Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Romantismo e novela galega

O século XIX tivo e ten historiadores que souberon elucidar, cada un segundo o seu criterio, ese período no que a burguesía despraza ao clero e á nobreza para se asentar como clase dominante do país

Said Armesto, co neno prodixio músico Pepito Arriola. Este empuña aguillada e cóbrese coa monteira. Coro Aires da Terra. // FdV

Na súa donosa despedida do xénero novelístico, Ramón Otero Pedrayo propón un modelo de narración na que a biografía se confonde co relato histórico, non sen o adubo dunhas pingas de humorismo crítico. Estou a falar d´O señorito da Reboraina, novela que ten como protagonista a figura literaria e política de don Xohán Manoel Pereira, que tivo pazo e acougo das súas aventuras e viaxes en Reboreda, Redondela. Ao sair publicada a novela, escribiume don Ramón unha carta. "O primeiro morto que eu vin foi don Xoán Manoeliño" -dime nela. "Algo moi fondo e confuso díxome que, alén do que un home, morrera unha época de fronda apaixonada". Moitos anos máis tarde, nas derradeiras voltas do camino da vida, Otero Pedrayo escribía una aproximación luminosa ao tempo no que as Tres Luces axudaban a camiñar as nosas xentes.

Durante o liberalismo dos anos vinte do século XIX, na explosión do 1868, antes, no bienio revolucionario que se abre en 1854, vaise conformando, en España e en Galicia, unha sociedade de clases medias, ligada á administración (con ceses dramáticos polo medio) e ás profisións liberais, que adopta o librepensamento e se achega ao protonacionalismo, ao republicanismo, ao socialismo. O clero perde influencia desde o intre no que as desamortizacións deixan as ordes relixiosas, os cabidos e as dioceses sen recursos económicos.

Gonzalo Torrente Ballester, poño por caso, na triloxía Los Gozos y las Sombras e en La Saga/Fuga de J.B. (tamén en Fragmentos de Apocalipsis) bota man da memoria urbana de Galicia e do Fondo daqueles Espellos extrae figuras, por veces bonecos, que son cristalizacións das familias ceibes da Pontevedra e Ferrol que el ben coñecía polo rexoubes transxeracionais que se transmsitían arredor do braseiro, tutelar da pequena burguesía.

Na semana pasada falabamos de Víctor Said Armesto. Os seus avós, as súas avoas, os seus tíos e primos, o seu pai e a súa nai, as súas amizades de neno e de mozo, en Pontevedra e en Madrid formaban parte da pura tradición romántica a-relixiosa e revolucionaria. Familias coma a de Said Armesto foron moderadas nos períodos moderados militarmente, pero sobre todo foron obrigadas a moderarse e a someterse ideolóxicamente a partir de se implantar o réxime da Restauración nos anos setenta do século XIX, réxime que se prolongará até a dictadura de Primero de Rivera en 1923.

Eu imaxino agora una serie de novelas biográficas entre Balzac e Valle Inclán, cun toque folletinesco, que comecen no Ourense liberal e absolutista no que o deán Bedoya se enfronta con dureza a Quevedo Quintano, o cardenal-bispo, mentres o eco da revolta labrega de 1789 aínda resoa polas veigas limiás. A revolución de 1846 tería un sitio de honor e o relato non podía usar outro fío conductor que o sabre de Solís, que hoxe pode admirarse no Castelo de Santo Antón. Unha serie de novelas tiñan que ter Ferrol por centro. Alí o liberalismo iría contaminándose de espiritismo nos círculos militares mentres a burguesía de toga producía cara a fin do século o fenómeno das irmás Rodríguez Carballeira e os dous productos da súa pedagoxía perfeccionista e extrema: un deles foi o músico prodixioso, desde meniño, Pepito Arriola; o outro, a infeliz, admirada, chorada Hildegart. Co asasinato de Hildegart a mans da súa nai en 1935, podemos decer que o corpus das novelas románticas de Galicia vistas desde o tempo de hoxe remataría, e ben dolorosamente. A foto de Pepito Arriola cuberto coa monteira nacional galega de Said Armesto leva implícita un grande relato histórico.

Outra serie de novelas, entrelazadas máis ao modo das de Balzac ca ao xeito das de Zola, irían saltando en Pontevedra desde Xohán Manuel Pintos e o seu círculo de estudosos de Sarmiento ao Pintos Fonseca que adopta a relixión espírita tras demoradas lecturas de, por exemplo, Le Livre des médiums de Allan Kardec, até chegarmos os importante erudito Víctor Said Armesto, pasando pola figura poderosamente crítica e intelixente do seu familiar Indalecio Armesto.

En todo caso non se librarían Concepción Arenal, nin Rosalía, nin Murguía, nin a intelectual orgánica da Restauración, Pardo Bazán, de ter que lle ceder ao futuro novelista da revolución e das mentalidades libres de Galicia fragmentos das súas Apocalipses particulares e sociais. Familias enteiras coma as dos Chao, terían que ser vistas desde o intre en que o pai elabora (presuntamente) unha bomba destinada a executar un verdugo da Liberdade até un fillo que exerce o fugaz poder republicano e outro Chao que funda o Vigo intelectual contemporáneo ao crear, cos seus compañeiros, La Oliva. Nesta microhistoria, de mediar un xenio, podían ser utilizados os artigos de Otero Pedrayo sobre o Ourense decimonónico que os encargados de perpetuar a súa memoria parecen descoñecer.

O século XIX tivo e ten historiadores, algún excelente, que souberon elucidar, cada un segundo o seu criterio, ese período no que a burguesía despraza ao clero e á nobreza para se asentar como clase dominante do país. Hai importantísimas aproximacións literarias á época pero eu boto de menos una novelística que relate as idas e vidas, os padecementos e as glorias, das camadas revolucionarias e intelectuais. Son elas, cos labregos e obreiros e non banqueiros, nin os curtidores, nin os transportistas, nin os comerciantes e salgazoneiros, os que compuxeron a imaxe de Galicia nacional que non se rende.

CAIXA POSTAL

  • "Teño que decirche que te leo con moita atención. Agradezo a cita que fas sobre o Medulio. Tamén quero decirche que a verba broa que teu pai empregaba no mercado da Pedra, sigue viva. Concretamente na estrada de Ponteareas ás Neves hai un edificio adicado a panadería, propiedade dunha familia de Meder e de Leirado, que ten un grande letreiro que di A BROA. Alí fan cola os coches dos compradores da Broa. Os mesmos teñen no centro da vila de Ponteareas un despacho co mesmo nome: A BROA, onde tamén se fan grandes colas de xentes que van mercar pan e outros productos como empanadas, roscas, broa e máis. Quero dicirche que A BROA leva uns anos e vai sobre rodas. Teño moitas ganas de estar contigo. Se non antes, ao vir o tempo bo da Primavera, organizamos aquí una merenda con broa. Desde o corazón.Antón Alonso FontánMeder (Salvaterra)Quen me manda esta carta aclaratoria e un meu amigo desde hai máis de mil anos, ou sexa desde os tempos en que os nosos antepasados comúns construiron as forificacións do Medulio no monte de Sandomedio e alí resistiron. Algún debeu de quedar, porque senón nin Alonso Fontán nin eu estaríamos aquí defendendo a supervivencia da broa. Ao meu xuizo a palabra broa foi introducida no noso idioma, ao tempo incipiente, polos suevos,que eran xermanos. Non se refiriría aquela broa ao millo actual,que aínda estaba na América, senón ao millo miúdo que eiquí se cultivaba. Aínda hoxe o inglés, o alemán e as restantes linguas xermánicas, para designaren o pan, utilizaban palabras semellantes á nosa broa. Deséxolle moi boas festas a Antón Alonso Fontán e anceio que veña o tempo novo da Primavera para sentir cantar todas as aves do mundo no Condado de Salvaterra.Boas festas tamén lles desexo a todos os meus lectores e lectoras. Sen a lingua non somos nada. Digamos sempre broa.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats