Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os grandes amadores de Padrón

Macías foi un Tristán que non diu atopado o seu Wagner, segundo comenta Valvuena Prat. O relato da súa morte aparece moito na literatura castelán do chamado século de ouro e no Romantismo

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Nunha franxa indecisa entre o noso Trecento e o noso Quatrocento situamos dous grandes vultos poéticos orixinarios ambos dese Padrón que é vila literaria onde as haxa. Un é Macías o Namorado; outro Juan Rodríguez del Padrón ou de la Cámara. Citaremos este segundo, pola breve, coma Cámara. Macías é un dos darredeiros poetas medievais en lingua galega. Cámara, o primeiro escritor de Galicia que non quixo usar da súa lingua aínda que se lle resistían palabras coma dona por "dueña" e trabar por "morder". Miserias da castrapización que ainda sobrevive hoxe en Galicia! Cámara é coma o condestabel Don Pedro de Portugal.

Hai un Macías trobador real e un Macías fabricado en lenda. O real, escribiu uns versos nos que se presenta el mesmo coma un can doente. Hai unha tradición que, atrevidamente, fai remontar o tópico até o provenzal Peire Vidal. "Can rabioso é cousa brava,/ do seu señor sei que traba". Concorre en Macías a rareza de el ser o só poeta galego capaz de introducir nos seus versos un treito en arameo. Co cal, alpeira moito e, mesmo funda, as relacións, que aínda existen, entre Herbón e o universo cultural semítico. Ou polo menos diso nos fala Henry R. Lang.

Disque Macías foi asasinado polo marido da súa dona, co cal paso a se convertir en mártir reverenciado e prototipo do amor adulterino, ou fino amor que Gaston Paris batizou a principios do século XX como "Amour Courtois".

Macías foi un Tristán que non diu atopado o seu Wagner, segundo comenta Valvuena Prat, sempre tan xeneroso e galeguista. E ben, o relato da morte de Macías aparece moito na literatura. De primeira xa na obra de Cámara (vede arriba), e logo nas letras casteláns do seu chamado século de ouro e no Romantismo. Resalta a figura de Macías nun romance e nun drama de Mariano José de Larra.

Antes falei do can doente na poesía de Macías. Semella que o seu viciño e admirador Cámara o imita un pouco, a non ser que fosen ambos ventar o tema en Peire Vidal. Escribe uns versos terribeis, Cámara, que sorprenderon o sabio liberal-conservador Marcelino Menéndez y Pelayo. Di Cámara (ou Padrón), facéndose o can por mor dos amores desgrazados, agora en castelán con alguna reminiscencia que nos fai cheirar o angazo: "Ham, ham: huid, que rabio€" Martínez Barbeito mirou nestes versos unha amósega da tendencia galega á licantropía que el mesmo, basándose no caso de Allariz, levou á novela.

Pero nin Macías, nin Cámara, nin Peire Vidal foron para nada lobishomes. Sexa verdade ou fábula padronesa moi extendida, Cámara peregrinou a Xerusalén (non a Compostela) e terminou (por desencontro de amores máis ou menos corteses) de frade en Herbón, no val de Iria a un lado. É bárbaro de ver que Cámara viaxou (e instruiuse) como criado do cardeal Xohán de Cervantes e que Miguel de Cervantes, moitos anos despois, había facer o propio ao servizo do non menos cardeal Acquaviva. Nada hai de cervantino, tamén sería boa, na obra narrativa de Cámara ou Padrón€ Fragmentos de mitoloxema configuran un mosaico no retrato de Cámara. El plantaría a primeira palmeira de Galicia no convento de Herbón e introduciría, alí e en Carcacía, os pementos minúsculos. Palmeiras e pementos procedían, coma o arameo de Macías, de Palestina e Siria.

Pasados moitos anos (anos coma area), Ramón Otero Pedrayo, exiliado na súa propia terra, escribiu unha densa novela sobre a vida de Xohán Rodríguez de Padrón ou da Cámara: Las palmas del convento (1941). Podemos evocar o tempo de Cámara e Macías lendo páxinas da novela de don Ramón nas arruínas da Santa Mariña de Cambados ou ben na aula capitular do convento de Oseira, que imita, en pedra, un palmeiral.

Cámara, alén de poeta presente en todos os cancioneiros casteláns do século XV, foi un prosista, nesta mesma lingua, barroquizante, abundancial e con tendencia moi acentuada ao relato fantástico relacionado co romance de cabalaría. Escribiu varias obras en prosa, mais consideraremos apenas unha delas, extraordinaria: Siervo Libre de Amor. En realidade, imos sacar do Fondo dos Espellos unha "noveliña" que aparece con carácter propio dentro desta obra e que ten como título o seguinte: "Historia de los dos amadores Ardanlier e Liesa".Tense dito que Cámara segue neste texto sorprendente o camino marcado pola Fiammetta de Boccaccio. Pero se cadra Xohán Rodríguez da Cámara, debera ser considerado como un autor distinto a todos os seus contemporáneos e, en certos aspectos, sen antecedentes coñecidos. Trataremos do asunto no Fondo dos Espellos.

CAIXA POSTAL

  • "Un grupo de traballo afeccionado á historia contemporánea galega, que se reúne en Londres, acordou dirixirse a vostede para preguntarlle sobre o chamado Lazareto de San Simón. Sobre todo de onde vén e que significa a palabra "lazareto". Ata agora o que temos comentado foi, principalmente, sobre a época en que na Illa de San Simón (Redondela) houbo unha prisión franquista de exterminio. Moitas grazas."Grupo de Lectura Histórica"López Ferreiro" (Londres)A Illa de San Simón ten unha historia moi rica e, por veces, relacionada coa morte e coa doenza. Un dos usos que a illa tivo, antes de se converter en prisión franquista, foi o de lazareto.Alí instalouse un lazareto (no sei en que momento); entendo por tal un lugar onde os barcos, coas persoas, mercadorías e animais tiñan que permanecer en isolamento médico (orixinalmente de 40 días) chamado "cuarentena" sempre que procedesen de países nos que se supuña posibilidades de contraer certas doenzas contaxiosas. Os barcos arboraban o pabillón amarelo de código "quarantine" e quedaban inmovilizados no citado réxime. Outra aceptación da palabra lazareto é a de "leprosería" ou hospital para leprosos e doentes de males considerados irrecuperabeis e contaxiosos. Coñécese a historia do Lazareto de San Simón en canto lugar de cuarentena. Persoalmente, eu, que non estudei o asunto, ignoro se na illa houbo ou non centro de concentración sanitaria de leprosos.A palabra vén do italiano lazaretto, que se extendeu por Francia, Portugal, Inglaterra, España e Alemaña nos séculos XVI, XVII e XVIII. Parece ser que tén a súa orixe nunha illa (coma a de San Simón) de Venecia chamada Santa María di Nazaret cun hospital que foi moi famoso. Despois contaminouse do nome propio de Lázaro, que tamén pasou a designar ao leproso. É curioso que na Alemaña, a palabra Lazarett consérvase como "hospital militar" en canto que, para o uso derivado do control internacional das pestes e doenzas mediante cuarentena, adóptase Quarentänstation. En todo caso a palabra lazareto figura no Gran Xerais e nos bos diccionarios galegos.No límite dos concellos de Cangas e de Moaña existe o Camiño do Lazareto. Fíxomo frecuentar o poeta, narrador e dramaturgo Bernardino Graña, vello amigo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats