Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Riso e transgresión no Pote de Ouro

Existe un continxente de cántigas galegas de escarño que constitúen unha supervivencia pagá ou precristiá. O fin delas é facernos rir, aínda que no actual estado de sociedade non sexa adecuado o facer risión dalgunhas das ocorrencias que os trobadores nos propoñen

Manuel Rodrigues Lapa (1897-1989), principal filólogo portugués do século XX.

Se Afonso o Sabio chegase a sentar á sombra da aguia do Sacro Imperio convertiríase no segundo kaiser poeta, emulando así Henrique VI Hohenstaufen (1165-1197). Non resultou posíbel, e Afonso, en lugar de Minnesinger, foi trobador galego para ben de nosoutros. Deixando agora a parte a súa producción amorosa e mariana, digamos que as cántigas de escarño e maldizer (citarase escarño) de Afonso X son excepcionais. Pola veracidade dos sentimentos, pola sinceridade que transpiran, pola riqueza lingüística de que fan derroche, pola súa habelencia polimétrica, as cántigas de escarño de Afonso X deben ser consideradas por separado desoutras dos autores seus contemporáneos.

A cántiga de escarño é un pote de ouro no que se cocen alimentos poéticos e sociais de gustos e procedencias moi diversas. Xenios poderosos amosan os seus perfís fortemente particulares. Alén de Afonso o Sabio e do Fernando Esquío de que xa falamos, aí os están Bernal de Bonaval, Estevan da Guarda, Joán Baveca, Don Denís, Joán Airas, García Burgalés, Eanes do Cotón, que intimidan o lector separado do texto por mais de oitocentos anos de historia e de mudanza ideolóxica e transformacións da producción económica de Europa.

Razoa moi ben Mikhaíl Bakhtín cando propón construir unha "historia do riso". Digamos que o riso, reflexo prelingüístico especificamente humano, vai modulando o seu uso social a través dos tempos, das relacións económicas, dos sistemas de poder. Existe un continxente de cántigas galegas de escarño con enunciación e tema que son populares democráticos, dicimos nós co soviético Bakhtín, e que constitúen unha supervivencia pagá ou precristiá. O fin delas é facernos rir, aínda que no actual estado de sociedade non sexa adecuado o facer risión dalgunhas das ocorrencias que os trobadores nos propoñen. Esta comicidade aberta e radical pode sentirse como transgresora tanto da moral relixiosa coma das convencións laicas da contemporaneidade. E rimos, cun riso que sentimos liberador, non xa dunha norma abafante ou cristiá, senón de calquera norma actual ou mesmo dun posibel sistema codificado de estados de cultura que aínda non foron. Os Evanxeos da risa absoluta é un texto esquencido de Antón Vilar Ponte cuxo título, polo menos, podía servirnos para aderezar a viaxe ao riso ancestral que segue acochado no Fondo colectivo dos nosos Espellos.

Nas cántigas de escarño hai mulleres soldadeiras que se masturban, rin xuntas no baño, son xogadoras, e mesmo vellas e peideiras, pero aquel atrevemento de Bakhtín sobre a tradición "democrática" da cultura medieval de determinado tipo, que continúa prodixiosamente Rabelais, evidénciase no feito de que tamén as donas altas e as abadesas son satirizadas ao mesmo tempo que as probes. En canto a varóns (reis, señores, prelados, mesmo o Papa) son tachados de desleais, petimetres ridículos, avarentos, treidores, covardes, e naturalmente sodomitas. A gula aparece, insistente, e hai comidas agradabeis que acompaña o bon viño de Ourens. Pero determinado magnate, caricaturizado por Joán da Gaia, vai modificando ao longo do banquete a cor do seu nariz, desde o ton "berenguela" ao da "rosa bastarda" e da "escarlata roxa". Tales florituras camiñan, por exemplo, a carón da descripción dun "alvaraz no cu", ou sexa dunha úlcera sifilítica rudamente situada nun lugar inédito nas letras europeas medievais. O cunnilingus, inmortalizando un tal don Beeito como protagonista é tratado por Joán Airas de Santiago, quen asume de bon grao a función cómica de amante enganado. Segundo Rodrigues Lapa, o máis escandaloso atrevemento dos Cancioneiros é un relato de escarño cuxo autor é Estevan da Guarda. Unha muller provoca e maltrata, en termos de sadomasoquismo, un home novo. Este deitase con ela. A señora, en función de ama dominadora, é a nai do xove. Certamente o incesto supón unha prohibición atemporal, permanente e que, cando por acaso escoa dentro da traxedia, Edipo arríncase os ollos. Agora o autor provócanos o riso.

Velaí o noso cancioneiro de escarño. Non esquenzamos: "Don Beeito, home duro, / foi beixar pelo escuro / a mia señor". O riso ao que nos moven os nosos poetas medievais inquiétanos porque non é o riso regular que foi modulado canonicamente polo consenso contemporáneo. Sorpréndenos a nós mesmos este riso que abrolla das fonduras arcaicas de que procedemos. Cando, sobre algún paso do cancioneiro de escarño, rimos, sentímonos, ao mesmo tempo, liberados e culpabeis por non habitarmos o sistema convencional dos bos sentementos contemporáneos.

Manuel Rodrigues Lapa (1897-1989), o Mestre que preparou a edición de Cantigas d´escarño e de maldizer (Galaxia, Vigo, ed. Definitiva, 1970), escribiu así, en galego, ao inicio da súa obra magna: "Á Galiza de sempre, raíz anterga da nosa cultura, adico afervoadamente iste libro".

Padrón e O Carril

  • Benquerido Ferrín, envíoche un documento de 1492, boa parte del en galego, no que se pode comprobar que Padrón é Padrón e Carril é O Carril. O "estromento" vén a conto das túas viaxes feitas polos océanos literarios de Xoán Rodríguez (del Padrón ou de la Cámara), que tanto te interesaron. O texto creo que tén outros temas de interese que espero que sexan do teu proveito.Anxo AngueiraManselle-Dodro.O amigo Anxo Angueira tén a amabilidade de nos facer chegar a edición do "Documento de traspaso da salgadura por parte dos coengos de Iria e os comerciantes de Padrón aos comerciantes do porto do Carril, asinado en 1492". Trátase dunha edición numerada feita pola Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón. A trascripción débese a María Luz Ríos Rodríguez. Moitas grazas.Alén de interesante desde varios puntos de vista, o documento certifica que no ano do descubrimento da América o pobo non lle puña artigo ao nome de Padrón e si ao do Carril. Así ocorre na actualidade aínda que no pasado houbo intentos de lle pendurar o artigo a Padrón e hoxe quérese que O Carril o perda. Aí estamos.

Compartir el artículo

stats