Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O burgo e as termas

Todos os observadores da Historia pensan que Ourense naceu dos seus mananciais de augas quentes. É hipótese plausíbel.

A cidade reafírmase con forza nas súas orixes termais. // Iñaki Osorio

Diciamos na semana pasada que a interferencia rural na cidade de Ourense é un mito moi profundamente instituído en toda Galicia, es mesmamente aceptado por algúns dos renovos da vella torgueira das familias da capital. Ao revés que en Vigo, en Ourense non existen parroquias rurais antigas, seguramente con algunha excepción. Durante toda a Idade Media e Moderna, a única parroquia eclesiástica de Ourense era a de Trindade, no límite entre a cidade e os baldíos do Pousío ou Posío. Despois da desamortización, o neocatolicismo, moi activo na cidade, quixo dinamizar a vida relixiosa dos ourensanos. E creou, sobre a expropiación dos Xesuítas e a Desamortización, dúas parroquias novas, dentro sempre da cidade. Por prescripción ideolóxica, o bispo quixo dedicarllas a Santa Eufemia, personaxe de natureza fantástica cuxo relato conta que padeceu martirio en territorio da Diócese. Así foron fundadas as parroquias de "Santa Eufemia la Real del Centro", no templo da desposuída Compañía de Xesús, e "Santa Eufemia del Norte", na igrexa que fora dos Dominicos (todos lle seguen a chamar de Santo Domingo aínda agora). En Ourense xamais ninguén lle rezou a Santa Eufemia.

Así era sendo eu neno. Os das aldeas circundantes, que as había e levaban e levan nomes gozosos e divertidos como Cabeza de Vaca, Rabo de Galo ou Regueiro Fozado, dependían para a súa vida relixiosa das parroquias da cidade; aínda que a catedral exercía un poder inmenso sobre a poboación. Cando se botaban a vóo todas as campás da súa torre, as pombas de Ourense e do seu arredor fuxían entolecidas cara a cima do Montealgre, e aínda alén. A catedral, poño por caso, exercía os grandes ritos do dominio, anulando as parroquias, en Semana Santa; principalmente, para nós, os nenos, no Domingo de Ramos. Enchíanse as naves coas palmas ridículas dos meniños e meniñas de clase media. Os das aldeas de arredor e das rúas e barrios proletarios da cidade comparecían con enormes ramos e case con árbores enteiras de oliveira e mesmo de loureiro. Daquela berrabamos todos e, antes de chegar o bispo, sempre había un cóengo ou un sancristán de voz rouca e ameazante que nos impuña silencio.

Ourense coñeceu unha certa ruralización nos anos cuarenta do século XX. Lembro eu moi ben un día no que deron en estoupar acios de foguetes disparados desde o patín de Santa María a Madre, como era uso daquela na cidade. Era moito fogo, ao parecer da miña nai. Unha parella de rolas asiáticas que tiña eu nunha gaiola púxose a arrevoar alarmada. A rúa de Reza, desde o bairro do Couto, veu o laído fúnebre da sirea da fundición de Malingre, o cal ocasionou que todos os cans das casopas, casas compridas e últimas viñas do val da Barbaña porrompesen en oubeos doloridos e profundos. Como os foguetes non cesaban, a miña nai consultou por unha fiestra cos familiares e veciñanza amiga. "É que o Puente entrou en Ourense" -díxolle alguén. Ou sexa: o municipio de Canedo, ao que pertencía o populoso bairro do "Puente", incorporárase ao de Ourense. "Ah, (exclamou a miña nai), pareceume entender que os foguetes eran porque terminara a guerra". A guerra, isto é a do 39-45, aínda ía continuar algún tempo. Por ese detalle coido que a absorción do municipio de Canedo polo de Ourense debeu de correr antes de 1945.

Coa incorporación do concello de Canedo, na marxe dereita do río Miño, entraron a Ourense verdadeiras e antigas freguesías rurais e famosas aldeas. Entrou as Caldas, aínda que, debido á instalación da estación de ferrocarril no século XIX, xa se tiña creado alí un importante núcleo urbano. Chamábase este o "Puente". Tiña praza de abastos, algúns hoteis, importantísimas casas de comercio, moitas fundadas por empresarios orixinarios de fóra de Galicia, e algún que outro café cantante ou cabaret imperfecto dos que se estilaban daquela na zona. O bairro do "Puente", noutra orde de cousas, foi unha das vías de penetración na cidade da denominación evanxélica Asemblea de Irmáns, que en Ourense se mantén e florece. Da vella freguesía rural das Caldas a penas quedan algunhas casas do Pombal, de Reza a Vella, e as ruínas de Casardomato. Queda, de momento e co mesmo nome das Caldas, o venerábel cemiterio no que repousan os corpos de moitos dos meus antepasados. Outras freguesías rurais do antigo concello de Canedo pasaron ao de Ourense, e algunhas aí seguen tan campantes e felizmente situadas nos belos sitios nos que as plantaran os fundadores na noite dos tempos pasados. Tal é o caso de Cudeiro.

Ourense, hoxe debe de ser a terceira cidade de Galicia en número de habitantes. Sempre, desde a súa fundación nos días de Roma, foi urbe. Hai un intre histórico no cal persoas, que se nos ofrecen enigmáticas e novelescas, como Calpurnia Abana, lle oferecen alí gratitude ás ninfas da Burga. Pensamos que as augas quentes de Ourense deberon de ser causa da presenza no lugar, sólidamente cimentada na tradición, da monarquía sueva. De feito, o seu bispado é dos considerados antigos na Gallaecia. Certo que hai crónicas que aseguran que os árabes de Abdelaziz reduciron Ourense a cinsa. Pero seguro que algo da cidade perduraría porque na Idade Media non parou de medrar en importancia burguesa. Na Idade Contemporánea, Ourense coñece un estoupido económico a causa da liberación das rendas e propiedades que propiciou as desamortizacións dos bens eclesiásticos.

Mentres a provincia que lle debuxou a Ourense Javier de Burgos non fixo máis que perder poboación nos finais do século XX e no que vai de XXI, a capital non coñeceu retrocedeso de poboación. Todos os observadores da Historia pensan que Ourense naceu dos seus mananciais de augas quentes. É hipótese plausíbel. Mesmo existen interpretacións que, no dominio da lingüística indoeuropea e da doutrina dos Antigos Europeos, consideran que Auria, o vello nome, e Oira, que é unha ribeira hoxe do Miño próxima á cidade, teñen unha orixe prehistórica referida ás augas, o que non cabe dúbida que acontece a respecto de Burga. Alguén con inxenio falou dun étimo xermánico Warm See ("lago ou Mar Quente") para Ourense. O caso é que, hoxe, fiel ás súas orixes ancestrais, a cidade reafírmase con forza nas súas orixes termais. Dinme que hai persoas que viaxan a Ourense para tomar os baños, nas novas caldas.

CAIXA POSTAL

  • Moito ben envolveito e apertado coa súa baraciña chégame á casa desde a cidade de Porto un libro incomparábel. El está formado por catro unidades anteriores tituladas, por esta orde, Rabo de Gato, Moustache, Garrafas e nonsense. Trátase da colección de deseños dos que é autor Augusto Baptista, un grande do lapis e da intelixencia poética do grafismo. Constitúe acontecemento adicional ao valor propio da obra, que esta non teña texto ninguén e que, sen embargo, apareza editada pola nosa querida Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto. O que quer decer que alguén, desde logo Augusto Baptista, pode revelarse como alto home de letras nun libro que non conteña letras ningunhas, non sendo as dos títulos. Como xulgo que nos encontramos nun intre de crise do grafismo de intervención intelectual, eu permítome recomendar esta obra aos que gostan dos trazos esenciais destinados a encontrarnos con nós mesmos, coa sabedoría crítica e co humor en estado de emulación de si mesmo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats