Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O erudito de Bubadela

Introducción á escrita de don Mauro Castellá Ferrer

Castellá Ferrer, gravado por Diego de Astor. // Cortesía da Biblioteca Penzol (Vigo) e do Repositorio Institucional da USC

Naceu e morreu (1567-1615), contemporáneo de Cervantes, en Bubadela ou Bobadela, freguesía posta nunha riba do río Sorga, non lonxe de Celanova. Hai este Sorga, que é afluente do Arnoia, e mais hai outro Sorga afluente do Ródano, quero decer o de René Char e Francesco Petrarca. Segundo a hipótese inquedante de Krahe, todos os Sorga, Arno e Arnoia, Avia e Avon de Europa son familia prehistórica. Mauro Castellá Ferrer naceu (parece) nunha casa que chegou aos nosos días como propiedade dos Taboada de Tor. Estes tamén teñen, onda a Fonte Trigal de Celanova, un pied-à-terre que utilizaron moito para pasaren as feiras e festas das Marzas no século XIX.

Na súa Historia del Apóstol Santiago, etc. (1610), Castellá faise retratar con peito de armas ao estilo de don Juan de Austria e barba algo ao xeito perillán de Garcilasso. Empuña a pluma, pero a orla amosa unha cita da arma de artillaría. No chefe do retrato, a imaxe de Teresa de Ávila indica que, pesia aos rexoubes, Castellá non conspiraba contra esta santa. No retrete de campaña no que se enmarca o torso de Mauro, pendura un cadriño de Santiago escarnizando na mourindade a sabor. As profusas armoiries reférense en chave heráldica á fidalguía do escritor, comezando por Castellá (por veces con acento grave): un castelo con tres torres vixías en campo de goles que el chama simplemente "colorado". Logo, as armas dos Martín e dos Bóveda, que correspondían ás castimonias galegas da nai de Castellá Ferrer. Non falla un encaixe con flores de lis, coma as do rei de Francia ou aquelas que ían briosas no navío de Gómez Chariño.

O pai, catalán enigmático, e maila nai, herdeira no val do Sorga, mandaron a Mauro aos xesuítas de Monterrei e ao colexio de Ribas de Sil, porque en Celanova non había estudio. Logo Mauro botou dez anos recibindo abundancia de humanidades en Salamanca. El chúfase de que aproveitou moito de diversos profesores, entre os cales figuraba un Frei Luis de León que xa saíra da cadea e que prometera deixar para sempre o "coro aureo" e mailos patetismos panteístas e platónicos, así como a preferencia bíblica luterana. No ano 1588 Castellá ponse a servir o rei Filipe II na "jornada de Inglaterra". Xa licenciado Mauro, o rei considerouno coma un veterano respectábel e nomeouno "cabo del Estado de Celanova y distrito de Orense", emprego que non sabemos ben en que consistía. Por parte, Filipe II xiroulle 1.000 ducados para axudalo na edición, feita a expensas propias, da Historia del Apóstol. A obra verá a luz en Madrid, no obradoiro de Alonso Martín de Balboa, o ano 1610.

Na Historia non só o de Bubadela acumula erudición sobre Santiago. En todo caso, o espírito católico que informa a obra, moi do tempo de Filipe II, contrasta co escepticismo anti-apostólico que observabamos en Xohán Rodríguez da Cámara en tempos non moi anteriores. Sen embargo, Castellá amosa con frencuencia un bon sentido crítico, maiormente en cuestións arqueolóxicas referidas a Galicia. Por sorte, as páxinas da Historia non versan só sobre o Apóstolo e as súas vicisitudes fantásticas en Hispania e en Campostela, de vivo e de morto. Discorren sobre moitas outras cousas curiosas, relacionadas con Galicia e Portugal, e con Celanova en particular.

Especialmente temos en memoria a acertadísima interpretación que dos nosos castros fai Castellá Ferrer. Admíranos a súa pormenorizada descripción da escultura dun guerreiro galaico. Nela anticípase a toda a arqueoloxía nosa contemporánea. Trescentos anos antes de Martins Sarmento, Castellá Ferrer ocúpase ao pormiudo do grande castro de Briteiros e consigna que os paisanos da zona lle achaman Citádia ou Citánia, aínda que o de Bubadela non poido resistirse á fábula que sitúa San Torcuato ou Trocado por aquelas partes da Gallaecia. "A non ser que ao mesmo tempo houbese máis dun bispo Trocado", di con humor Castellá Ferrer para arranxar o problema dunha ubicuidade que compromete o "varón apostólico" con Ierusalem, con Guadix, con Santa Comba do Limia e con Briteiros.

E como non lle estarmos agradecidos a Castellá sendo como el foi o primeiro en escribir o nome do Xurés nun libro e en citar alí as agullas da Fontefría ou as Grallas de Araújo? Como ignorar que foi este erudito o primeiro que estudou a igrexa de Santa Comba (el escribe Coloma) mal chamada hoxe "De Bande" e o primeiro en situar ben Aquis Querquernis? E así poderiamos seguir gabando a curiosidade histórica e arqueolóxica do erudito de Bubadela. Entre varias outras utilidades intelectuais, a Historia del Apóstol Santiago préstanos a de dar conta de restos artísticos e históricos, como é o caso da igrexa conventual románica de Celanova, que hoxe desapareceron para sempre. Por todo isto e por moito máis, no Fondo dos Espellos síntese a necesidade de que a historia de Castellá Ferrer sexa reeditada criticamente e á luz dos coñecementos históricos actuais.

CAIXA POSTAL

  • "Aprezado Sr. Méndez Ferrín, hai algún tempo lin na prensa e vin polas redes comentarios sobre os candados do amor que os namorados enganchaban nunha ponte de París, e que tiraban despois a chave ao Sena. Lin que o concello mandou retirar os cadeados. Sabería Vde. decirme a orixe dos "cadeados" ou "candados" do amor? Grazas.Diana Castro MoureMadridDentro do libro de Xohán Rodriguez do Padrón, ou da Cámara, titulado Siervo Libre de Amor vai unha noveliña autónoma cuxo título é Historia de los amadores Ardanlier y Liesa. Esta obra literaria é de mediados do século XV, máis ou menos. O conto di que, en París, Ardanlier e Liesa amábanse, e que tamén Irena amaba a Ardanlier co permiso de Liesa. Trátase, pois, dun menage à trois ou trío erótico dun tipo que non é corrente na novela sentimental ou humanística de fin da Idade Media. E ben, Irena fixo fabricar un cadeado de metais e pedras preciosos. Axustouno e fechouno nun pulso, como signo de ser serva do seu amor por Ardanlier. Logo diulle a chave do cadeado a Ardanlier, como sinal do seu amor por el. Pasan moitas cousas no conto. Ardanlier mátase despois de que o pai del asasinase, por ciumes, a Liesa. Irena, co cadeado no pulso, consagraría o resto da súa vida ao culto dos amantes Ardanlier e Liesa nunha sorte de templo subterráneo fantástico situado en Padrón. Terá algo que ver o cadeado de Irena, filla do rei de Francia, cos cadeados que os amadores actuais fixaban no Pont des Arts e que retirou o consistorio?Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats