Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Centenario de Said Armesto

Víctor Saiz Armesto. // MUSEO DO POBO GALEGO

María Elena Murais, neta de Xesús Muruais (1852-1903), introduciume hai anos no belo piso en penumbra no que vivía María Eugenia Said; esta, filla de Víctor Said Armesto (1871-1903). María Eugenia estaba a evacuar consultas sobre o destino que lle habería de dar aos documentos do seu pai. Ela xa ordenara, coa axuda dunha arquiveira particular, o expolio, que din os portugueses, daquel seu eruditísimo e simpático pai. Vin eu, á presa, fichas, papeletas, orixinais de libros e ensaios, a colección formidábel de romances galegos, un extracto de todo o existente sobre o tema de Tristán, mesmo partituras musicais, deseños e repertorios lexicográficos. E decateime de que estaba nun dos centros da memoria culta de Galicia. Aquel piso encontrábase no bairro madrileño de Salamanca e no Fondo dos Espello materializábase o ectoplasma de quen puido ser o fundador da filoloxía galega e non o foi porque o destino o levou moi cedo. Nunca esquecemos que Said usou a Biblioteca de Muruais como fixo a sa por Valle-Inclán. No intre que trato de evocar, a filla do sabio e a neta do que fora sabio e discípulo do sabio tomaban café e pastas comigo en canto se trataba do tema delicado de doar a algunha institución galega aquel tesouro.

Finalmente, o arquivo de Said Armesto foille entregado á Fundación Barrié por María Eugenia. Celébrase este ano o centenario da morte de Said Armesto e a Barrié fai honor á súa vocación ofrecendo na Coruña unha exposición suxerente e instructiva so a dirección de Diego Rodríguez González. A mostra compleméntase cun valioso volume, que é catálogo e obra colectiva sobre o autor que memoramos.

Entre outras cousas, a exposición Said Armesto da Coruña sérvenos para facer renacer no Fondo dos Espello a realidade social e intrahistórica da Pontevedra da segunda metade do século XIX e da primeira década do XX. O Madrid dos galegos que desde os días de Sarmiento á construcción contemporánea que levantou Ana Acuña, nunca se vai, tamén se amosa con viveza. E como era aquela Pontevedra?

Ante todo, unha capital de provincia instalada nun vello burgo comercial que crecerá no Outono da Idade Media. A igrexa católica tiña pouco peso e o arcebispado encontrábase lonxe, na outra punta da carrileira do prelado Malvar. Non había crus, si Muruais. Nada pois, semellante a Vetusta. A capital levantaba os seus novos emblemas, notoriamente a casa consistorial e a deputación/goberno civil, ao tempo en que as administración públicas ocupaban e aproveitaban as propiedades que foran das ordes monásticas e da dioceses.

Pontevedra era unha vila que participaba de dúas bisbarras: Morrazo e a Terra de Montes. Morraceiras eran (e son) as freguesías de Lourizán e de Salcedo, así como o arrabalde da Moureira.

Nos días de feira, as masas labregas de Mourente, Marcón, Tomeza, incluidas na cultura da Terra de Montes, invadían a vila co seu gando e productos agrícolas. Como por alí houbo sempre mestres de obra e finos pedreiros, desde a opulencia burguesa dos edificios de Sesmero até o maís sinxelo hórreo do rus urbanus, a pedra de gra rendía todas as súas posibilidades expresivas e funcionais. O mar e a pesca seguían estando alí, até o extremo de os señoritos faceren barbaridades cos arroaces e imitación das corridas de touros; nas Corbaceiras. No ano 1900 terminouse de tender a Ponte da Barca, que intentou unir Pontevedra co Salnés; sen éxito. A Fundación Figueroa favorecía centos de familias labregas do arredor que vían os seus fillos triunfar nas profisións liberais e postos administrativos.

Na Pontevedra da Restauración brillaba a cultura, o deporte arqueolóxico, a filosofía, a filarmonía, as artes visuais, o teatro, ao tempo que a "bourgeoisie de robe" organizaba festas e entroidos de salón e rúa. No relato conmumente aceptado da Pontevedra da Restauración nunca faltan os veraneos dos políticos de Madrid. En primeiro lugar: Montero Ríos, que alén do palacio espectacular de Lourizán comprou a illa de Tambo e a península dos Praceres para recreo dos seus convidados. Había no hinterland de Pontevedra outras mansión filisteas pero estas non tiñan a categoría da de Lourizán, nin os seus habitantes a talla do Cuco.

O librepensamento prosperaba nesta vila sen catedral. E con el, o ocultismo, o espiritismo e o submundo que nas cloacas da razón viña reproducíndose desde o século XVII en Europa co nome de teosofía. A masonería erguía as columnas dos seus templos e estes eran lugares de idealismo e perfeccionamento grupal. Masón, e adherido á Institución Libre de Enseñanza, era Federico Saiz Sánchez, o pai pedagogo de Said Armesto, e masona a súa nai Amelia Armesto Aldao. Non sabemos se esta señora, so o "simbólico" de Iris, integraba unha loxia de adopción regular para mulleres ou se xa formou parte da avanzadísima obediencia "Le Droit Humain" que se negaba a perpetuar a discriminación de sexos na orde francmasónica. Tamén Víctor Said Armesto perteneceu á masonería, co "simbólico" Aristides. E formouse, Víctor, nunha familia na que varias xeracións de mulleres e de homes amosaron comprensión e simpatía polo protestantismo, abrazaban os principios socialistas e republicanos e asumiron en diversos graos o programa protonacionalista de Murguía no ronsel autóctono de Pintos e Sarmiento.

Insistamos en que Said Armesto tivo no consello e nos libros de Xesús Muruais unha guía que o conduciu ao máis innovador das letras europeas e tamén á filoloxía, á crítica literaria e aos estudos de cultura popular. O primo, ou tío, Indalecio Armesto, marcáballe as liñas do alto pensamento e da filosofía. Cando Víctor Said Armesto parecía estar pronto para destacar en diversos ámbitos, a Morte cruzóuselle na vía e cortoulle o paso.

A Morte deulle o alto no camiño real (Malraux) e marcoulle co canto da gadaña o ritmo da súa danza. "A la dança venit los nascidos": motivo literario da Idade media crepuscular que Said Armesto coñecía ben.

Empoderamiento, la gente, sopa de letras

  • "Compañeiro Ferrín, son membro da Marea de Vigo e quero preguntarche, se sabes, por que os de Podemos usan tanto as palabras empoderarse/empoderamiento, la gente e, en tono despectivo, sopa de letras. Apertas."O Leirón do Lagares"VigoEvidentemente, son palabras escolleitas para facer parte dun idiolecto grupal. Unha forma tribal ou partidaria de lingua une moito e cohesiona. Empoderar é un anglicismo. Ven do inglés empower que significa "transmitir poderes", "habilitar", "facer delegado a alguén". Foi tan rápida a introducción deste anglicismo que a RAE xa o meteu no seu diccionario. Polo que leo, en España como unha forma atenuada de "ocupar" ou "tomar o poder". Soa moitísimo empoderamiento.Si nas declaracións recentes na prensa galega que fixo unha dirixente de Podemos, suliñei até vinte veces, a palabra, co seu artigo, sempre determinado, la gente. Nunca esa gente, nin una gente nin alguna gente. Para min, trátase doutro anglicismo. É traducción de people. A min acórdame o People´s Popular Party, tan redundante como simpático. Tamén me vén á memoria a canción, un punto sectaria e relixiosa, que en español dicía: "Viva la gente". Ao que parece tratan de eliminar, con esta la gente norteamericana e aparentemente neutra, as verbas clase ou clase obreira ou traballadores ou, mesmamente, pobo. É verdade que, para tal maquillaxe, eles, e outros, gastan moitos cidadanía, que ninguén sabe que quer decer nunha sociedade monárquica na que non existen os cidadáns e si só os súbditos.Sopa de letras é unha imaxe sarcástica, na que Podemos parece demostrar a súa aversión ao que en España e en Europa foi o Frente Popular. A sopa de letras do Frente Popular non foi aceptada en Alemaña, e gañou la gente de Hitler. En España a sopa de letras que trouxo o Frente Popular e fixo posíbel a resistencia ao fascismo estaba formaba por IR, PG, PSOE, PCE, UR, PRS, e respaldada, desde fora da sopeira, polos anarquistas. Sen ir máis lonxe, en Uruguay, acaba de triunfar Tabaré Vázquez, "empoderado" á presidencia por unha das que Podemos chama sopa de letras. Na República Oriental, e en Galicia, dicimos Frente Amplio.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats