Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Dentes e ferraduras: a egua galega e os clásicos casteláns

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Mirábamos no Fondo dos Espellos como Cervantes facía aparecer no Quixote (I,15) as nosas bestas nacionais chamándolles con sumo respecto "señoras facas". Mal sabía Cervantes que el estaba a adiantar certos modos irónicos de Álvaro Cunqueiro! O caso é que o episodio do Quixote no cal as facas galicianas rexeitan os achegamentos de Rocinante a dentadas e a couces tivo moito éxito e creou, como Chad Leahy consegue demostrar, un modelo literario de certo tipo de moza galega de carácter e excelentes dotes morais ás que ían unidas as boas prendas físicas.

Contra a fin da súa vida, Lope de Vega (1634) diu a luz un libro titulado Rimas humanas y divinas del licenciado Tomé de Burguillo. Como a voga pessoana felizmente se esvaeceu no ar, xa non nos sentimos obrigados pola tendencia a usarmos o termo "heterónimo". Digamos, como se dixo sempre, que "Tomé de Burguillo" é un alter ego de Lope de Vega, quen campa no libro a penas como o seu colector ou "editor fictivo". Coinciden os críticos en considerar os versos de Tomé de Burguillo, en especial os de asunto profano e os sonetos, como impregnados de elocuencia, graza e bon humor.

Dado que, na realidade, Miguel de Cervantes Saavedra e Félix Lope de Vega Carpio andaron polo mundo ben contrapostos e enemizados, resulta interesante a interpretación que do "Tomé de Burguillo" fai Javier San José Lera ("Tomé de Burguillo o el triunfo del Quijote", Criticón, 100, 2007). Como os cervantistas son xente moi atarefada en lle remexer ao seu patrón así as intimidades textuais coma as externalidades biográficas, o doutor San José Lara, moi axeitada e finamente reinterpreta as Rimas humanas y divinas de que falamos coma un quixotesco, conmovedor e xeneroso recoñecemento de grandeza de Cervantes feito, tras a morte deste, por quen fora o seu detractor asañado: Lope de Vega. Interésanos examinar o seguinte soneto atribuido a Tomé de Burguillo (as enfatizacións son nosas):

"DESEA AFRATELARSE Y NO LE ADMITEN.- Muérome por llamar Juanilla a Juana,/ que son de tierno amor afectos vivos, / y la cruel con ojos fugitivos/ hace papel de yegua galiciana./ Pues Juana, agora que eres flor temprana/ admite los requiebros primitivos/ porque no vienen bien diminutivos/ después que una persona se avellana./ Para advertir tu condición extraña,/ más de alguna Juana de la villa/ del engaño en que estás te desengaña./ Créeme Juana y llámate Juanilla;/ mira que la mejor parte de España/ pudiendo casta se llamó Castilla."

Lope, desde o título á humorada do fin, certamente prepotente e imperial, máis ca o Carpe diem horaciano glosa o tópico infinito que se concita en tres palabras reunidas polo poeta romano tardío Décimo Magno Ausonio (310-393, arredor): "collige, virgo, rosas" ("colle, moza, as rosas"). Este lugar común considera a fugacidade da louzanía e incita a docela a se aproveitar da súa mocedade e a gozar, a poder ser co poeta, antes que a senectude asome, o seu feo rostro. Lope, nestes versos ensaia unha modulación leda e aldeá do tópico, que por un intre, e pola presenza da lareira rural, nos fai acordantes dun dos sonetos para Hèlene de Ronsard. E aí onde, de forma brutal e insólita, Lope compara a resistencia de Juana a entregarse coa resistencia que con ferraduras e dentamia lle opoñen as facas galicianas do Quixote ao probe de Rocinante no episodio dos yangüeses/galegos. Lope, dezanove anos despois de sair á luz a primeira parte do Quixote, réndelle homenaxe a Cervantes e converte as eguas galegas en materia literaria.

O xogo de palabras entre casta e Castilla, á luz das bibliografías paralelas e converxentes de Lope e Cervantes, expresa un agradecemento. Cervantes, a propósito de La Dragontea, refírese do seguinte xeito a Lope de Vega: "yace en la parte que es mejor de España/ una apacible y siempre verde vega". Esa "Castilla" privilexiada acolle unha amenísima "vega" que apelida a Lope. Este estalle moi recoñecido ao seu antagonista, o cal non impide que no mesmo soneto, o chamado Fénix renaza das súas cinzas e, dentro do tópico ausoniano, lle faga ver á rapariga cortexada que non cai ben o diminutivo (Juanilla) despois que unha persoa "se avellana" ou sexa "se fai anciá". Como non ver nesta escolla expresiva de Lope unha evocación envelenada do Quixote de Avellaneda que tanto fixera sufrir ao autor do Persiles? Veleiquí, pois un odio literario que sobrevive alén da morte; a pesar dos pesares.

En todo caso, as eugas de raza galega, famosas na Antigüidade, foron coñecer unha nova vida simbólica e literaria grazas á pluma poderosa, docta e amábel de quen se apelidou no século Cervantes e Saavedra.

CAIXA POSTAL

  • Chámanme por causa da morte de Carlos Bousoño, mente organizadora de teoría literaria e poderosa subxectividade. O seu apelido galego, suxería un adxectivo en función de alcume de vila. "Bousoño" virá de "bouza" e estará realacionado con "touza", con "toutizo", se cadra, con "bouzán". Eu aplícolle, no Fondo dos Espellos, o adxectivo "bousoño" as cousas como burras no monte, o xabaril que quería engalar (do Frías), o urso da Devesa de Moelos, o martagaño ou fuíña. Naturalmente, "Bousoño" é o lobo que leva a noite na boca no poema de Novo. Carlos Bousoño ouviu no Boal nativo cantar a gaita galega na música da "lluita", que se cadra el mesmo danzou. Foi criado á beira dun dos ríos e riaños que na Gallaecia leva o nome da nosa nai nutricia do paganismo: Navia. A pesar de ser discípulo de don Dámaso Frenético, este estudoso do galego de Asturias Occidental, e mesmo a pesar de ser primo de Benigno G. Braña, pai do galego Eo-Navia normalizado, Carlos Bousoño sofreu unha sorte de descastamento moito semellante ao que se autoinflixiu o chorado José Angel Valente. Vexo Bousoño na facultade republicana dos esguías ulmeiras, que dícía Otero. El non é profesor de alí: explica comentario de textos poéticos contemporáneos nas aulas dunha Universidade de Nova York que coloniza e ocupa a nosa. Destacan as rapazas norteamericanas, aínda de escarpín branco, saia acancanada, cola de cabalo: moi a ponto de partir aos círculos do rock-and-roll. Carlos Bousoño comenta en clase, como non, Vicente Aleixandre, e a nós, os intrusos, ábrenos un mundo. Fainos saber que nunca se escribirá nin dirá Weltanschauung, porque é gilipollas. A visión do mundo non é a doutrina nin a ideoloxía. O derradeiro underdog (dixo así para as dos escarpíns) está en posesión dunha visión do mundo propia á súa. Era Bousoño o mestre de recepción da tertulia en casa de Aleixandre, paréceme que os venres aínda que non estou certo. Alí me levou Carlos Saagún, que tamén aló o vai. Aprendín en grandes libros de Bousoño (Teoría de la expresión poética e La poseía de Vicente Aleixandre) cousas que levarei sempre dentro. Nesas, e noutras obras, o símbolo. Partindo de Dámaso Alonso, o símbolo que non é metáfora, que non é alegoría. E, sobre todo, a imaxe visionario como centro da expresión do noso tempo, marcando unha raia que divide a historia da poesía. Alí Bousoño superou Spitzer, non foi Vossler, supera a crítica estilística para exercer a Teoría. Non se ten reparado no feito de que nas obras teóricas de Bousoño se acha implícita unha Historia da Literatura, das Literaturas, que non chega a ser. Carlos Bousoño era poeta. Pero eu agora estou a evocar a súa voz clara e "decontractée", a súa difícil naturalidade, o seu braceo intensísimo, nunha clase de comentario de textos poéticos para alumnos de Nova York en Madrid. Séxalle a terra leve a Carlos Bousoño. Vicente Aleixandre é materialista.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats