramón. Finalmente, e depois de morto, xurdiron diversas iniciativas. Unha, encabezada por Pedro Carasa Arroyo, director do Instituto de Vigo, dirixida a conseguir que a República se fixese cargo do manteñemento dos fillos de Valle. Todo parece indicar que Valle-Inclán carecía de fortuna. A carta a Tanis de la Riva foi publicada por Avelino Abuín de Tembra. Naturalmente, quen coñece mellor este e os demais aspectos da vida real de Valle-Inclán é o seu biógrafo Alexandre Allegue Otero.

ESCOITAR O POBO.- Otero Pedrayo evocou en clase, no curso 1957-1958, a Valle-Inclán só, sentado nunha das mesas do polbo na feira de gado de Santa Susana. Valle estaba observando e escoitando con atención as conversas dos labregos que o arrodeaban. Santiago Fernández, mecánico linotipista do FARO, recordaba a Valle-Inclán, tamén só, na mesiña que hai na Taberna de Elixio conforme se entra á esquerda. Bebía cervexa e tiña o ouvido posto ás conversas dos mozos de corda que trasfegaban alí os seus chanqueiros. Os mozos de fretes ou de corda tiñan o seu punto en fronte ao edificio Simeón da Porta do Sol de Vigo, e bebían en Elixio.

Dámaso Alonso, Alonso Zamora Vicente e outras persoas teñen contado oralmente por escrito, como non era difícil atopar a Valle-Inclán a mañá dos domingos pola Calle del Mesón de Paredes, por Cascorro e pola Ribera de Curtidores de Madrid. Isto é: polo chamado Rastro. Alí Valle prestaba ouvidos ás falas dos chambóns ("chamarileros") e dos populares, e aprendía as súas verbas e xiros. Non é extraño que Julio Casares, secretario perpetuo da Academia Española, e outros envexosos, lle mantivesen pechadas ao de Vilanova as portas da máis alta institución da lingua de Cervantes, que tamén era experto en falares argóticos.

CAIXA POSTAL

  • Recibimos unha separata da revista Glaucopis que contén un importante artigo de Xavier F. Nogueira: "Unha lenda miñota". Trátase dun relato fixado e moi simple que se conta en zonas de aquén e alén Miño. O seu núcleo é este: houbo un tempo no que os vellos, ao non se poderen valer, eran levados polos fillos a morrer no monte ou nun pozo situado en lugar agreste. Nalgún caso o vello di unhas palabras que conmoven o fillo e este regresa co pai para a casa; e así terminou para sempre este hábito. Eu non sei se tal relato mítico terá algo que ver coa estoria do "abafador", que lle proporcionou asunto a Miguel Torga para un conto soberbio. No caso do "abafador", trátase dun home que é chamado para abafar os vellos tolleitos ou doentes graves. Naturalmente, a lenda que estuda Xavier F. Nogueira sitúase nun tempo non histórico. Posibelmente tivese nun principio a utilidade de lembrarlles ás persoas que o pasado non cristián era cruel e que nel non existía a caridade. Postos a elucubrar, podería pensarse que, no admirábel romance "La tierra de Alvargonzález" de Antonio Machado, hai tamén unha relación misteriosa con esta lenda. O artigo de Xavier F. Nogueira tén o valor acrecentado de estar escrito nunha magnífica prosa na que se alían a precisión xeográfica e o paisaxismo na liña de Otero Pedrayo. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats