Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A primavera galega de Cubí i Soler

Existe un continxente de cántigas galegas de escarño que constitúen unha supervivencia pagá ou precristiá. O fin delas é facernos rir, aínda que no actual estado de sociedade non sexa adecuado o facer risión dalgunhas das ocorrencias que os trobadores nos propoñen

O frenólogo, lingüista e magnetizador Marià Cubí i Soler (Malgrat, 1801-Barcelona, 1875).

Na posta de Vilafranca do Bierzo. Chega a dilixencia de León con troupeleo de cascos, xuramentos do cocheiro e tintín de axóuxeres nos colerois. Poida que sexa o 1º de Maio; con certeza, o ano é o de 1847. Apéase e toma cuarto na Pousada da Borboliña Mariano Cubí y Soler, ou Marià Cubí i Soler, médico e propagandista de ciencias raras. Seguro que o viaxeiro se atopou entón con nenos enramados e floridos que cantaban os Maios pedindo castañas, coma no verso de Curros, polas portas das casas. Nunha, cuxos habitantes foron xenerosos, os nenos corearon en 1847, como o podían facer hoxe: "Esta casa é de cristal/ aiquí vive un mariscal". Aquela podía ser a casa de Antonio Fernández e Morales, poeta e militar, e, a Festa dos Maios, a primeira ocasión na que Cubí ouviu o son do idioma galego do Bierzo.

Como entre Vilafranca e as cidades galegas o camiño real apto para carruaxes con roda de radios convertíase en árdua calzada de ferradura, Cubí tomou uns días de acougo no Bierzo nos que frecuentou a compaña de Fernández e Morales. Cubí pediulle a este que escribise poemas no galego do Bierzo. O médico, logo, seguiu a súa vía a Compostela e á Coruña; en cabalo de posta e na recua dos maragatos.

Marià Cubí i Soler (1801-1875) foi figura moi discutida no seu tempo. Recórdase como périto en Frenoloxía e en Lingüística, ciencia, esta, que el chamaba, no seu idiolecto particular, e escribía, na súa ortografía privada, "idiomolojía". Viviu Cubí a resaca daquela crise do optimismo ilustrado que se produciu a partir do Congreso de Viena. A Frenoloxía, que rematou en vía morta, entendía das leiras cerebrais e pretendía que a forma dos ósos do cráneo podía informarnos sobre as características anímicas dos suxeitos. Por parte, Cubí sentíase fascinado por Mesmer (1734-1815) e mesmo publicou un tratado de "magnetismo animal" (Barcelona, 1845), que é como lle chamaban na época ao que hoxe dicimos "hipnotismo". Obsérvese que na primeira novela en galego, Maxina (1880), Marcial Valladares sitúa no antroido burgués compostelano unha "comparsa dos magnetizadores". O magnetismo, pois, estivo moi en voga na Galicia decimonónica e o axente difusor del foi, principalmente, Cubí i Soler.

Despois das súas intervencións públicas en Compostela, Cubí resultou denunciado por un teólogo, de seguro orixinario de Molgas ou Maceda, chamado Antonio Severo Borrajo. Procesárono polo eclesiástico e acusaránno de difundir doutrinas anti-católicas. Cubí pasou á Coruña, e houbo duelo de panfletos. O cavernícola fixo imprimir un libelo contra Cubí (Los que tengan ojos para ver, etc.) e o médico produciu un opúsculo frenético cuxo título non cabe no Fondo dos Espellos da memoria: Refutación de los cargos, etc., etc., etc. O primeiro imprimiuse en Santiago e o segundo na Coruña, ambos naquel ano 1847 que lle resultou tan movido a Cubí i Soler. Nós celebramos só que o encontro de Cubí con Morales dese como resultado a saída a luz dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. Isto é, ensaios poéticos no mesmo dialecto no que cantaban, e seguen a cantar cento sesenta anos máis tarde, os rapaces de Vilafranca do Bierzo na festa ancestral dos Maios.

Os Ensaios do comandante Morales imprimíronse, por fin, en León, ano 1861, entalados entre a Gaita de Pintos (1853) e os Cantares de Rosalía (1863). Os poemas de Morales son brillantes e intensamente persoais. Levan, estes Ensaios, un prólogo de Cubí, quen se presenta como desencadeante da xénese da obra. Tal prefacio contén as teorías lingüísticas do seu autor, nas cales non albiscamos a presenza do comparatismo indoeuropeo e románico en ascenso na época (Bopp, Diez) nin tampouco memoria das ideas sobre o galego que no século XVIII sostiñan, con sumo acerto, Feixóo e, sobre todo, aquel Sarmiento que, por certo, viñera ao mundo en Vilafranca do Bierzo. Se remexo no Fondo dos Espellos, acho que o máis interesante do prólogo de Cubí aos Ensaios é a referencia que el fai ao Latín dos Pedreiros e Canteiros ou Vergo dos Arghinas.

Asociacións culturais do Bierzo están estes días a pedir que o próximo Día das Letras Galegas lle estea dedicado ao poeta e militar revolucionario do Bierzo, inda que nado en Astorga, Antonio Fernández e Morales. Nós adherímonos ao pedido.

CAIXA POSTAL

  • "Estimado Ferrín, non sei se terás reparado nos letreiros que figuran na estación ferroviaria de Ourense: Queda terminantemente prohibido cruzar las vías. Los contraventores serán castigados conforme a la ley, os máis antigos. E Por su bien, no cruce las vías, os máis recentes. Ningún, dende logo, en galego; pero indiscutibles da época na que foron colocados: a dictadura e a democracia. Coñeces máis casos deste teor noutros lugares públicos? Unha aperta.Xavier NogueiraVigoÁ parte do desprezo ao galego nos avisos públicos dos ferrocarrís observo que os quioscos e librarías das estacións raramente ofrecen libros ou revistas en galego. Tampouco o fai a libraría da Catedral de Compostela e as dos aeroportos. Pero eu quixera sinalar un feito non menos incómodo.O Concello de Celanova propuxo que a nova estación do Ave de Ourense levase o nome de "Estación Curros Enríquez". Por unha parte, argumentaba o concello, estamos nun tempo en que as estacións de ferrocarril e os aeroportos ostentan nomes de personalidades históricas e tamén de grandes escritores. Por outra parte, Curros é autor do poema "Na chegada a Ourense da primeira locomotora". Na Historia está o discurso en Ourense de Enrique Otero Sotelo, pai de Otero Pedrayo na inauguración do ferrocarril no que o orador cantou á muller, á técnica, á ciencia, aos traballadores e ao progreso, o que ocasionou que o bispo abandonase o acto horrorizado.E ben, unha asociación de empresarios de Ourense propuxo como nome da estación nova o dunha personalidade local, Euloxio Gómez Franqueira, a cal eu coñecín e admirei polo seu labor no eido do cooperativismo. Pero o honor de darlle o nome á estación do Ave correspóndelle a Curros Enríquez. Atrévome a pensar que o propio Gómez Franqueira estaría de acordo coa proposta do Concello de Celanova, que moitos apoiamos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opiniónen NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correoordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats