Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Polo regreso de Concepción Arenal

A corporación municipal de Ourense acordou, en 1968, que a estatua debía arrincarse das frondas dos seus "jardinillos" e separarse dos risos dos nenos e do rechouchío dos paxaros das acacias de bola

X. L. Méndez Ferrín

Diciamos en sábados pasados que a cidade de Ourense, en 1876, viu como a súa élite intelectual se dividía en dúas, por lle pedir emprestadas as verbas a Mao Tse-tung. Dunha parte os que querían, no certame convocado en memoria do Padre Feixóo, premiar unha Pardo Bazán reaccionaria e, doutra, os admiradores daquela Concepción Arenal que, para o bispo e algúns próceres desprendía un mefítico cheirume setembrino. Retirouse Miguel Morayta da competición; ou mellor: retirárono. Dirimido o caso en Oviedo, Arenal resultou eliminada e Pardo Bazán recibíu un accésit de consolación.

Así as cousas, produciuse a síntese. Ourense levantoulle, en 1887, unha estatua ao Padre Feixóo e dispuxo, arredor dela, uns "jardinillos". Estatua e "jardinillos" chegaron indemnes aos nosos días. Na erección do monumento e nos actos correspondentes participaron, nun paripé moi propio da Restauración, persoas de varias ideoloxías. De calquera modo, todo parece indicarnos que a ferida do concurso cerraba en falso. O rexeitamento do estudo sobre o Padre Feixóo que enviara a Ourense Concepción Arenal aínda lle doía a moita xente na cidade.

Tamén é verdade que o día da inauguración (8-IX-1887) da estatua de Feixóo, todos tiñan na memoria que o bispo Cesáreo Rodrigo, uns anos antes, denunciara a Curros Enríquez e estivera a punto de dar cos ósos do poeta na cárcere. Curros, naquel tempo, estaba entre os grandes admiradores laicos e masónicos do Padre Feixóo. Certo, o de Celanova dedicoulle ao Padre Mestre numerosos escritos e, ainda, o meteu dentro dos "tercetos de fuego" d´O divino Sainete.

"Había que intervenir", escribiría Azorín para dar conta do estado de ánimo orixinal da que coñecemos como xeración do 98. E foi así, co escándalo da guerra de Cuba a roer na conciencia progresista, que xurdiu en Ourense a idea dun acto de desagravio a Concepción Arenal en forma de monumento xemeo ao do Padre Feixóo. Daquela en 1896, Vicente Nomdedeu e Alberto García Ferreiro, desde o xornal demócrata El Derecho, interviñeron de vez en cando para conseguiren o monumento a Concepción Arenal que resultou inaugurado en 1899 xunto cos "jardinillos" correspondentes.

A estatua de Concepción Arenal é obra do escultor Aniceto Marinas e rodeouse dunha protección soberbia, en granito e ferro, que igual ca o pedestal, foi deseñada por Ramón Parada Justel. A efixie da escritora mide uns dous metros e constitúe una obra poderosa do realismo académico con algunas pingueiras simbolizantes que informan o pobo da actividade intelectual da persoa enternizada en Ourense. Nenos de varias xeracións medraron arredor daquela Concepción Arenal e naqueles "jardincillos" que para eles representaban o Paraíso. A figura en bronce de Concepción Arenal irá sempre unida, no Fondo dos Espellos, aos meus xogos infantís máis temperaos. Moitas veces, a señora, co seu echarpe, o moño,a bata longa, aparecéuse en soños como una fada amábel e docente.

Con Nomdedeu foi principal promotor do monumento, como vimos dicindo, Alberto García Ferreiro(1860-1902), abogado, excelente poeta e colaborador de El Derecho. Este xornal ourensán unía a esquerda posíbel con apetencias de anovamento literario. Nel colaboraban Francisco Álvarez de Nóvoa e Heraclio Pérez Placer, que figuran entre o mellor da que temos chamado Xeración Antre Dous Séculos. Para nós, o monumento e desagravio a Concepción Arenal constitúe tamén un dos que Petersen chamou "actos xeneracionais". Non lles interesaba, a aqueles brillantes escritores de Ourense, una Pardo Bazán realista e acomodada no sistema da Restauración e sí a radicalidade humanitaria e utopista de Concepción Arenal. Esta, desde a solaina do pazo dos Choróns de Vigo, escribiu a Ourense para asegurar, con sinceridade que non se consideraba digna dunha estatua. Morrería ao pouco tempo e o seu corpo xace, so outro espléndido monumento, este etimolóxicamente mortuorio no cemiterio de Pereiró.

Pero a nosa crónica de agravios non terminará aquí. A corporación municipal de Ourense acordou, en 1968, que a estatua de Concepción Arenal debía arrincarse das frondas dos seus "jardinillos" e separarse dos risos dos nenos e do rechouchío dos paxaros das acacias de bola que tanto odiaba Vicente Risco. Así que desraizaron a estatua cun guindastre e a levaron ás altas horas da noite. Puxeron á probe de Concepción sobre o novo soporte, este sen categoría e emprazada frente un palacio de xustiza carente de nobreza. Ocurreu en 1969.

O pobo opúxose ao malfeito e mesmo circularon pasquíns e houbo protestas moi serias en Ourense. Diferentes intelectuais a toda a opinión pública manifestáronse contra o atentado á Historia que representaba o traslado do monumento a Concepción Arenal. Blanco Amor, entre outros, deixou constancia escrita do desastre e Otero Pedrayo, en función de cronista oficial de Ourense, fixo pública a súa repulsa polo menos en dúas ocasións. Eu só percibín un Don Ramón tan indignado no convite a Celso Emilio Ferreiro de 1966 cando o noso Mestre se referiu ao asolagamento das veigas de Castrelo de Miño. Pero non houbo caso, e venceu o poder municipal franquista. Advirto que esta historia está ben contada por María das Mercedes Gallego Esperanza no seu libro sobre as estatuas de Ourense.

Agora compre que una nova xeración ourensá faga campaña, ao modo de Nomdedeu e García Ferreiro, a favor do regreso do monumento de Concepción Arenal aos seus "jardinillos" orixinais. A propósito, alguén sabe onde foron parar o pedestal e a protección primitiva do monumento que un día deseñara Parada justel?

Papiniano Carlos

  • Regresou Papiniano Carlos, home e poeta do Porto, e predominante alá no Fondo dos Espellos de mocidade. Non sei se el é hoxe vivo ou morto. Nacido na década dos anos vinte do século pasado, Papiniano usaba un nome literario que era o seu, por máis que parecese un pseudónimo. El pertencía á segunda vaga do que os críticos portugueses chamaban "neorrealismo".Na miña memoria vai co Egito Gonçalves, e tamén cun poeta que os máis de vostedes coñecerán so outras advocacións, como é o caso daquel José Saramago que facía poesía socialrealista e aínda non lle virara a cara a Fidel Castro dicindo en castelán: "hasta aquí hemos llegao". Papiniano é poeta intenso, non experimental máis interrogador do propio texto. Xa de novo soñou transgreder as fronteiras imperiais dos xéneros, ese imposíbel infelizmente reiterado polo pos-modernismo. Cando era mozo el, a PIDE foille á casa en Azeméis e prendeuno para o acusar non sei exactamente de que cousa. O Papiniano foi membro formal e activo desde rapaz do que era o verdadeiro partido da oposición ao fascismo de Oliveira Salazar. Era membro do Partido Comunista Portugués, que xamais cedera á falacia eurocomunista. Papiniano Carlos fixera imprimir modestamente en Azeméis, no hinterland da cidade do Porto, onde el moraba, un libro de contos e poemas (vexan a transgresión dos xéneros) titulados As florestas e os Ventos. A PIDE prendeu o Papiniano e nas súas dependencias maltratouno e mallou nel. Tamén lle confiscou exemplares do seu libriño. Logo a PIDE foi por todas as librarías do Porto, pola Avenida dos Aliados, polas vellas da rúa das Flores que aínda ficaban no meo das tendas dos ourives, mesmo pola Lello dos Clérigos en procura d´As Florestas e os Ventos. Levou todo a PIDE de Salazar. A excepción duns pouquiños exemplares do libro que algúns adictos compraran, a edición d´As Florestas e os Ventos ficou policiacamente esgotada. Certo que os seus textos, penso eu que todos, foron reeditados. Mais aquel libro orixinal foi feito desaparecer pola PIDE case ao completo. Hoxe os nosos amigos e compañeiros da Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto, sempre amigos de Galicia e da Liberdade, sacan á luz una edición facsimilar perfecta d´As Florestas e os Ventos do Papiniano, saudoso e admirado amigo e poeta. Parece un milagre en forma de resurrección. O libro que non chegou a vivir como tal coñece agora unha nova existencia. Felizmente, ven acompañado dunha nota exenta e non incorporada ás páxinas, do catedrático e sociólogo Bruno Monteiro que sitúa Papiniano Carlos no seu tempo histórico. Beizón a el e á Associação. Temos agora na mán un libro que non poidemos ver na nosa adolescencia e primeira mocidade.

Compartir el artículo

stats