Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ceibes en Sálvora

Ceibes en Sálvora

Como saben vostedes, os cabalos galegos son, probabelmente, os máis citados polos autores da Antigüedade. O doutor Cabada Castro, no seu espléndido estudo sobre rapa das bestas de Sabucedo, trata de modo exhaustivo da presenza do cabalo da Gallaecia na literatura clásica.

Tamén aparecen cabalos galegos en obras importantes posteriores. Poucas xentes teñen reparado en que a nosa raza autóctona e ancestral é a única que, co nome da "faca galiciana", aparece identificada por Cervantes no seu Quixote.

E ben, ao longo dos séculos, e dos milenios, os nosos cabalos fóronse mestizando e a raza perdeu pureza, aínda que se mantén básicamente nos animais que viven en réxime de liberdade nos montes, cada vez máis maltratados polos que consideran que o aproveitamento forestal é o único posible nos espazos ermos de carácter comunal.

Como en Galicia ten habido moi pouca preocupación polas razas autóctonas de animais domésticos, o noso cabalo nun foi regulamentado até hai moi pouco tempo. Penso que foi Rof Codina, o pai da zootecnia e da gandeiría de Galicia, quen nos anos vinte do século pasado describiu por primeira vez as características do noso cabalo, chamándolle "ponny gallego". Coido que foi el, portanto, quen asociou, con acerto, a nosa raza coas afíns de Irlanda, como é o ponny de Connemara.

Mercé á loita contínua dunha asociación que preside Juaquín G. Troncoso e que coordina Xacobo Pérez Paz, e á colaboración e entusiasmo de moitas persoas, a Xunta de Galicia, xa que estes asuntos entran no campo das súas competencias, oficializou e definiu as características do cabalo autóctono, ao que chamou Pura Raza Galega (PRG). A asociación, consecuentemente, pasou a denominarse do PRG, cuxas características morfolóxicas foron precisadas no decreto que viu a luz no DOG en 2001. Abriuse o Libro Xenealóxico do cabalo PRG e este encóntrase custodiado pola Asociación, que ten o seu centro e a súa sede en Sergude, no alfoz de Compostela.

Considerouse que o PRG tiña que ter un lugar que, en forma de reserva privilexiada, os animais de raza seleccionada puidesen vivir e reproducirse. Ese santuario debía reunir as características seguintes: Permitiría que os cabalos vivisen en réxime de liberdade e estes estarían protexidos do contacto con outras razas equinas. Nada mellor, para estes efectos que unha, ou máis, das nosas fermosísimas illas que son o mellor tesouro das Rías Baixas. Tratouse, pois de implicar no proxecto ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e o seu director, o doutor Xosé Antonio Fernández Bouzas, tomou o asunto co interese que merecía. Aceptado o proxecto polas autoridades da Xunta, foron seleccionadas catro bestas e un cabalo. Das eugas, catro son de pelaxe castaña e unha de pelaxe preta. O cabalo é castaño. Compre aclarar que, na características lexisladas do PRG, só se permite a pelaxe castaña e a negra.

As bestas chámanse Xestosa, Xesta III, Mimosa de Oza e Regavella. O cabalo é Gramillero.

A illa elexida foi a de Sálvora, propiedade da Xunta de Galicia. Polo que me explican, Sálvora sempre foi un espacio dedicada á cria de animais. Como Ons e as Cíes, e naturalmente outras, Sálvora nob é salvaxe. Está profundamente humanizade desde a noite dos tempos, aínda con características culturais propias. A súa situación fronte ao Atlántico aberto, e na boca do mar da Arousa, que tamén é unha illa, ocasionou que en Sálvora ocorreran moitos episodios de naufraxios famosos cuxa memoria persiste. Os homes, e as mulleres, habitantes de Sálvora, foron protagonistas de salvamentos que pasaron á memoria colectiva e á historia do nosos mares. De naufraxios nas costas de Galicia fala, e con facundia e beleza, Camilo José Cela na Madera de Boj, a súa novela, ou cousa así, derradeira. Eu supoño que os habitantes de Sálvora tamén se beneficiarían das crebas que o mar bota en terra, como o siguen facendo os da illa de Ouessant no Armor de Bretaña e da illa de Aran situada a Ueste de Irlanda. Hoxe Sálvora, cuxa propiedade pasou de man en man, non ten habitantes estables e radicados. Pero é o espazo no que vivirá a cerna da raza equina que os galegos souberon manter e coidar desde a prehistoria.

As eguas de Sálvora non empreñarán do vento mareiro pero si de Gramillero. E irán botando, en dirección ao Futuro, bonitos poldros negros e castaños que se irán retirando conforme a un plan para manter estábel a poboación. O griñón remudarase co tempo e as eguas tamén. Por cima, instaláronlle un GPS vía satélite a Gramillero de modo que se están a observar, por primeira vez, os movementos dunha grea ou manda de cabalos galegos en réxime de libertade.

Quedou tan ben a operación, que eu xa estou a ouvir por aí certos díxome-díxome. Seica, máis adiante, algúen vai insistir para que o Parque Natural acceda a que se ceiben greas de eguas e cabalos PRG nas restantes Illas Atlánticas.

Compartir el artículo

stats