Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Señoras facas"

Chad Leahy fabrica a teoría de dous estereotipos que o españolismo imperial xerou sobre a muller galega: o da bela virxe resistente aos requerimentos sexuais dos varóns e o da muller moi fea e bruta que entrega o seu corpo sen límite a todo o que queira "refocilarse" nel

Ano 1926. Compadres galegos van á feira ou veñen dela montados en facas galicianas ou cabalos de raza galega. Levan senllos puxos contra o cobertor da albarda. // Foto: Ruth Matilda Anderson. The Hispanic Society, NY

Leo un ensaio destemido que me fai chegar o antropólogo Manuel Cabada Castro, autor dun libro, A rapa das bestas de Sabucedo, que está a reclamar con urxencia a súa reedición. O ensaio titúlase "¿Lascivas o esquivas? La identidad geográfica y sexual de las yeguas gallegas en Don Quijote I,15", in Cervantes:Bulletin of the Cervantes Society of América. O autor é un profesor da Villanova University que parece comprender moi ben a subalternidade e dependencia de Galicia no século XVII. Chámase Chad Leahy.

Como temos dito moitas veces eiquí, a única raza equina que se menciona no Quixote, e case seguramente en toda a obra de Cervantes, é a raza do cabalo galego. Chead Leahy fainos acordantes daquel capítulo do Quixote (I,15) no que Rocinante intenta cubrir (até entón o lector non sabía que era cabalo colludo) unhas bestas galegas, cousa que estas, adamadas polo autor de "Señoras facas", lle non permiten en absoluto. O episodio, brutal e bufo, sérvelle a Leahy para poñer en relación simbólica a esquivez de Marcela, personaxe moi espiritual que pasa polo capítulo anterior do Quixote, e a caricaturesca figura da Maritornes que acciona no seguinte capítulo. Así, Chad Leahy fabrica a teoría de dous estereotipos que o españolismo imperial xerou sobre a muller galega. Un, o da bela virxe resistente aos requerimentos sexuais dos varóns que non lle interesan. Outro, contraposto, o da muller moi fea e bruta que se entrega o seu corpo sen límite a todo o que queira "refocilarse" (así se le) nel. A construcción de Leahy coxea de dous pés: nin Marcela nin Maritornes aparecen no Quixote como mulleres galegas nin a esquivez das "señoras bestas" se debía a outra cousa que á ausencia de celo no intre no que se aproximou a elas o infeliz de Rocinante. As bestas galegas no Quixote non estaban cacheiras ou hormonalmente receptivas.

E que é o que nos di Cervantes, ou mellor, Cide Hamete Benengeli, no capítulo 15 do primeira parte do Quixote?

Pois que Sancho e o Cabaleiro decidiron descansar na hora da tórrida sesta manchega nun locus amoenus pastoral, tópico e idílico, dos moitos que enchen as páxinas da obra superpostos aos camiños poeirentos e ás vendas sórdidas de La Mancha. Certo que outro tópico dos que foran identificados por E.R. Curtius, o do locus epicus, fraguento, soedoso e apenedado, tamén revela a súa escenografía aquí e acolá no Quixote, longa narrativa itinerante en procura daquelas luces da razón que só brillarán ao final da vida de Alonso Quijano (ou Quesada ou como sexa) moi afectadas pola malenconía.

Sancho e don Quixote, pois, dispóñense a descansar naquela sombra e naquel recanto bañado con ruído polas limpas ninfas dunha corga. O fariñeiro do rústico e o cabalo do señor, cuxa imaxe dentro de nós é máis a diseñada por Gustave Doré que a verbalizada por Cervantes, póñense a pacer na panasqueira. E velaí que no lugar ameno había tamén outra xente e outro gado. Trátase dunha compañía de arrieiros que son identificados na edición príncipe como galegos pero que, noutras edicións, nun deses simpáticos descoidos cervantinos, poden figurar como yangüeses, ou sexa suxeitos procedentes de calquera das dúas localidades que en España reciben o nome de Yanguas.

Ceibaran os galegos (ou yangüeses) un fato das que, no relato, serán sempre "facas" ou "hacas galicianas". Éntralle a Rocinante o proído venéreo e venlle louzanía coa vista e o cheiriño das bestas, ás cales se bota arreitado. As bestas ou facas galicianas non aceptan a Rocinante, antes o rexeitan a dentadas e a couces. Sábese que o Rucio de Sancho foi situarse, prudentemente, á marxe do conflito. Alertados, os arrieiros galegos actuaron como o que na Moraña do século XIX se chamaban "xente da tralla". Mallaron sen dó no probe de Rocinante (máis unha vez o trazo caricaturesco de Doré despraza a prosa cervantina), con contundencia tal que deixan o cabalo deitado sobre o panasco. Acode furioso don Quixote, espada en mao, e aínda lle mete un corte brioso á cota de coiro dun arrieiro. Bátese tamén Sancho Panza, pero señor e escudeiro resultan tundidos a estaca e varapau arrieiro. Partiu a recua e a cuadrilla dos galegos, e quedaron don Quixote e Sancho moídos e fora de combate. Puxéronse eles a falar e a facérense consideracións varias para aumentarlle verba ao capítulo, até que diron, como non podía ser doutro xeito, cunha venda na que serían curados e reconfortados. Pero iso daría paso a outra aventura burlesca na que ha ser personaxe principal a fea e lasciva Maritornes, que non é caracterizada como galega senón como asturiana, do mesmo modo que Marcela pertence realmente á condición apátrida das donas ideais.

As bravas facas galicianas non amosan, como xa observamos, unha especial castidade a respecto de Rocinante. Simplemente elas non estaban cacheiras. Pero, con todo, entende Leahy que este episodio foi rendedoiro e contribuíu a que fraguase ao longo da historia da literatura castelá o lugar común dunha moza galega de natureza brava e indómita e dificilmente acadábel por determinados pretendentes. Chad Leahy encontra personaxes femeninos que se axeitan a tal tipo en Tirso de Molina, en Lope de Vega, e noutros autores que a Monarquía española hoxe despreza.

Os enigmas cervantinos

  • "Señor Ferrín, hai uns meses andaron escavando en Madrid en procura dos restos mortais de Cervantes. Agora proliferan obras cervantinas, especialmente Don Quijote de la Mancha, en versións actualizadas ou modificadas para o lector actual. Estase a prepararos a celebración dos catrocentos anos deste autor".Breogán Eiró SagasetaMadridEu non penso que sexa posíbel dar definitivamente e de maneira inequívoca cos ósos de Miguel de Cervantes. Todo o barullo que se levantou sobre ese asunto foi revoldaina propagandística. Sempre houbo adaptacións infantís e xuvenís, cine, teatro, e mesmo ópera e bailado que tiveron como argumento o Quixote. Eu mesmo, de neno, fixen colección de cromos do Quixote, e completei o album. Daría calquera cousa por telo agora ao alcance da miña mao. Coido que aquela colección marcou nos nenos que a fixemos fondamente o argumento da novela, e foi un primeiro paso para nos introducirmos nela. Coido que, como ocorre con toda obra literaria, o desexábel é ler o Quixote na súa lingua e na súa redacción orixinaria. A miña experiencia como profesor de bacharelato levoume a prescribir aos alumnos a lectura do Quixote, e tamén das Novelas ejemplares. A maior dificultade do primeiro son as pasaxes nas que o autor ridiculiza a lingua pedante e arcaizante dos libros de cabalería. Con boas notas a pé de páxina pódense resolver as dificultades que lle xordan a calquera coñecedor da lingua castelán do noso tempo, esta moi semellante á usada no tempo de Cervantes. Persoalmente non lle dou aprezo ningún a unha adaptación total do Quixote á lingua castelá do noso tempo. Adaptación que sería tan imposíbel nos pasaxes nos que Cervantes fai burla da prosa das novelas cabaleirescas coma na actualización de palabras referidas a cousas cotiáns e básicas que hoxe non existen. Cómo se adaptaría ao castelán actual, por exemplo, o réxime de comidas de Alonso Quijano na que se inclúen pratos como poden ser "duelos y quebrantos" que ningún cervantista coñecido pode elucidar con certeza e que carecen de correspondencia na dieta actual dos habitantes do Mundo e de La Mancha? É só un caso. Ler o Quixote tal e como foi escrito, cun bon diccionario castelán ao alcance da man, é o meu consello.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats