Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Da Estrela e da Illa

Con moita frecuencia os Grises disolvían con violencia e a golpe de porra grupos e masas de xoves interrumpindo o canto de "Venceremos nós"

Xaime Illa Couto (á dereita) cun compañeiro da Mocedade Ultreia. // Fundación Illa Couto

Entrei na exposición que conmemora os cen anos do nacemento de Xaime Illa Couto, aquel que rubricaba coa estrela de cinco puntas. Diume na alma a cántiga Venceremos nós, que soaba moi ben na sala da Casa Galega da Cultura, Vigo. Foi Illa quen ordenara de editar en Galaxia, asociada coa EDIGSA, varias cancións de repertorio universal en galego. O intérprete foi un descoñecido Luis Oliveras e toda a producción, catalana. Así naceu en galego, con traducción de Franco Grande, "We shall overcame". Ano 1967.

Pete Seeger recollera do pobo obreiro e do evanxelismo preto e ofreceulle aos parias da Terra "We shall overcame", parias que fixeron da canción un seu himno. A min acórdame agora un mitin de Bernardette Devlin no Bogside de Derry que se iniciou con "We shall overcame", naturalmente. O ano 1968 na Universidade galega única houbo revolta xeral con asembleas, folga, manifestacións, panfletos, procesamentos e expedientes a activistas. Os estudantes galegos en loita adoptaron como súa a canción de Pete Seeger traducida ao galego e gravada na Cataluña máis nacionalista. Con moita frecuencia os Grises disolvían con violencia e a golpe de porra grupos e masas de xoves interrumpindo o canto de "Venceremos nós". Tamén detiña e mandaba estudantes ao TOP para seren xulgados e presos.

Entro na exposición de Illa Couto e bato coa evocación dun episodio cuxo relato, segundo os datos de que dispoño, é como segue. En xuño de 1968, e cumprida aquela axitación estudantil que pasou á Historia, a UPG (apoiada por ADEG) convocou, nunha campaña de propaganda como nunca se vira baixo o franquismo, o pobo a se manifestar en Compostela o 25 de Xullo por Galicia e contra o fascismo: CNC (Concentración Nacional en Compostela) ou Día da Patria. Chegado o Día, a manifestación foi abortada pola policía e por elementos do exército que, armados e motorizados, ocuparon a cidade. Aínda así, coa BPS infiltrada en cada aglomeración humana, foi colocada nas árbores de entrada á Alameda unha pancarta coa lexenda seguinte: GALIZA CEIBE E SOCIALISTA! A Resistancia daba un paso adiante e rachaba cunha especie de bipartidismo que, na clandestinade, era aquilo que formaban o galeguismo e o partido comunista. Ao ano seguinte, en 1969, tamén se fixo propaganda para a CNC e igualmente houbo que renunciar á manifestación por acharse Compostela ocupada, esta vez só pola policía (Grises e BPS).

Foi entón cando as proximidades do Panteón de Ilustres de Bonaval foron tomadas por un destacamento de Grises ao mando do inspector Nieto, da BPS de Vigo. No interior do Panteón celebrouse a misa tradicional por Rosalía de Castro. Á saída dela, nas esqueiras de Bonaval, os asistentes cantaron o Himno Galego. Terminado este, un grupo de mozas, ao parecer estudantes, fixeron un círculo e atacaron o canto do "Venceremos nós". Un número elevado de persoas fixeron coro coas raparigas e xuntaron a elas as súas voces co cal o "Venceremos nós" resoou con moita forza no outeirelo de Bonaval. A policía indentificou a canción co himno estudantil rebelde e Nieto ordenou desfacer o grupo da esqueiras de Bonaval.

Xaime Illa Couto, persoa sincera e vehemente, foi un dos que se apresara a unirse aos que cantaban "Venceremos nós". Os policías empuñaron as porras e cargaron contra os concorrentes. Xaime Illa revirouse contra a forza brutal e increpouna, sen chegar ao insulto. Reducíronno e metéronno nun furgón, sempre so as ordes de Nieto, da BPS. Interrogáronno na comisaria e puxéronno a disposición do Xuíz ordinario de Instrucción, quen o remitiu a Mariscal de Gante, titular en Madrid do "Xuzgado de Orden Público". Con Illa en libertade provisional, as actuacións subiron ao "Tribunal de Orden Público" (TOP), quen confirmou o procesamento por manifestación e desordes. Foi xulgado en audiencia pública en Madrid, no edificio que o TOP compartía amistosamente, para escándalo do mundo civilizado, co Tribunal Supremo de España. Foi condenado, Illa Couto, a pesar da boa defensa que exerceu. Máis tarde, Illa resultou absolto na apelación á sala do Penal do Supremo.

Andando o tempo, en 1984 celebrouse naquel mesmo Bonaval a grande cerimonia esperpéntica da Transición en versión galega. Contra a opinión de todo o nacionalismo realmente existente, o corpo de Castelao, que, obviamente, non podía falar, foi trasladado da Chacarita a Bonaval. Nesas mesmas escaleiras das que vimos tratando, a policía volveu desenfundar as porras, agora os represivos uniformados de cor café con leite, e volveu mallar nos que protestaban, contra aquel acto de apropiación indebida, dito en pabras de Arístides Silveira. Castelao entrou no Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval arredado dos nacionalistas por dúas compañías de policías españois coa porra na man. Así comezou a Historia da actual Autonomía.

A excepción dalgúns erros, tan irrelevantes coma susceptibeis de seren subsanados, podemos decer que o discurso da exposición sobre Illa Couto que abre as súas portas na Casa Galega de Cultura é veraz e sumamente instructivo e didáctico. Os meus parabéns ao seu comisario X.L. Pastoriza Rozas.

CAIXA POSTAL

  • "Benquerido amigo: Remexendo en internet atopeime con este escrito que posiblemente xa coñeces. Aínda así, remítocho porque me chama a atención a relación que fai o autor entre as pasaxes do Don Quixote nas que se fala de Marcela e das "hacas galicianas" coa lenda (das dúas irmáns) sobre a orixe da Rapa das Bestas de Sabucedo. Como sei que estes temas son do teu interese, velaquí che vai copia do mencionado escrito. Hai algúns días mandeiche ao teu enderezo particular un libriño que me acaban de publicar en Madrid sobre as misións populares xesuíticas, esperando que sexa tamén do teu interese. Unha cordial aperta".Manuel Cabada CastroVIGOMoito agradecemos no Fondo dos Espellos estes dous envíos que nos fai o profesor Cabada Castro. O primeiro deles é un ensaio de Chad Leahy titulado "¿Lascivas o esquivas? La identidad geográfica y sexual de las yeguas gallegas en Don Quijote (I, 15)", en Cervantes. Bulletin of the Cervantes Society of América, 28, 2, 2008, paxs. 89-117. Nela o seu autor, un hispanista que coñece ben Galicia xa que estivo dous anos na Universidade de Compostela, relaciona a novela de Marcela, no Quixote, co capítulo no que os arrieiros (galegos na edición príncipe, yangüeses nas restantes) moen a fungueirazos o cabaleiro e o seu escudeiro, e máis có episodio no que aparece Maritornes. En realidade, hai moitas máis cousas de interese neste ensaio interpretativo que se refere globalmente á visión degradante que a España do Século XVII tivo do pobo galego, subalternizado e colonizado. Procuraremos, se é posíbel, traducir o texto de Chad Leahy ao galego para, se for posíbel, publicalo n´ A Trabe de Ouro.En canto ao outro envío, o libro que me acaba de chegar por partida dobre é: Manuel Cabada Castro, Crónica de un encuentro-desencuentro cultural. Análisis antropológico de las misiones populares jesuíticas en Galicia, Universidad de Comillas, Madrid, 1015. De novo, beizón. Aínda que non tiven tempo de o leer, este libro seguramente é unha valiosa aportación ao estudio dun fenómeno de imposición cultural que tivo grande relavancia na aldea galega do pasado: as chamadas "misións" que se celebraban nas nosas parroquias e estaban dirixidas por ordes relixiosas especializadas, neste caso a Compañía de Xesús.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats