Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O corredor que aman as garzas

Republicano, utopista, hixienista, ceibe, Xosé Hermida abriu as Torres de Hermida para alí celebrarse a xuntanza democrática nacionalista que pasou á historia como Paco de Lestrobe

Torres de Hermida, onde republicanos e nacionalistas de toda condición fundaron en 1930 a Federación Republicana Galega (FRG) tras de asinaren no salón principal o que a Historia coñece como Pacto de Lestrobe. // FdV

Entre as vilas literarias de Rianxo e de Padrón alóngase un territorio de comunicación e tránsito que as une nunha e noutra dirección. Chamámoslle Corredor de Dodro porque a zona ocupa o termo municipal que recibe tal nome. Concello e parroquia de Dodro, pois, e as dúas freguesías chamadas Laíño. Sen esquencermos o adensamento de poboación grande, que é Lestrobe, e as aldeas pequenas, atal Dodriño ou Vigo. Por cima do Corredor de Dodro vai Barbanza, coas vacadas e as greas de bestas de pura raza galega. Logo veñen as veigas, as curtiñas, as casas soltas onda as que a viña e o millo se combinan con talleres fabrís. Aínda máis abaixo están as brañas senlleiras, coas súas escorellas misteriosas. E, por fin, o Corredor de Dodro resulta humedecido por un dos ríos maiores de Galicia: o Ulla. Polo Ulla arriba e abaixo utilizan os máis famosos peixes as augas meo salgadas para se mover. Eles son as bogas, os escalos, as troitas mariscas, a samborga ou o sable, a sabella, a lamprea. Seguramente soben polo Ulla carreiros de meixón; farán tal, aínda que non sexan detectados pola cultura pescadora local. Belo país, o Corredor de Dodro, que se sitúa no que un día Borobó, Faustino Rei Romero, Máximo Sar, Baldomero Isorna e outros ilustres denominaron, para horror de Otero Pedrayo, "O Ullán".

O centro literario e histórico do Corredor áchase situado nas Torres de Hermida, ou da Durmida, da familia de Rosalía de Castro, onde ela pasou moito tempo e foi feliz. A Durmida está en Lestrobe. Alí, pola Trabanca, termina o Corredor e escomeza Padrón. En 1930 vivía na Durmida Xosé Hermida, curmán de Rosalía. O home era un fidalgo "da máis limpa pobreza", como dixera Castelao. Republicano, utopista, hixienista, ceibe, Xosé Hermida abriu as Torres para alí celebrarse a xuntanza democrática nacionalista que pasou á historia como Pacto de Lestrobe.

Nós sempre imaxinamos o Corredor invadido pola poalla, e isto ocorre por culpa d´ela, que sempre nos está: "Como chove miudiño/ como miudiño chove/ pola banda do Laíño,/ pola banda do Lestrobe."

As vilas literarias considéranse poboadas por autores defuntos. É mágoa que así sexa e non poidamos tratar como é debido agora de Anxo Angueira, quen iluminou a Terra de Iria toda desde a súa atalaia de Manselle e definiu isto que estamos a chamar o Corredor de Dodro.

Sempre recordo Imo, potenta aldea dun dos Laíño, cos seus camiños teiteados de latas follosas cos bacelos de "albariñas uvas". De alí viña e alí sepultaron Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975). El era un xove dirixente da UPG nos días derradeiros de Fanco. Matáronno os Grises a tiros nun portal de Ferrol cando o dictador apodrecía vivo. El escribiu informes e artigos precisos, que hoxe constitúen fontes documentais para a Historia de Galicia. Pode lerse n´A Trabe de Ouro un diario da revolta viguesa de 1972 escrito con estilo duro e firme polo querido Reboiras. Nado en Imo foi Avelino Abuín de Tembra (1931-2009) de quen eu lin de rapaz cativo as crónicas que el lle enviaba ao Faro desde Lisboa. Avelino estudou os muíños de auga (non os de vento de Catoira), participou no Pedrón de Ouro, foi orador democrático e patriótico, e poeta de raigame existencialista nun galego ricaz e vivo. Casa e terras en Imo tiñan os de Aguirre, segundo me explica moi ben X.L. Axeitos, aínda que Luis Aguirre del Río (1842-1866), poeta e autor dun dicionario galego que editou Carme Hermida, parece que naceu en Lestrobe, sempre no Corredor. Outro Aguirre, Sixto, foi asasinado en 1936 canda o alcalde de Santiago Ánxel Casal. Serían os Aguirre do Corredor familiares de Aurelio Aguirre, o malogrado lírico compostelán e amigo de Murguía e de Rosalía de Castro?

No outro Laíño naceu Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1986). Este foi un poeta moi querido e aprezado entre os mozos da súa xeración, e non só. O nome de Eusebio figura na nosa memoria cultural asociada á fondura dun lirismo humanista que non renuncia nin á dicción formal sen mácula nin aos efectos radicais de verdade. A morte do poeta novo aínda doe, como doen as tamén temperás de Manuel Antonio, Moncho Reboiras, Brea Segade, Aguirre del Río, que andaron moito o corredor de Rianxo a Padrón e viceversa.

Pola banda de Laíño, que é a mesma ca de Lestrobe, ou sexa polo Corredor de Dodro, circulamos sempre con reverencia pois algunhas das palabras máis intensas do noso idioma literario foron destiladas naquel territorio fluvial e apacíbel que tanto aman as garzas. Estou seguro de que, ao se articularen legalmente as sete vilas literarias de Galicia, o Corredor estará dobremente presente, así en Padrón coma en Rianxo.

Manises

  • "Amigo doutor Ferrín, lin no Faro de Vigo un interesante artigo do señor Carlos Prado, de Ecovigo, no cal se menciona que ao "cacahuete" en Vigo acostumamos a chamarlle "manís". Pode explicar o asunto?"Carme Xacenda CouñagoS. Vicente de TrasmañóCertamente, a palabra cacahuete e a palabra manís son de orixe americana. Cacahuete procede do nahuatl, que é unha lingua precolombina de México felizmente viva hoxe. Manís está tomada da lingua taína de Haiti, na illa de Santo Domingo, segundo nos informa Joan Corominas. Os indíxenas de Santo Domingo, de Cuba e das illas do Caribe foron exterminados polos colonizadores españois, holandeses, franceses e ingleses, e repoboadas con escravos roubados en África.O que a nós nos interesa agora é o feito de que en Galicia, e moi especialmente na cidade de Vigo, a forma propia de lle chamar a ese froito que consumimos seco é manís. Podería pensarse que isto se debe a que tal é a denominación que triunfou en Cuba, e Vigo, moi especialmente, mantivo no pasado unha relación moi intensa con aquela provincia de ultramar española que longo se independizou exercendo o dereito de autodeterminación que asiste a todos os pobos do mundo. Tal vez, o éxito dunha canción cubana titulada "El Manisero", que se inspiraba nos pregóns dos vendedores de manís nas rúas das cidades cubanas, influíra no triunfo en Vigo e en Galicia da palabra manís. Os portugueses empregan amendoim, palabra que, a pesar do seu aspecto relacionado con améndoa, parece ser que tamén procede dunha lingua amerindia, neste caso tupí-guaraní. Obsérvese que, no Ourense dos anos cuarenta do século XX, os nenos usabamos a forma cacaués/ cacaueses, aínda que tiñamos noticia de que tamén se podía decer manís/manises.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats