Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Celanova previa

Desaparecido todo vestixio románico da abadía, a actual Celanova monumental está formada por obras dos séculos XVI, XVII, XVIII, sumamente valiosas e, nalgún caso, mesmamente espectaculares e pomposamente contrarreformistas

X.L. Méndez Ferrín

Procuraremos hoxe no Fondo dos Espellos unha primitiva Celanova que aínda non se transformara en vila literaria.

No ano 935, Froila Gutérrez, irmán de quen sería San Rosendo, ordenou de lle doar a este unhas posesións situadas entre o río Sorga e a aba do Monte Leboreiro, no reino de Galicia. Nesta propiedade Rosendo fundou un mosteiro ao cal lle chamou Celanova. Segundo unha opinión consolidada, chamoulle á fundación Celanova en memoria da súa natal Cela, que se encontra non lonxe de Santo Tirso e do Porto. Rosendo nacera en Cela e en Celanova renacería como home de relixión, alén do político e posesor que era.

Entre os anos 878 e 985, a familia de Rosendo exerceu o poder en Galicia seguindo unha liña estratéxica que, de N. a S., nacía no vello Mondoñedo e morría en Coimbra, con ramais a Poente e a Oriente. Celanova era o núcleo rector dese eixo. Rosendo Gutérrez, abade de Celanova e tamén bispo de Mondoñedo, de Iria e da diocese ideal de Dume, brillou en política. Celanova, en canto capital da feudalidade galega, durou até o intre en que Pedro Mezonzo acadou a mitra de Iria e a administración do sepulcro apostólico. A familia dos Présaras entón fíxose hexemónica.

O que non impediu que, co paso dos séculos, Celanova non parase de acumular bens. Reproducíase Celanova en ducias de granxas e prioratos. Posuía vilas, viñas, pumares, muíños, saíñas, pesqueiras, illas atlánticas, predios urbanos, montes e fontes, na Galicia administrativa e en parte do que hoxe é Portugal. Eran súas terras de explotación directa, con man de obra servil ou escrava, e unidades cedidas en réxime de aforamento, enfiteuse, censo, colonato. Celanova concentrou, durante novecentos anos, un poder económico superior ao de calquera casa nobre laica, e superado unicamente, entre os señores eclesiásticos, polo poder da mitra arcebispal da Compostela posterior a Xelmírez.

A principios do século XVI, e dentro da política das rexencias de Cisneros e Fernando o Católico, a abadía de Celanova perdeu a independencia e foi sometida a San Benito de Valadolide. O mesmo ca outros conventos e colexiatas de Galicia, Celanova foi intervida polos poderes de Castela nun acto que ninguén valorou como é debido no relato histórico do sometemento de Galicia. Mesmo neste réxime de subalternidade, Celanova foi capaz de detraer recursos para executar riquísimos monumentos que chegaron intactos, e aínda mellorados pola restauración contemporánea, aos nosos días.

Da Celanova do século X só nos resta o túmulo ou sepulcro de Froila (capela de San Miguel), edificación de proporcións perfectas que estudou matematicamente Xosé Benito Reza. Desaparecido todo vestixio románico da abadía, a actual Celanova monumental está formada por obras dos séculos XVI, XVII, XVIII, sumamente valiosas e, nalgún caso, mesmamente espectaculares e pomposamente contrarreformistas. A derradeira grande obra conventual, a muralla da Coutada, é só vinte anos anterior á Desamortización e Exclaustración que acabou coa Celanova monástica. A Celanova monástica estaba morrendo e seguía edificando.

Sen embargo, a comunidade monacal de Celanova non produciu, en tantos séculos, obras literarias ou científicas ou filosóficas de valor. O Padre Sarmiento, a raíz da súa viaxe a Celanova, criticou a pobreza da biblioteca e censurou o desinterese intelectual daqueles frades que, coma el, eran bieitos.

O caso é que nos anos trinta do século XIX esta Celanova cuase milenaria que acabamos de evocar, afundiuse para sempre e sen posibilidade de reconstrucción. Os bens de todo tipo foronlle expropiados e todos os seus valores entraron no libre mercado. Os monxes dispersáronse e o concello constitucional pasou a ser protagonista dunha vila burguesa e artesá que nacía daquelas ruínas e que tamén quixo chamarse Celanova. Disto habemos tratar en sucesivas entregas extraídas do Fondo dos nosos Espellos.

En todo caso, non podemos esquencer que na freguesía de Orga, non lonxe de Celanova mais procedente dunha familia sen relación co mosteiro, nacía, ao parecer en 1567, Mauro Castellá Ferrer, graduado en Salamanca e autor dunha interesante obra titulada Historia del Apóstol Santiago, etc. (1610). Sábese pouco deste autor e, desde logo, ignórase a razón de el levar apelidos cataláns. Decididamente, Mauro foi un dos autores galegos que souberon defender, ao seu modo e maneira, un declinante Reino de Galicia que amaban. Desde ángulos diferentes, e desde clases sociais diversas, Castellá Ferrer e o conde de Gondomar representaron formas radicais de orgullo e dignidade galega. Na Celanova literaria, Mauro Castellá Ferrer ocupa un sitio precursor e presidencial. Fixo carreira militar.

CAIXA POSTAL

Sobre transporte de ursos

  • "Un veciño que vive como a un Km. de eiquí (Costa do Freixo) nun lugar co nome de Aldea de Riba (antes decíase Enriba) e que conta cásique noventa anos, a pesar do cal conserva o seu peito cuberto dunha fina e tupida herba, sempre verde? Desculpe, sr. Ferrín, quero decir que tén unhas ganas de facer (pronunciamos a miudo, anque non tanto como antes; faguer) cousas con individuos de xeracións máis novas. Este humano contoume como ían dende aquí hasta a Arnoia, cos carros da herba tirados por bois. Pra vendela, claro. E iso polos camiños que terían daquela. A min pareceume casi que unha aventura no Amazonas. Pero si, facían como "expedicións" entre varios e acarrexaban a herba hasta alá. Non me parece máis doado que percorrer Galicia cun urso na carreta".Un correspondente da Caniza, que non quer que eu lle poña aquí o nome, mándame unha longa e interesante carta na que se trata de diversos asuntos. Un está relacionado co urso e co nome que o urso levou e debe levar en Galicia, sobre o que xa temos discurrido no Fondo dos Espellos.Hai probas documentais de que urso, e non oso, é como se chamaba esta especia vulgarmente no Caurel do século XIX, onde foi moi cazado segundo relatos da familia de Novoneyra e de Victor López Seanen. Segundo o meu correspondente da Caniza, a súa nai e mais eu, nados ambos en 1938, vimos e admiramos o mesmo urso, que exhibían uns ciganos "ursatori" polas cidades e vilas de Galicia nos anos cuarenta. Aquel animal baillaba ao son dun pandeiro e recibía o nome de Felipe, coma varios reis de España.Aqueles tzíngaros ou ursatori ou xitanos europeos do Leste especializados en domesticar animais non se movían, lémbroo eu, polos vellos camiños polos que rousaban carros do país nos que os da Caniza levaban á Arnoia a herba para a vender. Non o farían, porque aqueles Rom viaxaban e vivían en "roulottes" de eixo de ferro e rodas de radios o que só lle permitía transitar, tirados por cabalos, polas carreteras ou estradas. Como levaban o urso Felipe? Eu coido que o animal ía a patas, igual ca os cans daqueles nómades.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats