Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os nomes da nosa xente na Era de Rosendo (878-985)

A actual Galicia, Asturias até o río Navia, o Bierzo e a provincia portuguesa do Minho son terras ateigadas de centos de nomes de lugar que perpetúan os nomes de señores protofeudais xermanos: Gondomar, Samil, Guimarães...

San Rosendo, fillo de Guter Méndez e de Aldara Eriz, abade de Celanova, bispo de Mondoñedo, de Iria e de Dume, cabeza da oligarquía nobiliaria da Galicia do seu tempo. // FdV

O documento de Odoíno que vimos visitando no Fondo dos Espellos é do ano 982 e nel aparecen mencionadas moitas persoas, polo que podemos consideralo unha mostra veraz da onomástica persoal dos galegos e das galegas de Era de Rosendo (878-985).

Na Era de Rosendo, e antes e despois, as xentes levaban un nome de pía e un apelido formado polo nome do pai coas terminacións -ez, -iz, -oz, que xa temos explicado aquí. O sistema deixou de funcionar no século XIII aproximadamente pero moitos de nós seguimos usando, xa sen valor estructural, aqueles patronímicos. Son, pois, moitos os Méndez e os Fernández cuxo pai non é nin Mendo nin Fernando.

A maioría dos nomes e dos patronímicos das persoas que figuran no documento que usamos son de orixe xermánica e sen referencia cristiá ninguna. Ademáis de Mendo/Hermenexildo e de Fernando, cuxo patronímico xa mencionamos, teñen esta procedencia os seguintes nomes: Balatarius, Odinus (o autor é protagonista), Odoario, Rodrigo, Todila (masculino), Veremundo ou Vermudo, Vimara (masc.), Sisenando, Sonna (masc.), Ermesinda (femenino), Froila (masc.), Elvira (fem.), Gundesindo, Gundisalvo ou Gonzalo, Ranemiro ou Ramiro, Gunderota.

Os lingüistas xa hai tempo que nos foron explicando o significado, que o teñen, e o étimo destes nomes xermanos. Aínda que Piel e os seus seguidores só se refiren ao carácter gótico de tan vasto elenco (Hispanogotische Namenbuch, titúlase o volume de Joseph M. Piel e Dieter Kremer) tal atribución non aparecía clara en Gamillscheg e en Meier-Lübke. Non podemos esquencer nunca que antes da chegada dos visigodos a Galicia eiquí reinaron so suevos, igualmente xermanos, desde o ano 412 o 585. Por outra parte, a actual Galicia, Asturias até o río Navia, o Bierzo e a provincia portuguesa do Minho son terras ateigadas de centos de nomes de lugar que perpetúan actualmente os nomes de señores protofeudais xermanos: Gondomar, Hermisende, Randulfe, Samil, Guimarães, Allariz, Amil, Baltar, Bertamiráns. Estes nomes de lugar só puideron formarse nun tempo no que rexía o caso latino xenitivo (non o caso xeral non suxeito), o cal nos leva a antes da invasión árabe e nos adentra nos días da hexemonía e poder dos suevos xermanos en Galicia. Este é un tema que os historiadores da lingua nosa deberían enfrontar cunha decisión que aínda non tivo ninguén.

Non deixa de resultar curioso que os nomes de persoa de orixe xermánica que usaron os antepasados nosos, e usamos aínda en nomes, apelidos e mais na toponimia, teñan significados ás veces poéticos e non poucas veces fachendosos e pretensiosos. Así Airas, de ser xermánico, tería relación coas aguias. Hermenexildo englobaría as nocións de grande e valente. O significado do noso Odoíno sería o de amigo da guerra. Rodrigo acumula as ideas de riqueza e de gloria. O misterio, a máxia e os cantos fúnebres combínanse no nome de Sisenando. Elvira, unha abadesa de Grou que perturbou moito a Odoíno, levaría no interior do seu nome o concepto de ledicia e de verdade. Chama moito a atención dos que se inician nos estudos de antroponimia galega o feito de que moitos nomes de persoa de orixe xermánica terminan nun -a que non é marca de feminino: Vimara, Froila, Liubila, Todila, Sonna, eran varóns e seguramente ben barbados.

Un grupo, menor ca o xermánico, de nomes vindos doutros territorios do norte da península (a excepción de Cataluña) son usados tamén en Galicia. Son eles de orixe descoñecida, que Menéndez Pidal e a súa escola quixeron definir como prerromanos e "indíxenas". O que non significa decer moito tendo en conta que na Gallaecia deberon de ser faladas máis dunha lingua antes de Roma e que na ampla área que consideramos estiveron, ademáis dos Galaicos, os Ástures, os Celtíberos e incluso os Íberos, lingüísticamente ben diversos: uns indoeuropeos e outros non. Algúns queren que estes nomes difícilmente clasificabeis e enigmáticos sexan de procedencia vasca, o cal soe encargarse de pór en dúbida Michelena. Na estoria de Odoíno son nomes deste tipo os seguintes: Vasco, Xemena, Guter ou Gutier, Sueiro, Oveco, Ordoño, Osorio. O vello e sabio Leite de Vasconcellos, sen embargo, considera Osorius (Osorio) unha simple metátese do latino Orosius que levou o noso grande historiador e xeógrafo latinogalaico.

Nomes latinos de persoa, non aparecen moitos. Sí que vemos Dulcidio, e un Paio (Pelagius) de avoenza grega. Este último foi moi usado na Era de Rosendo, seguramente pola fama que lle outorgou ao santo galego de tal nome un poema latino da monxa alemá Rosvitha que narra a estoria dun martirio terribel. Tirados da Biblia serían Salomón e Ieremías, que rechaman pola súa singularidade na paisaxe onomástica da "novela" de Odoíno.

Se saímos un intre do relato de Odoíno e procuramos noutros loci documentais da Era de Rosendo, veremos que, na familia deste bispo, abade e político oligárquico houbo unha destacada muller chamada Sarracina. Ela, cuñada de Rosendo, usaría de tal nome, igual ca outros e outras, como consecuencia da fascinación que o Califato de Córdoba e a cultura árabe exercían sobre os galegos daquel tempo. Aínda que sarraceno/a sexa voz de orixe aramea, na Era de Rosendo usouse para designar os habitantes de Al-Andalus. Correron outros nomes árabes na Galicia da Era de Rosendo, pero non entran na trama argumental de Odoíno e deles xa temos escrito noutro lugar. En todo caso, o nome de Sarracina cadra moi ben co edículo de San Miguel de Celanova que o marido dela, Froila Gutérrez, para alí ser enterrado mandou edificar segundo consta nunha lápida que pode lerse ben sobre a porta.

CAIXA POSTAL

  • "Caro amigo: Como ben sei que estás interesado na tríada (se así se pode expresar, Kristeva-Nerval-Rosalía, permítome remitirche un fragmento de Rof Carballo arredor do poeta francés, por se fose de utilidade -no caso de ti o descoñeceres- para completar as túas reflexións, editadas no núm. 3 d´A Trabe de Ouro en un artigo publicado en Faro de Vigo. Con todo o meu afecto.Francisco SampedroVigoEnvíanos esta amábel carta o noso amigo, e máis unhas fotocopias do libro de J. Rof Carballo titulado Violencia y ternura. Trata, polo que vexo, dun concepto, o de urdime materna, que é central, segundo penso, no pensamento antropolóxico e psicosomático do autor. Rof é un dos máis grandes intérpretes de literatura e, por tanto, de poesía dos que tratan desta función da linguaxe desde fora da filoloxía. Tamén el intenta falar desde fora da psiconálise, ainda que non sempre o consegue. Esta amósega que me proporciona o filósofo e excelente coñecedor da psicoanálise Francisco Sampedro provócame á lectura de Violencia y ternura, ao tempo que me fai acordante de vellos contactos que tiven co Rof de El hombre a prueba e, en galego, de Mito e realidade da Terra Nai.Como o profesor Sampedro sabe ben, a min pareceume que ao libro de Julia Kristeva titulado cun verso de Gérard de Nerval, Solei Noir, sobre a malenconía e a depresión, faltáballe a presenza de Rosalía de Castro. Ela, Rosalía, está misteriosamente ligara a Gérard de Nerval. Tanto, que eu escribín un relato didáctico no que o poeta francés aparecía como o verdadeiro e real pai de Rosalía. No conto, Nerval, nunha das súas viaxes compulsivas causadas, como explica Rof, pola carencia de urdime materna, coñece a nai de Rosalía e a parella ámase baixo unha lata de albariñas uvas, en Lestrove, á que agatuña unha roseira. Certamente Nerval escribiu, en "El desdichado", este verso: "où le pampre á la rose s´allie?" Ou sexa: "onde o pámpano á rosa se alía". Ou sexa: Rosalía. Eu imaxino que Soleil Noir de Kristeva sería un libro mellor se a autora tivese "Negra sombra" diante dos ollos igual que tivo "El desdichado". Beizón a Francisco Sampedro.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats